Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A infancia roubada

viernes, 13 de febrero de 2015
Poucos nenos, poucas nenas temos en Galicia. Nalgunhas zonas do interior xa deberan estar declarados como especie protexida en vías de extinción. Teremos sorte se os inmigrantes, con máis fe no futuro e menos medos no presente, apandan cos traballos necesarios, cotizan para que a facenda pública pague as pensións e volven encher de nenos, coa saúde ecolóxica de xogos e risas, as rúas. Quedan poucos nenos, e iso é moi serio, pero o verdadeiramente relevante é quedar sen infancia. Psicólogos e pedagogos parcelaron para estudiala, a vida por etapas e foron descubrindo características comúns na infancia, na adolescencia, na xuventude, na madurez ou na vellez. A infancia foi etapa de descubrimento tardío. No século XIX non ‘había’ nenos, e menos aínda, nenas. Coa excepción plástica do neno Xesús, eran personaxes invisibles. Proxectos de home, cascas de muller que o tempo había de ir enchendo, pequenos homúnculos que só a idade daría de significado. Podían os pais mazar neles con impunidade. Os máis desgrazados traballaban longas horas nas minas da civilizada Inglaterra sen máis dereitos que o alimento escaso e o máis escaso salario que axudaba á familia. O século XX, sobre todo a segunda metade, descobre a infancia. A sobrevaloración chega nas últimas décadas. Os primeiros anos son agora tan relevantes que os subdividimos en etapas e falamos da etapa xestante, da primeira, segunda e terceira infancia. De invisibles, os nenos pasaron a ser omnipresentes. Proclamamos solemnemente os seus dereitos. E o mundo civilizado respirou satisfeito da súa finura moral. Claro que non nos percatamos de que esta situación de privilexio só afecta a unha minoría nos países opulentos, que no mundo son outra minoría: un club de exquisitos. Porque a inmensa maioría dos nenos seguen sen dereitos. Segue a haber millóns de nenas e nenos traballadores, e aínda máis terrible, nenos escravos no traballo e no sexo. Enfermidades idiotas facilmente curables asasinan cada ano a tantos nenos como para asolagar as virtuais Torres Xemelgas de New York. Nenos sen rostro, nenas sen nome. No lado máis soleado do mapa enfermidades incríbles hai poucos anos, transforman a unha porcentaxe notable dos nenos en pequenos gargantúas. Nunha especie de vasos comunicantes terribles, millóns de nenos e nenas morren de fame porque os nosos rebentan de obesidade e colesterol. Si, tamén é difícil ser neno nun país desenvolvido. Temos agora os nenos máis estimulados do mundo e, ao mesmo tempo, os máis desmotivados da historia. Corren tempos de infancia roubada. O malo non é que non haxa nenos, o peor é que lles borremos a infancia. Medran e crecen tan compulsivamente que están a saltar unha etapa necesaria. Vemos nenos con roupa de adultos, con palabras de adultos, con móbiles de adultos, con palabras e músicas de adultos, con concursos e competitividade de adultos. Roubar a infancia dos infantes empeza a ter as cores noxentas da canallada e o dramatismo dos que esquecen que, na vida humana, unha etapa só se constrúe con éxito sobre os cimentos da anterior. Traballar no territorio da infancia implica decencia. Se quedan poucos nenos, se non hai infancia, sempre haberá barra libre para os indecentes.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES