Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A flol da celdeila (conto chinés)

miércoles, 21 de enero de 2015
A estas alturas da vida, descubro que Xosé Quintas Canella é un excelente escritor galego, que ven de escribir un conto infantil que, a A flol da celdeila (conto chinés)pouco que te pares a pensar, pode parecer infantil de primeiras pero logo é todo un tratado de coñecemento social, unha lección de vida e unha parábola sobre relacións humanas.

A ver: a min cáeme moi ben Quintas Canella, por moitas razóns. A primeira, porque é un histórico da canción galega, das loitas polo idioma, daquela revolución –nunca silenciosa, ás veces silenciada- que loitou pola nosa música, pola música e a canción en galego, que ao final dos anos sesenta nos abríu as portas do coñecemento, da modernidade, das infinitas Galicias posibles.

Quintas Canella, con Benedicto, Xerardo Moscoso, Xoán Rubia, María e Xavier, Bibiano, Miro Casabella ou Suso Baamonde, escribiron con letras e pentagramas dias e sons de ouro para a canción galega, e consagraron un xeito de ser e de cantar que nunca, xamais, imos perder.

E pasaron os anos, as décadas… E fun tendo trato con Xoán Rubia, con Suso Baamonde, con Miro Casabella… con Miro, que viña aos actos máis importantes que organiza a Irmandade Manuel María e Xermolos, especialmente os cabodanos do Manuel. E con el viña un longo, silencioso, afable, humilde, Quintas Canella do que agardabamos un inmediato regreso á canción activa.

E sen ter escoitado a súa voz cantora nos aínda albores deste século, sorprendeume un día de comezos de decembro anunciándome a publicación de A FLOL DA CELDEILA, un conto chinés ilustrado por Ánxeles Ferrer, que lle ven de publicar Everest Galicia, dedicado a rapaces maiores de dez anos.

Como eu son un rapaz maior de dez anos, e simpatizo aínda ben con Mero (Baldomero Iglesias Dobarrio), o prologuista, que pon polas nubes este libro, adentreime nel con aínda maior ánsia da que me fai meter no mar coas calores do verán.

Un neno que o lea, descubrirá nel unha fábula de corte semellante a aquel patiño feo rexeitado por tódolos seus iguais por desigual ata que resulta ser un cisne moi fermoso. Para os nenos da miña idade, e mesmo para os da metade da miña idade, resultará ser un libro para pensar en todo o que nos rodea, no que nos condiciona, no que nos caracteriza, no que nos opreme, no que nos enxalza…

Sen tentar decir máis do que debo decir, quede constancia de que –nun país que se supón que todo o mundo fala polo “l” e ninguén pode ou sabe pronunciar o “r”, unha rapaza posúe o defecto –que resulta ser virtude máxima- de pronunciar uns “r” fortísimos que ninguén comprende e todos rexeitan, por coidar que a rapaza resulta “defectuosa” para unha tan ben organizada sociedade.

Eu recomendo a lectura deste libro, onde se fala de familias entrañables e de sociedades dictatoriais, de burocracia suprema e de entrega infinita, de extranxeiros que falan idiomas incomprensibles, de emperadores inútiles e xenerais aspirantes á traición… dunha sociedade lonxana, descoñecida, diferente, onde unha rapaza inocente pode chamarse “Lhosiña”, un infatigable rastrexador “Chei La Chei La”, o emperador dictador “Shi o Shi”, un conselleiro “Lham Bhe Khus” , o gobernador “Lha Khazan”, o asistente “Phai Lan” e o xeneral que aspira a derrocar o emperador responde ao natural nome de “Inshub Misho”. Iso si, o Verdugo Real non aparece porque levaba tempo de baixa, que senon ía ter ben traballo.

Digo que recomendo a lectura para os mozos de máis de dez anos, para os do meu tempo, para os da meta dos do meu tempo, e mesmo para os da cuarta parte. Pero de min para adiante tamén, que o libro é válido para todo
aquel que aínda saiba ler e entenda o que lea.

Debía lerse nas escolas de Maxisterio para que os alumnos lle lo contasen logo aos nenos; e nas facultades de Políticas como exemplo social do que houbo, hai e haberá; e nas de Socioloxía, para ver a pé de obra comportamentos humanos por riba de calquera tempo e de espacio.

En fin: que o que o lea pensando que está lendo unha historia que puido acontecer na China, acabará dándose conta de que cambiando moi pouquiñas cousas puido pasar en Galicia… E o que o lea pensando que a cousa vai de crítica social máis ou menos encuberta, atoparase unha magnífica historia china da que calquera pode tomar conclusións moi proveitosas. E todos terán razón, que este Quintas Canella resulta ser un escritor de moito sandiola, que me deixa abraiado, e que o único que hai que botarlle en cara é ter tardado tanto en pasarnos por diante dos ollos que é un grandísimo escritor que ten moito, moito, que decir. A seguir, amigo!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES