Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Voces

viernes, 06 de febrero de 2015
A narrativa de Suso de Toro leva anos nunha deriva descorporeizadora que esencializa o suxeito de enunciación ata o extremo. Os libros primeiros do escritor compostelán estaban poboados de personaxes e historias do cotián urbano, incidindo na despersonalización e o anonimato do individuo (post)moderno, si, mais sempre cunha referencialidade protagónica marcada na súa xenuína individualidade. Pola contra, na narrativa última do autor os personaxes centrais tenden a desdebuxarse ata facérense borrosos, perden os atributos que os singularizan, son fantasmas, espectros de si mesmos que, de tanto desposuírse, apenas se conservan a voz, a palabra pola que comunican o seu mundo, os seus Vocestemores, os seus dramas. Acaban sendo, por dicilo graficamente, voces en off que nos sitúan no escenario da súa propia problemática, ecos de si mesmos, como eses raios solares que chegan a nós ducias de anos despois de térense extinguido os astros que os proxectaban.

Somnámbulos é unha mostra paradigmática do que afirmo. As tres historias que Suso de Toro recolle neste novo libro publicado por Xerais son a expresión inequívoca dese desasirse do ser que autodisolve os seus personaxes. Son narracións, todas elas, protagonizadas por seres de sombra, por individuos opacos para os demais, ben porque agochan un segredo que os fixo invisibles e os expulsou ata as marxes, ben porque forman parte dun decorado no que malamente se se teñen en conta, ben porque a súa vontade se dilúe no illamento misántropo. Mais todas tres coinciden na proxección da voz, no diálogo e o matricial da palabra como delgado cordón umbilical que une eses seres co existente. É como se unicamente a verba os sostivese, como se só a súa voz comunicante os fixese reais e os redimise da desaparición. Por iso o punto de vista nas tres historias evita a omnisciencia ou o protagónico da primeira persoa para repregarse ao diálogo parateatral ou o discurso dirixido a destinatarios internos cunha técnica telefónica que nos agocha as respostas destes, ripando o posible feedback do intercambio de pareceres, confirmando que os personaxes son, cada vez máis, voces clamantes no deserto, oráculos da realidade.

Cómpre advertir que Somnámbulos compila textos de natureza diversa, pois mentres “Negocios de familia” podería considerarse pola súa complexidade pragmática e estrutural -tamén pola extensionalidade- unha novela curta, “Auga derradamada” e “Insomne” son dous relatos e como tales naceron, xa que ambos lle foron solicitados a De Toro para iniciativas e volumes colectivos e só agora o de Santiago os recolle en libro propio logo de revisalos e poñelos ao día.

“Auga derramada” é o soliloquio monocorde dun velliño, pescador xubilado, que acode con asiduidade á Fonte de Praterías para parolar cos turistas e reflexionar en voz alta, tentando convencelos da importancia da auga que, como na Fonte dos Cabalos, flúe e dá razón de todo, ao seu ver.

Por tanto, ese cismar continuo e iterativo emparenta naturalmente este velliño co emblemático Nano de Tic-tac (1993) e outros textos, pois é evidente que ese farfallar incontinente en voz alta destes personaxes serve ao autor como escusa pragmática para crear un discurso de conciencia interior que se proxecta e verbaliza sen necesidade de omnisciencias demiúrxicas.

Canto ao militar iluminado de “Insomne”, o debuxo deste ser autoritario, racista, moralmente desprezable e afincado no fascismo máis noxento non oculta a súa familiaridade co protagonista pasivo de Home sen nome (2006), pois ambos beben da mesma fonte, sendo o anverso e o verso da mesma moeda, xa que á voz tremente de enérxica vontade que se expresa nun corresponde no reverso a aparente indolencia e o pasar umbroso e silandeiro no que o outro ordena e deixa cometer as maiores atrocidades.

Agora ben, entendo que é 'Negocios de familia' a historia maior deste Somnámbulos, unha narración de forza simbólica evidente, onde todo se dispón para unha sorte de anagnórise final que, dalgunha maneira, opera como lacerante catarse e que ten na intensidade dos diálogos e na potencia dos sentimentos que os animan (odio, rancor, frustración, perplexidade) o seu mellor activo. Neste sentido, o proceso de develamento da identidade que reflicte “Negocios de familia” tamén o achega a anteriores obras do escritor, pois varias delas ancoran, precisamente, nesa procura devecida da descuberta do eu (pénsese, por poñer só un par de exemplos, en Calzados Lola (1997) ou Trece badaladas (2002), abondo diverxentes noutras ordes).

Ben xeitoso, xa que logo, este regreso á narrativa de ficción de Suso de Toro, quen dende a publicación hai un lustro de Sete palabras (2009) non nos dera a oportunidade de relembrar, máis unha vez, que a súa escrita é a dun grande do noso tempo.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES