Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha ollada aos papas até Francisco (e III)

lunes, 16 de febrero de 2015
“E que dis do papa Francisco?”
A elección do Papa Francisco, cardeal Jorge Mario Bergolgio en Bos Aires, fainos revivir á forza uns tempos ben ominosos da ditadura militar arxentina de 1976-1983, coa que a xerarquía foi cómplice. Por aquel tempo aparecía nos medios de Europa o rexeitamento desa dura situación. Como exemplo, pódese lembrar a publicación no xornal L´Espresso italiano dunha foto do ditador Videla, que fora á proclamación do Papa Xoán Paulo I, e na aperta de saúdo protocolario aparece a pegada da man ensanguentada na sotana branca do Papa. Máis adiante aparece outra foto escandalosa de Xoán Paulo II dándolle a comuñón a Videla. Hai que citar, emporiso, que houbo claramente en contra desta ditadura: o bispo, Jorge Novak, que denunciou claramente os crimes da ditadura, o asasinato do bispo Angelelli, o martirio de dous sacerdotes, desaparición de eclesiásticos, monxas e a axentes de pastoral. Diante destes crimes moitos bispos arxentinos respondían coa frase terrible “en algo andarás”.

Neste tempo o sacerdote Jorge Mario Bergoglio era superior dos Xesuitas. O cura da parroquia de Jesús el Buen Pastor, Eduardo de la Serna, coordinador do Crupo de Curas en Opción po los Pobres, “puido dar –manifesta- algúns pasos que serían moi oportunos”, aínda que, segundo outros, coas súas consabidas prácticas eclesiásticas conseguiu certos logros positivos dentro desa dura represión da ditadura arxentina. Coñecemos as palabras do Premio Nobel da Paz, Pérez Esquível, afirmando que non foi cómplice da ditadura. “Non estivo na avanzada en defensa dos dereitos humanos, preferiu máis unha defensa silenciosa”. Eduardo de la Serna e o teólogo Juan Carlos Scanonne, moi próximo á Teoloxía da Liberación, antigo profesor de Bergolio, contan: “O futuro papa retirouse á cidade de Córdoba cando estaba a pasar pola noite escura espiritual. De alí, somos testemuñas, saíu totalmente outro”. Moi pronto é nomeado bispo auxiliar e logo chega a arcebispo de Bos Aires e cardeal da Igrexa.

Mais deixemos a súa historia pasada, que por outra parte destacou como bispo próximo á xente, utilizaba os medios públicos de transporte, e promoveu unha igrexa comprometida co pobo. Agora como unha segunda saída transformada como aquela de Córdoba, tócanos, xa que logo, recoller as primeiras impresións sobre o Papa Francisco.

Cando aquelas primeiras declaracións nas que os cardeais tiñan que deixar de ser “príncipes”, estes chamados pastores da Igrexa o que teñen que ter é un ulido á ovella; desbotaba condenar aos divorciados, homosexuais; os locais baleiros da clerecía dispoñelos para xente sen casa; a rehabilitación da Teoloxía da Liberación por unha igrexa dos pobres, desvencellada do poder e das ditaduras. Todos isto nos fai dar un suspiro de satisfacción Despois de tanto tempo con papas entre os que só nos tocou experimentar por un intre a lumieira dun lóstrego de Xoán XXIII, agora parece que ven unha lumeirada co Papa Francisco. Podemos dar loas de ledicia a Deus con Simeón cando colleu no colo a Xesús de Nazaret: “Agora despides ao teu servo en paz, porque os meus ollos viron a teu Salvador diante todos os pobos como luz para alumar ás nacións”.

O que isto escribe tivo experiencias insólitas e tan gratas alí por Caranza de Ferrol que descubrín a grande sorte na derradeira etapa da vida de ter este home no pontificado da Igrexa da nosa alma. Atópome con un amigo de sempre, bo home e tamén agnóstico e non crente, quen feliz e contento dáme unha aperta e dime: “e que me dis do papa Francisco”.

O Papa Francisco sabe que para ter credibilidade ten que empezar ad intra (por dentro) e demóstrao cando o discurso insospeitado das enfermidades da Curia. Quen ía esperar este diagnóstico onde aniñan víboras nunha estrutura secular que tanto mal fai á Igrexa?: E fala aberto contra unha Curia endeusada, fosilizada, esquecida da historia da salvación, de dupla vida, chea de intrigas noxentas e avaricias. E isto no só como pecados persoais se non como membros dunha institución pecadora. Isto nos dá pé para soñar nunha Igrexa sen banco IOR, supresión do Vaticano como Estado ou que o presidente sexa un laico, supresión das nunciaturas e reforzar as conferencias episcopais, colexialidade na Igrexa coa democracia axeitada á participación da igrexa de base. E así até o soño da Igrexa de Xesuscristo (sen ouro, sen prata e sen alforxas).

E agora imos co discurso ad extra. E isto aconteceu no Parlamento Europeo, onde o Papa Francisco mandoulles aos cidadáns europeos unha mensaxe de esperanza e de alento, polo ben de toda a humanidade. Dos 751 deputados e deputadas de 28 estados membros aplaudíronlle 746, agás seis españois da Izquierda Plural, que abandonaron o hemiciclo durante a intervención do Papa Francisco, indicando: "decidimos saír porque nos pareceu que isto é unha institución pública e non caben sermóns relixiosos”. Foi unha mágoa que non recapacitaran e regresaran ás carreiras, porque, creo eu, un 90% de todo o que dixo cabe perfectamente nun programa de esquerdas.

Quen da esquerda no está de acordo coa denuncias de Bergoglio?: a denuncia da indiferenza respecto ao mundo do arredor sobre todo dos máis pobres”; o problema da emigración, “non se pode tolerar que o Mediterráneo se converta nun cemiterio, o traballo de escravos, etc. Podemos está de acordo en que o xesto destes seis é lexítimo, mais os seus deputados entenderon que “debían estar aí”. A Pablo Iglesias “parécelle que este Papa é útil para a xente de abaixo, para os que loitan por un mundo mellor e máis xusto”.

Mais a dificultade destes cambios na Igrexa non está no laicismo ou crítica da esquerda, senon no mesmo interior da Curia e de movementos de persoas con nome e apelidos de cardeais famosos (Müller, Caffarra, De Paolis, Brandmüller e Burke) que acaban de publicar un libro no que din volver a restablecer toda a práctica de Xoán Paulo II, chamado restauracionismo preconciliar, que Torres Queiruga analiza e denuncia no nº 190 de Encrucillada, onde oportunamente inclúe a frase da encíclica Gozo do Evanxeo: do Papa “a Igrexa non é unha alfándega, é a casa patrucial onde hai lugar para cada un coa súa vida ás costas”.

Rematamos coas palabras esperanzadas do teólogo brasileiro Frei Betto: “Algo novo aparece na barca de Pedro, cuxas velas están a ser inchadas polo sopro do Espírito Santo ".

Aquí xogan un pulso importante as igrexas, laicos e fieis comprometidos na pastoral para que, sen sermos máis papistas que o papa, este Francisco sexa apoiado e seguido con entusiasmo.

anxofcurras@gmail.com
Ferreiro Currás, Anxo
Ferreiro Currás, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES