Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A sociedade do malestar

viernes, 30 de enero de 2015
Calquera persoa debe ter dereito a deseñar o seu propio proxecto vital e traballar por construílo día a día. Para iso é necesario garantir a igualdade de oportunidades e que a sociedade permita o desenvolvemento persoal e profesional de cada quen segundo a súa capacidade, a súa valía e o seu esforzo. Hoxe xa non se dan estas condicións, de tal forma que moitos mozos, formados e cualificados, non teñen a oportunidade de exercer a súa profesión e desenvolver as súas calidades. As políticas impostas polo PP (na educación e no mundo do traballo) cortan as expectativas vitais e profesionais da mocidade, abocada a exercer traballos por baixo da súa cualificación e con salarios que non lle permiten saír da pobreza nin, en moitos casos, abandonar a casa paterna e construír o seu propio futuro.

Esta situación, xa prolongada no tempo, levou a moitos mozos a buscar o futuro lonxe das nosas fronteiras (“movilidade exterior”, segundo a ministra Fátima Báñez). Algúns xa volveron, porque as gadoupas do capitalismo especulativo tamén dominan noutras xeografías; outros languidecen -exercendo traballos precarios e mal pagos-, na espera de que cambie o vento. Pero o vento non cambia só e teremos que soprar todos noutra dirección. Esta situación de stand by terá consecuencias sobre a saúde, porque un dos factores que máis inflúen na saúde e no benestar é a capacidade de control da propia vida. E esa sensación de control, de dirixir o propio proxecto vital, hoxe en día os mozos -e outros non tan novos- non a teñen.

Nun traballo do profesor Marmott (citado por Navarro (1)), sinala a importancia de poder controlar o traballo e a vida dun mesmo: “canto maior sexa a percepción de control da vida, maior será nivel de saúde”. Xa que logo, a renda, a educación, o status social e outras variables serían instrumentos para alcanzar esa vivencia de control. «Esta sensación preséntase en cada persoa e depende de como se relacione coas outras: canto maior sexa a sociabilidade e solidariedade, mellor saúde». As políticas ultraliberais, agora imperantes, caracterizadas polo darwinismo social, provocan patoloxía colectiva e deterioran a calidade de vida e a percepción de saúde da maioría da poboación. O énfase na competitividade, a ausencia de protección social, a inseguridade laboral e o desemprego producen deterioro social e aumento da mortalidade en todas as idades.

Este feroz darwinismo social e a presión da industria farmacéutica leváronnos a unha sociedade do malestar. En moitos casos o malestar é obxectivo, causado por condicións externas opresivas, pero tamén existe unha gran intolerancia ao disconfort físico e psicolóxico, de tal forma que se medicalizan –converténdoas en doenzas que necesitan tratamento-, os problemas da vida cotiá (a tristeza, a pena, o temor, a inseguridade). O consumo de ansiolíticos disparouse nos últimos anos en España. A poderosa industria farmacéutica presenta as medicinas como un elixir que axuda a superar o malestar e construír unha burbulla de felicidade (ou máis ben de inconsciencia). Barbara Starfield xa alertaba en 2002 que a iatroxenia é a terceira causa de morte en EEUU. Nós tamén imos por ese camiño.

O pensador Byum-Chul Han (2), no seu libro “A sociedade do cansazo”, debuxa un mundo obsesionado polo rendemento, uns individuos exhaustos pola competitividade feroz, sempre alerta. O fracaso non se admite. Os que non seguen o ritmo quedan excluídos, o que xera gran angustia: “A xente ve a vida como o xogo das cadeiras, no que un momento de distracción pode comportar unha derrota irreversible” (3). Neste marco de consumismo e individualismo hedonista, “somos incapaces de controlar a velocidade do coche que nos leva e entregámonos á compra compulsiva de saúde”. Espérase da medicina o que non pode dar, e esquécese que os medicamentos non son inocuos, teñen efectos secundarios e, nalgúns casos, poden adiantar a morte. Han propón, para superar o permanente estado de malestar do home moderno: “a forma de curar esta depresión colectiva é deixar atrás o narcisismo; mirar ao outro, darse conta da súa dimensión, da súa presenza”. É tarefa da mocidade construír outro mundo con novos valores, lonxe da competitividade feroz, o narcisismo e a autocomplacencia.


NOTAS:
1. http://www.vnavarro.org/?p=403
2. http://es.wikipedia.org/wiki/Byung-Chul_Han
3. http://sociedad.elpais.com/sociedad/2014/09/26/actualidad/1411732159_601236.html
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES