Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Adeus agradecido a René Lavand, mago e poeta

jueves, 12 de febrero de 2015
“Adiós, mi curita. Si volvemos a vernos por aquí abajo, bien y si no, nos encontraremos en los caminos de la Vida”. Non sei se o excepcional arxentino René Lavand pronunciou con minúscula ou con maiúscula a palabra vida cando nos despedimos ó remate de gala “As Lendas vivas da Maxia” do ano 2005 no Lugomáxico.

Eu entendinlla con maiúscula e por iso creo que desde o sábado día sete deste mes de febreiro anda polos camiños da Vida compasadamente, un chisco tirado pra diante e coa manga, medio baleira de medio antebrazo no peto dereito do pantalón. Tamén creo que non fuxiu deste mundo. Adiantouse ó Alén e, se Deus quere, confío en que nos atoparemos por aqueles ilusionantes camiño de luz nun paseo intemporal.

O mesmo sábado día sete de febreiro un grupiño de anxos chegou tarde ó refectorio, porque se entretiveron escoitando a René contar a historia de Li Po. “Poeta chino, mago de la palabra, alcohólico enamorado de la luz, que murió ahogado en un río de Oriente por querer beber la luna reflejada en el auga”.
René chegou canso ó Paraíso despois de carrexar 77 anos da súa vida cunha soa man, a esquerda, -perdera a dereita en accidente cando só tiña 9 aniños-, pero a súa vocación de sementador de ilusión polo mundo enteiro, sen tratar de iluso a ninguén, fíxoo resistente ás canseiras e por iso non quixo retirarse a descansar nada máis entrar no descanso eterno.

Un pouco antes de aquela despedida no Mesón do Forno de Lugo, sede do Colectivo Máxico Waldemar, tamén me dixera, tratando de consolarme dun pequeno altercado con outro mago na gala do Auditorio Gustavo Freire que tiven a honra de presentar: “No te angusties, mi curita; que algunos no saben escuchar porque no valoran la palabra”.

Foi unha figura mundial no manexo das cartas da baralla cunha soa man, realizando con mestría efectos máxicos pensados pra seren executados coas dúas. Antes de entrar definitivamente na historia xa estaba nela como un dos grandes magos-ilusionistas, coa única diferenza de que en lugar de considerarse prestidixitador, (de dedos prestos, rápidos), definíase a si mesmo como lentidixitador, por iso acuñou a frase que repetía a cotío nos seus espectáculos: “¡Es que no se puede hacer más lento!”. Lento pero seguro, corroboramos os que o admiramos.

Pero a súa maxia, a súa arte de ilusionador, dependía tanto da palabra coma das cartas, de tres faragullas de pan, ou de calquera pequeno obxecto do que se servise. Por riba de todo valoraba a palabra que daba sustento ás historias que ilustraba cos efectos da súa lentidixitación. Por iso, desde a fe cristiá, desexo e confío en que se atopará pletórico de vida e xuventude no colo da Palabra que xa era no principio e que nos tempos fíxose carne.

A súa xenialidade, a súa delicadeza e a súa talla artística maniféstanse noutra das súas frases moi habituais: “No hay artista sin estilo y yo creo que logré añadir belleza al asombro al arrimarle al ilusionismo una dosis de poesía y dramatismo". Efectivamente, coas súas doses non pequenas de poesía e a súa arte pra dramatizar logrou non só espertar admiración, senón tamén crear emoción.

Admirable foi a súa capacidade de superación logrando cunha soa man o que moitos non conseguimos coas dúas, quizabes porque tiramos demasiado axiña a toalla ou porque non cremos, como el nos ensinou, que os soños, soñados con convicción, poden facerse realidade. Si, debe ser iso. Contaba o mesmo René que un amigo, lamentando a perda do seu brazo dereito, díxolle: “Ya nunca más podrás llevar dos calderos al mismo tiempo”. E el contestoulle: “Con una baraja y un poco de ilusión podré pagar a quien me lleve uno”.

Non sei se tivo que pagarlle nunca a quen lle levase un caldeiro. Supoño que non. En todo caso, de ter que pagarlle a alguén, tería que pagarlle a quen lle levase unha maleta. Pero tampouco, porque nas súas viaxes por todo o mundo, Lugo incluído, non cargou con moitas ferramentas, xa que non portaba a ilusión en maletas, senón no corazón.

Graciñas ó Mago Antón por darme a oportunidade de coñecelo e tratalo, parabéns ó Colectivo Waldemar por telo como amigo e como mestre en repetidas ocasións, condoenzas ó Mago Rafa emparentado con el, e sobre todo, grazas, René, polas leccións de vida, amizade e sinxeleza. Ti no primeiro encontro dixéchesme: “¡Que pena, mi curita, que sea yo tan viejo y no nos hayamos conocido antes”. Eu digo: Grazas a Deus que me deu a oportunidade de coñecerte a tempo. E pra coñecernos mellor, se é posible, resérvame sitio non lonxe de ti, de José Lorente de Ferrol coñecido como o Mago Lorc, de Manuel Rodríguez Saá de Portomarín, Conde de Waldemar, e de cantos nos axudaron a manter a esperanza ilusionada.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES