Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ernesto Cardenal, poesía cargada de futuro

viernes, 06 de febrero de 2015
O home é así de vello. Unha fervenza de cabelos brancos baixo a boina negra. Na man que terma da cabeza hai cárcavas de pel, ríos subterráneos de sangue. E lume aceso na mirada. Velaquí Ernesto Cardenal, poeta, sacerdote, revolucionario, nesa orde. Cumpre noventa anos que non quere celebrar.
Nun dos países máis pequenos e pobres do mundo, Nicaragua, é o poeta vivo máis importante, unha voz nidia e respectada en América Latina. Os seus libros, cunha forte carga social, imbricados na realidade, forman parte da mellor historia nica cando se escribía contra a ditadura de Somoza. Con longos versos, case prosa, ‘armas cargadas de futuro’, describe o compromiso cos pobres, coa beleza, coas emocións que petan nos oídos con pés de la, coa paixón por un mundo máis humano. Nos 80 forma parte do goberno como ministro de cultura para escándalo daquel papa ultraconservador que chegou do frío e co dedo admonitorio condenaba a un cura de xeonllos, a un home íntegro. E tamén a tantos sacerdotes que no inferno da desigualdade e da opresión apostaban pola teoloxía da liberación e a denuncia profética imposible de atopar nos homes de prol da igrexa minguante.
Os versos de Cardenal son bandeira que ondea nas loitas polos cambios sociais nunha América Latina onde a infinita riqueza era acaparada por poucos. Icona dunha época de soños rotos, de revolucións perdidas, do perfume novo da creación inacabada. Non resulta extrano que verso a verso nacera un símbolo de liberación, de xustiza social, de compromiso coa xente, de denuncia das oligarquías depredadoras.
Do poeta nonaxenario recordamos versos de amor nos Epigramas. Os estremecedores Salmos, denuncia profética das ditaduras, o xenocidio, a inmoralidade do poder económico. O Evanxeo de Solentiname ou o compromiso coa comunidade campesiña da illa. O Homenaxe aos indios americanos. O Canto cósmico, crónica do universo e a festa da creación.
Convén ler a poesía deste home tan vello que escribe con palabras novas, incómodas para antigos compañeiros revolucionarios aos que o poder dos cartos transformou en corruptos e opresores.
Agora é un home vello, coa desesperanza e a rabia dos que malversaron os ideais da loita contra o somocismo. Entre tanta cinza hai lume nos ollos. E mirando cara adentro, albiscamos armas de futuro: o amor e a morte, as vidas veciñas, o cosmos e os microscosmos insondables, o poder, o brillo do ouro. E as tres formas da eternidade: ese pasado grávido de ilusións, este presente de suciedade, aquel futuro por escribir.
A boina negra, a indómita catarata de cabelos brancos, as raíces da man termando de tanta vida, o rescaldo abrasador dos ollos. Poeta, cura, revolucionario. Noventa anos. Ernesto Cardenal.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES