Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Chanfainas e pastelóns

lunes, 16 de febrero de 2015
Máis pronto ca tarde, xa que andamos -como dixen esoutro día- en tempos de "carnestolendas" ou, o que ven a ser o mesmo, no preludio da coresma, vou cumprir co prometido e facerme eco dalgúns dos menús cos que hai 200 anos "enchían o bandullo" os monxes da comunidade bieita que habitaba o cenobio da miña vila denantes de que Mendizábal promovera a revolución desamortizadora.

O libro do freire anónimo que ando a refollar estes días reproduce un pequeno capítulo titulado "comida del monje" no que se relatan algúns deses menús segundo a festividade que fose celebrarse e segundo fose almorzo, xantar ou cea ou mesmo segundo fose a categoría do comensal no escalafón conventual, que tamén para isto había diferencias.

Así, nun día ordinario pola mañá, se o monxe se achegaba ó refectorio a almorzar adoitaba facelo "con medio panecillo, un plato de sangrecilla y un poco de vino", mentres que o xantar, tamén dun día calquera, reducíase a "una taza de caldo, un plato de verdura con un poco de tocino y otro plato de carnero o vaca en dos trozos", cada un dos cales debería pesar "media libra gallega".

Outra cousa era a bebida, é dicir, o viño, no que xa non había tanta taxa, cousa que deixa claro o relator ó indicar que "de vino no se pone medida fixa ni determinada a los que comen en el refectorio, sino que se les va echando según lo piden, bien sea de vino tinto o bien sea de vino blanco, pues de uno y otro es estilo llevar al refectorio".

Polo que respecta á cea, tendo en conta que estamos falando de días cotiáns, sen ningunha celebración específica, a comunidade en xeral víase servida cun "platillo de verdura, un par de huevos estrellados y media libra de baca guisada en un trozo". E nada máis, di o monxe, a non ser o sábado, "en cuyo día se da un plato de callos, patas guisadas en lugar del trozo de vaca y a más de esto se da postre".

Aínda que a variedade -como dixen- é ampla, non debo rematar a columna sen facerme eco de dous platos con nomes poderosos e que me resultan especialmente significativos porque deixaron de formar parte da nosa gastronomía.

Ó primeiro chamábanlle "chanfaina" e compúñase de boches de año e ovos, mentres que o segundo recibía o nome de "pastelón" e non era outra cousa ca un "trozo de tarta hecha con carne picada, azúcar e pasas".

Ovos escalfados, fígado e riles de carneiro, e por suposto pescado, aínda sen especificar, eran outros alimentos que, actualizados, poderían compoñer -¿por que non?- unha carta tan persoal como turística.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES