Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sheriff ó volante

sábado, 24 de enero de 2015
É probable que nalgunha ocasión, conducindo de camiño ó traballo ou de volta deste se cruzasen vostedes cunha desas persoas que teñen por afección convertir a estrada en pouco menos que nun circuito de competición. Se fan memoria de seguro que serán capaces de lembrar esa mirada inquisitiva no espello retrovisor ou ese bocinazo nun semáforo a golpe de luns que puxeron a proba o seu tempero e a súa paciencia. Pois ben, este grupo de persoas que a miúdo se afanan en “alegrarnos” o día ó volante pertencen a un colectivo que poderiamos denominar os sheriff do volante.

O termo sheriff danos unha pista do tipo de personalidade que se agocha tras este perfil e que nas próximas liñas tentaremos describir. A conduta destes indivíduos explícase en boa parte pola existencia de dúas concepcións erróneas ás que ó sheriff se aferra coma se de dogmas se tratase:
1. Os pequenos erros ó volante son inadmisibles;
2. Eu son perfecto ó volante e ademais, como sheriff supremo, teño dereito a increpar a aqueles condutores que ousen equivocarse empregando para iso os medios que eu considere oportunos.

O catálogo de recursos ofensivos do bo sheriff é tan variado como inoportuno, incluíndo xestos, peinetas, bocinazos e por suposto o insulto, disciplina que todo español que se precie debe dominar con destreza. Á marxe do lado humorístico con que toda realidade pode ser observada, o certo é que dende fora o neurótico do volante produce certa lástima xa que as súas reaccións esaxeradas deixan entrever outro tipo de problemas. Ninguén perde os nervios ó volante por casualidade, senón como consecuencia, entre outros motivos, dun problema de autocontrol. Imaxinan vostedes a un monxe budista vociferando e adicando peinetas ó condutor de adiante porque este esqueceu activar o intermitente para cambiar de carril? Por suposto que non, xa que as persoas serenas, as que dominan os seus impulsos e pensan racionalmente (non é preciso irse ó caso extremo dos mestres budistas para atopar persoas con este perfil) compórtanse na estrada como o fan na súa vida, con respeto e sobretodo con empatía, ese rasgo tan necesario para relacionarse cos demais de xeito armónico e que tanto se bota en falta ó volante. Así, ante un posible erro ou indecisión doutro condutor a persoa empática, a diferencia do neurótico do volante, intentará comprender o porqué do comportamento da outra persoa e será capaz de atopar explicacións razoables para os erros desta ó volante como o descoñecemento da estrada, un pequeño despiste ou problemas máis complexos como a amaxofobia ou medo á condución. Trátase polo tanto dun estilo de pensamento moito máis profundo e adaptativo que o dos sheriff do volante e que ademais denota unha maior intelixencia da persoa sobretodo no referido ó ambito emocional. Dita facultade resultará beneficiosa tanto no ámbito interpersoal, o referido á relación coas demais persoas, que será máis respetuosa e equilibrada, como no intrapersoal, referido ó benestar da propia persoa, posto que o individuo competente a nivel emocional contará cun maior nivel de benestar psicolóxico.

Pois ben, como dicía, a agresividade ó volante non é un rasgo aillado senón que máis ben é reflexo dunha personalidade débil nalgunha das súas facetas. Un exemplo moi común desta debilidade que se soe por de manifesto ó volante é o machismo que, desafortuadamente, segue a estar enquistado na nosa sociedade. Aínda que a deseabilidade social obriga ó machista a reprimir os seus instintos en público para amosar unha postura aceptada socialmente, existe un contexto no que o machista soe mostrarse tal e como é e ese entorno non é outro máis que a condución. Por algunha extraña razón o volante actúa coma unha especie de confesionario onde a persoa se “ispe” e amosa moitas das súas vergonzas, inconfesables noutros contextos pero irreprimibles unha vez emprendida a marcha. No caso dos machistas existen numerosas frases que os delatan e que denotan a súa pequenez intelectual.

Xa para rematar só quixera engadir como reflexión final que, ante a dificultade de cambiar a conduta das persoas que nos rodean, sobretodo cando non mantemos ningún tipo de vínculo con elas, quizais o máis sensato sexa intentar non entrar ó trapo das provocacións nas que algúns sheriff do volante pretenden que caiamos. Pensen que é probable que na seguinte rotonda se atopen con alguén máis sensato, alguén dos seus.
Riera, Martiño
Riera, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES