Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non sei por que conto todo isto

jueves, 29 de enero de 2015
Hai uns días que un bo compañeiro que non me vira desde hai dous anos deume unha aperta e ante a miña considerable delgadeza díxome:

-Cóntanseche os osiños todos. Estás moi delgado. Tes dificultade pra comer?

Como esa pregunta téñenma feito moitas veces desde a operación de larinxe non tiven que pensar moito a resposta: -Ó principio levábame moito tempo. Tiña que ir a modo e así comía menos, porque o cerebro tarda un pouco en avisar de que un está saciado e, se se vai moi apurado comendo, cando dá chegado o aviso, púidose engulir unha boa cantidade de alimento; en cambio se se vai a modo…

Sen deixarme acabar de explicarme -cousa moi habitual sobre todo cando o que fala o fai con dificultade coma min- volveu a preguntar o amigo: -E agora, logo, comes máis á presa?

Si -respondín e seguín: -Reparei a través dos medios de comunicación, así sen entrecoller moito, nos primeiros famosos que se me ocorreu: Bárcenas, Puxol, Urdangarín, Griñán e un de Podemos, que aínda non era famoso nin se sabía se podía, pero que xa tiña bo gusto prás enchentes, e aprendín moi rápido a comer moito e ben en pouco tempo. Home, non me faría falla ir tan lonxe que tamén por aquí por cerca hai bos gourmets, que para comer Lugo, pero, xa postos, pareceume que estes, a xulgar polo que se le e escoita, son do máis selecto e gozaban de moita solvencia e de contrastada experiencia.

Ofrecéuseme algún máis para estes mesteres sen cobrarme nada por ensinarme, porque lle desgravaba ou non sei que, pero non me merecía tanta confianza. En cambio estoutros ofrécenme case toda a presunta confianza. Ofrécenma. Despois, dala, é outra cousa.

Aínda me volveu a preguntar o compañeiro: -Pero, se aprendiches a comer tan ben coma eles, como non estás máis gordo?

Tamén lle volvín a responder: -É que o que non me deron ensinado foi a ter tan boas tragadeiras coma eles. E mentres non me afaga podo coller unha indixestión por non dixerir ben. Todo se andará, que polo visto, é cuestión de práctica e de ir habituándose paseniñamente sen que os outros se dean moito conta. Outra das cousas que teñen que ensinarme é a non devolver aínda que ó principio se me revolva algo o estómago. A estes aínda ninguén lles viu devolver nada nunca. O que non sei é onde mercar algún protector de tragadeiras eficaz contra regurxitacións e devolvementos. Dixéronme que de momento a lexislación vixente é suficiente protector, e proba diso é que non se sabe de case ningún peixe gordo que devolvese no xulgado, pero non a creo, porque, según din: estamos en “un estado de derecho y la ley es igual para todos”. Velaí, o que eu non sei é se todos somos iguais prá lei.

O mesmo día desta conversa, concretamente o día en que con tanta alegría lle devolvemos a liberdade a Bárcenas, tamén lin nun xornal estoutra noticia de axencia: “Fernández está “convencida” de que el fiscal Nisman no se suicidó”. Pensei pra min: Pois esa señora, coa experiencia, fama de lista e boa preparación que tén, seguro que o sabe certo. Se está “convencida” por algo será. Se cadra “convenceuna” algún asesor.

O que non me gustou é que lle chamen Fernández a secas a toda unha Excelentísima Señora Presidenta de Argentina. Aínda se lle chamaran de Kirchner… Claro que Señora de… sona a machista anque sexa de Kircher, ou non?

Outra cousa que o xornal poñía na boca de Fernández de Kirchner era: “No tengo pruebas, pero tampoco tengo dudas”. Eu non son ninguén pra corrixir ó xornalista, pero paréceme que se equivocou en escribir e que o que a Excelentísima Señora quixo dicir foi: “Tengo pruebas y tampoco tengo dudas”. Pensando deste xeito escapóuseme: Madia levas a ter probas, muller! Pero, se cadra, é certo que non as tén, porque Argentina é tan grande que, quen sabe? Ó mellor as probas xa están na outra punta.

Rematando xa. Maldito se sei por que contei todo isto. A quen lle pode importar? Pero, bueno, quedo case tan a gusto coma se tomara un bo protector contra remorsos dixestivos.
Ata outro día se Deus quere e se anda alguén por aí.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES