Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ars dedicandi: Rafael Dieste

jueves, 29 de enero de 2015
Un 29 de xaneiro pero de 1899 nacía en Rianxo Rafael Dieste. De neno tiráballe a pintura, o piano e, xaora, a escrita, afeccións que alimentaba o carburante dos feitos insólitos, tal o varar dun cachalote na praia de Tanxil cando era apenas un rapazolo, suceso que logo literaturizou en relato ben coñecido. Cos anos viñeron os libros de todos sabidos: Dos arquivos do trasno e, tamén si, A fiestra valdeira.
Ars dedicandi: Rafael Dieste
Nun exemplar da primeira edición desta peza de teatro estampou o autor a dedicatoria que aquí se reproduce, regalada a quen foi un bo amigo seu: Francisco Fernández del Riego.

A data de sinatura é 1962. Por tanto, uns meses despois de regresar do exilio en Bos Aires. Obsérvese que, malia terse publicado en 1958 unha nova edición da obra teatral, Del Riego posuía tamén unha copia da orixinal de 1927, que foi a que asinou Dieste en Vigo para o vello amigo.

Na dedicatoria faise constar a ledicia polo reencontro e a fraternidade compartida tras o afastamento de tantos anos. Tamén o agradecemento polo moito que Del Riego fixera polos escritores galegos e, entre eles, polo propio Dieste.

Cando o de Rianxo regresou da América o 21 de agosto de 1961 un dos que os estaba agardando no café Alameda de Vigo era Del Riego. Cando houbo que volver imprimir a segunda edición revisada e aumentada de Dos arquivos do trasno en 1962 quen estivo detrás da iniciativa foi Del Riego. Cando en 1965 Dieste quixo autoeditar Diálogo de Manuel e David foi Del Riego quen xestionou a impresión nos talleres do Faro de Vigo. Cando, ese mesmo ano, apareceu unha antoloxía de cinco contistas galegos en Galaxia foi Del Riego quen o escolmou xunto a nada menos que Castelao, Otero Pedrayo, Blanco-Amor, Cunqueiro e Fole. Cando Dieste foi designado membro da RAG en xuño de 1967 un dos principais impulsores da iniciativa foi Del Riego. E cando o rianxeiro deu á luz, novamente en autoedición, ¿Qué es un axioma?, volveu ser Del Riego quen conseguiu que se imprimise nos talleres outravolta do Faro de Vigo e quen se encargou de que a obra fose distribuída por Galaxia.

Non debe estrañar, por tanto, tan garimosa dedicatoria de Rafael Dieste a Francisco Fernández del Riego, dous bos e xenerosos aos que nin sequera un océano de por medio conseguiu distanciar.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES