Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha viaxe de 2.000 anos en menos dunha hora

jueves, 15 de enero de 2015
Unha guía turística que consultei di que da nosa casa a Begonte debe levar 34 minutos en coche, pero o oito de xaneiro eu cheguei en vinte. Home, saltei algún límite de velocidade, pero non me pesa. Primeiro, porque non me detectou o radar, e segundo, porque, se nunca ninguén salta ningún límite, o mundo perde propulsión e párase. Claro que os que saltan límites deben estar preparados pra seren sancionados por inmobilistas e inquisidores antes de que se lles recoñeza a razón.

Ía con intención de ver o Belén pra documentarme un pouco mellor antes de escribir este artigo, pero non chamara e cando cheguei atopeime con que aínda non abriran o local. O amigo e compañeiro Jesús, o cura, non estaba e fun facerlle unha visita á amiga Merce, herdeira dunha madura amizade xa con seu pai Manolo, con súa nai Mercedes, con súas irmás Maribel e Raquel e con outros familares.

Ela chamou a Carlos que me foi abrir acompañado por un irmán seu. E da man destes dous begontinos entusiastas do Belén saltei nun plis plás desde alí mesmo ó ano 1953, porque tan presto puxeron a andar o seu, e noso, Belén, sen saber como nin como non, vinme axudándolles ás chairegas e chairegos que traballan naquel nacemento, como fixera na nosa casa antes de ingresar no seminario, a labrar leiras, pinchar algunha árbore, esfender unha táboa, ou lavar no río.

Tamén me vin recitando co veciño, tamén neno, Onésimo, ante o portal o diálogo: “Dous futbolistas no Belén”, soñando cuns Magos que nunca foron reis e grazas a iso poden seguir sendo magos e ata escoitei roncar a Herodes coma un cocho da ceba no seu abafante castelo por mor dunha dixestión tan pesada e soporífera coma a de case todos os señores feudais que asoballaron labregos e tiveron dereito de pernada sobre labregas que, de tanto mirar pró bandullo, esqueceron que algún día tamén tiveran corazón.

Non hai moito o Belén de Begonte -hai quen di o Begonte do Belén- obtivo, grazas á súa valía e ás boas artes doutro dos pais desta xoia, Xulio Xiz, o recoñecemento de Festa de interese turístico en toda Galicia.

Aledeime moito por min, por José Varela e a súa viúva, Pilar, polos curas José e Jesús, por Abelleira, por José Luís, por Camilo e por todos os que, con máis ou menos recoñecemento, fixeron e fan posible que vivise e sobreviva esta marabilla, o meirande centro turístico da Terra Chá nos meses de inverno.

Pero a declaración de Festa de interese turístico quédase moi curta. O Belén de Begonte encadra intereses históricos, sociolóxicos, artísticos, tecnolóxicos, costumbristas, etnográficos, antropolóxicos, paisaxísticos, climáticos e, con perdón de algúns que queren descafeinado pra todos, tamén relixiosos.
E, por que non dicilo? Tamén tén un alto interese máxico, porque por arte de maxia vinme transportado das cinco da tarde do 8 de xaneiro do 2014 a vinte séculos atrás. E iso non só por revivir alí o nacemento de Xesús en Belén, senón tamén por poder contemplar as raíces de onde veño maxistralmente plasmadas nos oficios e nas xentes que se amosan da maneira máis plástica imaxinable.

A miña máis sincera gratitude a todos os que fan posible tanto interese, tanta harmonía e tanto ben en tan poucos metros cadrados.

A quen non vin por alí, gracias a Dios, foi ó sucedáneo de importación, o papá noel ese tan ben aproveitado pra volver as cousas ó seu sitio; xa que, como a Igrexa plantou a Cristo no lugar do Sol Invicto, agora os modernos modelos de tolerancia que confunden sumar con restar e multiplicar con dividir, van conseguindo que na noite de Nadal en vez de esperarmos que volva a renacer o Xesús que trae a salvación co home novo, esperemos que volva o vello Barbas que trae a playstation, a tablet e a confusión.

Ata remates de xaneiro segue aberta en Begonte a posibilidade de facer unha viaxe de 2000 anos en menos de sesenta minutos.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES