Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital asilo de Vilalba (21)

jueves, 19 de febrero de 2015
Ano 1923
Segunda etapa das obras


† Arturo Basanta Silva. Sacerdote das oblatas de Ferrol, faleceu o 19 de xaneiro de 1923 á idade de 40 anos. Eran os seus irmáns: Víctor, secretario do Concello de Vilalba; Francisco, farmacéutico titular do Concello; Ramón, avogado e oficial de Facenda; Eugenio, médico forense substituto deste partido xudicial; Carmen; Andrés, xuíz de instrución en excedencia e Santiago, avogado do Estado. Eran os seus tíos: Víctor, Consolación e Asunción Silva Posada e Manuel García Olano. Cumpríanse dous anos do falecemento de seu pai, Andrés Basanta Olano, alcalde de Vilalba e primeiro presidente da Comisión Executiva para a construción do hospital.
O Hospital asilo de Vilalba (21)
«La voz de Oleiros». Baixo esta cabeceira publicáronse polo menos tres números dun «Periódico mensual defensor de los intereses de la parroquia de Oleiros y su comarca» O primeiro corresponde ó mes de xaneiro de 1922. Figuran como director Carmelo Pérez e como administrador José E. Chanot. Continuaba a tendencia conservadora doutros xornais da época.
As súas saídas foron irregulares. En febreiro de 1925 «El Villalbés» informará que por mor das faenas agrícolas diarias que pesan sobre os colaboradores de «La Voz de Oleiros», o xornal quedara suspendido nos últimos meses, pero que volvería aparecer.

Propósito loable. A Irmandade Nacionalista pretende reunir nun volume as poesías do inspirado vate e sacerdote, defunto hai anos e enterrado en Mourence, José Ma Chao Ledo. O prólogo estará a cargo do cronista da cidade de Mondoñedo, Eduardo Lence Santar.
Tal proxecto non se levou a cabo e, como se dirá máis adiante, só a insistencia e tesón de Antonio García Hermida xunto coas súas amizades na emigración arxentina lograron que as poesías de Chao Ledo puidesen ser impresas en 1931.
A Irmandade celebrou no «Círculo de Artesanos» unha velada literaria coa declamación de varias obras, entre elas unha da poetisa Carmen Prieto Rouco.

Melloras importantes. En febreiro o «Heraldo de Vilalba» ofrece as seguintes noticias:
–Xa se acabaron as beirarrúas en Cos
–Vanse iniciar as da rúa Conde Pallares.
–Vaise transformar a rúa Manuel Mato, que quedará moi vistosa.
–Vaise construír unha ampla beirarrúa na praza do Castelo.
–O Estado ampliou o crédito ata 1.000 ₧ anuais para arrendamento do edificio de telégrafos. Con esta cantidade non debería quedar vacante como en anterior ocasión.
–Tense pedido o amaño da estrada de Momán, no tramo que comprende a Ferrería. Tamén o amaño da ponte Rodríguez.

Festas de verán. As parroquias celebran os seus padróns. Destácase a celebrada na ermida de Santiago de Bordelle, pois foi costeada polo habaneiro Edorardo Gato. A función relixiosa estivo a cargo de Vicente García Hermida, capelán, profesor da «Escuela Aguirre», de Ferrol, e irmán de Antonio García Hermida

Teléfonos. En agosto xa se abriu este servizo na localidade.

«A Xusticia». O 25 de xullo reapareceu este xornal. O «Heraldo de Villalba» deséxalle longa vida.

Comisión Executiva do 3 de decembro. As obras do hospital asilo continuaban estancadas. O intento de revitalizalas en 1921 non chegara callar.
Nesta data volve reunirse a Comisión cun novo presidente dinámico e emprendedor que contaba con capacidade e medios para reunir fondos con destino a tan desexada empresa: Agustín López Arias. Tamén influíu que nos últimos dous anos faleceran outros tres membros fundadores: † José Ma Orosa, † Víctor Andrade e † Ignacio Cacharrón que ocupaban os cargos de presidente, vicepresidente e secretario. Foi así que cumpriu renovar a composición da Comisión. Para cubrir os ocos baleiros incorpóranse Eliseo Díaz Anllo, médico; José Cacharrón López, secretario do Concello; e Manuel Pardo Villarino, habaneiro santaballés de fortuna.
Manuel García Olano, como contador, informa da relación de ingresos e gastos. Ofrecen un saldo positivo de 8.808, 23 ₧.
Á proposta de Agustín López Arias dáse un voto de agradecemento ó señor Francisco Basanta Silva, tesoureiro, por facer doazón de 1.338,25 ₧ para as obras, cantidade que fora o seu salario de varios anos como farmacéutico municipal.

Comisión Executiva de 30 de decembro. Volve reunirse para tomar decisións. A primeira foi a de distribuír responsabilidades:
Presidente: Agustín López Arias.
Vicepresidente: Eliseo Díaz Anllo.
Secretario: José Manuel Cacharrón López.
Contador: Manuel García Olano.
Tesoureiro: Francisco Basanta Silva.
Vogais: Juan Ramos Cabado, párroco. Antonio Fraiz Vizoso, construtor. Manuel Pardo Villarino, habaneiro. Enrique Canto Cao, comerciante. Manuel Rouco Fernández.
Adoptáronse os seguintes acordos:
1. Acabar en primeiro lugar a á dereita do edificio e concentrar obras e recursos nesta zona.
2. Enviar circulares ás colectividades americanas de vilalbeses comunicándolles a continuidade do proxecto. Ó tempo noméanse vocais honorarios da Comisión ós presidentes destas asociacións.
3. Indagar o prezo da madeira na Coruña para que artesáns locais confeccionen portas e ventás da á dereita.
4. Cesar a calquera membro da Comisión que falte máis de tres veces consecutivas.
5. O párroco Ramos Cavado fai a observación de que se ve na obriga de ausentarse da vila por tempo indeterminado para poder atender a súa quebrantada saúde, pero deixa constancia de que regresará axiña que as súas forzas llo permitan. Os presentes deséxanlle unha pronta e completa melloría. A carta enviada ós vilalbeses emigrados iría acompañada por unha foto do edificio construído. Case con seguridade é a que se reproduce na páxina seguinte, pois os seus detalles construtivos coinciden coa descrición do que xa se pagara e os vaos do edificio estaban sen portas nin ventás.

O ferrocarril de Lugo a Ribadeo por Vilalba e Mondoñedo. Unha vez máis, e non será a última, «Heraldo de Villalba» de 31 de decembro volve sobre o asunto. A economía non despega, os comerciantes pasan apuros, os transportes son decisivos para a circulación de mercadorías. Polo tanto é vital construír o ferrocarril.

Fábrica de queixos e manteiga. Por fin quedou instalada por un industrial de fóra da localidade. Emprázase na estrada de Ferrol. Informacións verbais din que se situou na actual rúa Plácido Peña, á altura do número 10.

Campo de experimentación agrícola. É obra moi ansiada tanto por sindicatos agrarios católicos como por autoridades. A través del mostraríanse modernas técnicas de cultivos e melloras das razas de gando. Por fin o Estado concedeu esta aspiración. Agora quedaba o reto de facela realidade.O Hospital asilo de Vilalba (21)
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES