Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha ollada aos papas até Francisco (II)

lunes, 09 de febrero de 2015
(2ª parte de Xoán Paulo I a Benedicto VI)
XOAN PAULO I
A elección do cardeal, Albino Luciani, cos nomes dos dous anteriores, como Papa Xoán Paulo, quere dar a entender que o contido do Concilio ha ir para adiante. Mais outra teima que – din- traía era coller o vergallo do Envaxeo e botar aos negociantes da Curia co asunto dos cartos do Banco Vaticano chamado IOR, entre os que estaba o famoso Marcinkus. O pobre Xoán Paulo I non sospeitou das víboras que había alí dentro, ou se o sabía non tomou as medidas estratéxicas necesarias para escapar do seu veleno. Elixido o 26 de agosto de 1978 faleceu, aos 33 días, o 28 de setembro. O papa máis breve da historia. Aínda que en tan poucos días o pobo xa lle tiña o cariñoso sobrenome “O Sorriso de Deus”. A Curia prohibiu facerlle a autopsia. O tal Marcinkus, envolto en asuntos de desfalcos de diñeiros da Curia co Banco Ambrosiano, foi reclamado pola xustiza italiana. Posteriormente axudado pola diplomacia de Xoán Paulo II, puido exiliarse en EE.UU. onde faleceu. A el se lle bota a culpa de ser responsable da morte de Xoán Paulo I.

XOAN PAULO II
De Polonia chega o cardeal Karol Wojtyla, e a súa elección racha o costume de seren italianos. Xoán Paulo II, (1978-2005). Con case 27 anos que vai durar o seu pontificado halle dar tempo a instalar na Igrexa o esquecemento do Concilio Vaticano II e volver a unha igrexa preconciliar. Gran propagandista e viaxeiro gustaba de verse agasallado entre grandes multitudes. Durante o seu pontificado progresaron o Opus Dei, do que coñecemos ben a súa liña preconciliar; Legionarios de Cristo co seu fundador Marcial Maciel, gran amigo deste papa, o grande escándalo como pederasta, mullereiro e machista, cuxa fundación tiña que ter desaparecido; Camino Neocatecumenal, tamén chamada Los Kikos polo seu fundador Kiko Argüello, un movemento dentro das comunidades parroquiais que captan á xuventude con doutrinas tradicionalistas preconciliares e separando aos seus membros de todo compromiso social, creando divisións, como pasou en Santa María de Hortaleza en Madrid. Neste papa tivo o apoio supremo como xerarca da Igrexa española, o cardeal Rouco Varela, representante da ala máis tradicionalista e involucionista do catolicismo español. Mais todos estes protexidos e elevados ao poder da curia e das conferencias episcopais veñen dar o peche á doutrina do Vaticano II e a condena da Igrexa de base e da Teoloxía da Liberación. Este papa bendiciu e repartiu a comuñón aos ditadores más sanguinarios de América Latina, e reprendeu en público co dedo inquisitorial ao sacerdote, Erenesto Cardenal, de xeonllos diante de “Sua Santidade”, famoso animador da comunidade cristiá de Solentiname, daquela ministro de Cultura en Nicaragua. Pola contra non defendeu ás vítimas de sacerdotes, catequistas e cristiáns de base, asasinados polos militares dos ditadores, entre os que figuran os bispos: Oscar Romero, do Salvador, Angelelli de Argentina, e Juan Gerardi de Guatemala, e os xesuítas do Salvador. Digo todo isto como un pequeno aporte ao avogado do demo que tería que levar para a súa canonización. Para outros foi o gran propulsor da Igrexa entre os pobos do mundo que el recorreu.

BENEDICTO XVI
O sucesor “natural” ou man dereita de Karol Wojtyla foi o cardeal Joseph Ratzinger, co nome de Benedicto XVI (2005-2013). Este teólogo, que fora compañeiro de Hans Küng no Concilio, sobresae case durante todo o pontificado do anterior como gardián da Fe, é dicir, Prefecto da Doutrina da Fe, antigo Santo Oficio. Nese posto exerceu con dureza o látego de inquisidor cos teólogos da Teoloxía da liberación e de todos aqueles que como mestres en cátedras ou como autores de libros con estudos sobre a doutrina de fe, ou do Evanxeo de un Xesús máis humano e liberador comprometido cos pobres, foron fulminados das súas cátedras e prohibidos os seus libros; os máis coñecidos podemos nomear os seguintes: o seu compañeiro e amigo noutros tempos, Hans Küng; a destitución de Mons. Gaillot, bispo de Evreux (Francia); Leonardo Boff, o noso Torres Queiruga, José A. Pagola, etc.. Cando subiu ao Pontificado, como estaba xa previsto ao entraren os cardeais no cónclave, foi celebrado, sobre todo polo clero e xerarcas da liña de Karol Wojtyla, porque así quen alcanzara o pontificado fora un teólogo con fama de intelectual e defensor da doutrina tradicional, afianzada no Catecismo da Igrexa Católica que el promovera. A súa fama quedou reducida polos escándalos de difusión de segredos curiais e de liortas intestinas no Vaticano tan graves que optou pola dimisión como saída máis honrosa.

Todo este percorrido pola historia de estes papas con olladas, se ben é certo, un pouco enxergadas, aínda que non por iso deixan de ser verídicas, fíxeno coa intención de presentar o contraste con este novo papa electo, cardeal Bergoglio, co nome do il poverello d` Assísi, Francesco, (o pobriño de Asís, Francisco). No balcón diante do pobo en zapatos de andar polas rúas de Bos Aires e libre doutros capisallos, en vez de bendicir pediu primeiro a bendición do pobo. Desbota os luxosos apartamentos do Pazo Apostólico e baixa para morar na casa de Santa Marta onde viven uns 30 entre estudantes, relixiosos e empregados civís. Non quere vivir illado. Outros din que para tomar un profundo compromiso evanxélico na Igrexa e na Curia, e tamén resulta unha boa medida para evitar o perigo de Xoán Paulo I.
Ferreiro Currás, Anxo
Ferreiro Currás, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES