Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A rachadela do sentimento de protección social

viernes, 09 de enero de 2015
Todo cidadán, todo pobo, anhela acadar e manter o sentimento de protección social. Xustamente por isto, a sociedade non lle pide contas a unha persoa se non interfire para nada nos intereses de calquera outra máis que na súa; pero, en cambio, cando poden derivarse, non só evidentes, sino incluso probables, prexuízos para os intereses dos demais, empeza a crear instrumentos de control legal, se os xulga necesarios para defenderse. E, no caso dun estado, actívanse as alarmas institucionais e as respostas cidadáns.

Nun sistema democrático, as operacións de control adoitan ser delicadas, porque esa liña roxa (hoxe tan manida e recorrida) que separa os comportamentos democráticos de control, daqueles que non o son, ou derivan en abusos de poder, está vinculada á diferente perspectiva dos controlados e controladores. Sen embargo, é mester considerar que por encima destas pelexas está o interese do pobo e da sociedade. E isto é o esencial.

As sociedades, os pobos, son entidades dinámicas, nunha relación permanente, máis ou menos aberta, con outras, que, a través do tempo, van configurándose pola presión cultural, económica, política ...e unha eficiente comunicación que as incardina nun contexto global, sen perder certas peculiaridades que actúan como axentes internos, en cada unha delas, nas que van producindo rachadelas, coas esixencias de innovacións constituíntes que perturban o sentimento de protección social nos cidadáns, aos que se leva con estrema lixeireza, e torpe impremidatación, a febleza das construcións sociais: As herexías dos mesmos que as fan soen deixar con dubidosos referentes ó pobo.

Se detemos un pouco a nosa reflexión en todos os vectores, que marcan tendencias, a nivel mundial, europeo e nacional, non é difícil que se nos veña á imaxinación unha caótica rede de forzas concorrentes, converxentes e diverxentes, nos espazos económicos, culturais, constitutivos e constitucionais, que é necesario ter moi en conta a hora de poñer en práctica proxectos innovadores ou de manter aqueles que xa non gozan da aceptación do pobo, hoxe en día, porque se acochan neles evidentes inxustizas e privilexios, e que tamén rachan o sentimento de protección social.

España, por suposto, non é estraña a todas estas interaccións, que nos permitimos reducir, en aras dunha maior simplificación expositiva, a súa pertenza a unha Europa complexa e suficientemente desnortada para non saber a que aterse en cuestións fundamentais, sen unha consistencia que ofreza vías seguras na economía, na defensa dos propios intereses, na vixilancia dos poderes espurios e, incluso, no coidado das estratexias militares; incluíndo tamén ós desacougos institucionais causados polos comportamentos infieis e corruptos dos partidos políticos, os que o pobo lles confiou cometidos programados.

É este ámbito europeo un espazo de “mercaderes”, no que se desatenden cuestións tan fundamentais, como a de introducir unha reforma adecuada das fianzas e do funcionamento dos bancos, con vistas a acadar os recursos máis imprescindibles para solucionar os problemas sociais e do emprego, e carecer dun control legal eficiente das fontes das que xorden desigualdades, que se incrementan de forma aparatosa e alarmante.

Os partidos que tiveron e teñen a responsabilidade de dar solución ao problema da crise, PSOE e PP, no noso caso, tomaron medidas que inquietaron ó pobo e crearon, a vez, un sentimento colectivo de inseguridade. E aínda que non é da miña modesta competencia entrar aquí a xulgar se estiveron acertados ou non, os feitos falan abondo: Xestáronse importantes bolsas de pobreza e producíronse verdadeiras escenas de pánico entre as familias con créditos que non podían atender, incluso establecidos, nalgúns casos, con dubidosa legalidade, que acabaron xerando os conseguintes e desagradables desafiuzamentos, sen mais recurso, neste século XXI, que quedar á intemperie na rúa.

A incapacidade política para arbitrar solucións desencadeou unha resposta inmediata e substitutiva das organizacións non gobernamentais, como Cáritas, Cruz Roxa, etc., e paralelamente xurdiron importantes mobilizacións cidadáns, como 15 M, ás que non se soubo concederlles a adecuada importancia, e, incluso, a veces, déronse delas valoracións terxiversadas, impregnadas dunha certa morosidade, como xa é habitual naqueles gobernantes que esperan que o tempo resolva os problemas.

¿Acaso sorprende que aparecera na palestra política Podemos, en España, como outros movementos semellantes en Italia, Grecia e Gran Bretaña?. Están incoándose organizacións desde o pobo, capitaneadas por persoas dunha gran preparación teórica. Non o dubidemos. Non obstante, existen razóns abondo para tomar precaucións a hora de outorgarlles unha fiable representación popular. Entre outras as seguintes:

1ª.- O teórico sabe a onde quere ir: Non é cego e ten capacidade para valorar e adquirir valiosas achegas dunha experiencia que non ten.

2ª.- Pero, sen esta, e mentres tanto non se posúa en grao suficiente, a coxeira é segura, e os obxectivos nas circunstancias actuais, a nivel mundial, europeo e nacional, corren o perigo de non se poder acadar. Por iso preséntase como inescusable conxugar a visión clara do teórico coa axilidade e astucia da persoa dotada de suficiente experiencia.

3ª.- Non se pode esquecer tampouco que unha democracia deixaría de ser tal se lle negara a calquera cidadán a posibilidade de adquirir esta clase de coñecementos prácticos. Sen embargo, recoñecendo o dereito, hai que reflexionar acerca de COMO se exercita, porque a experiencia non pode adquirirse a callón, senón nunha proceso progresivo e sen grandes responsabilidades nas etapas iniciais, para evitar dar pasos que non teñan rectificación, aínda que masacren aos pobos en grao maior que aquilo que a mera teoría aconsella corrixir.

4ª.- Por tanto, o pobo fará ben en non arriscarse a outorgar a súa representación, sen a debida e rigorosa información, a ningún partido que non estea disposto a facilitala, evitando, con astucias máis ou menos habilidosas, evadir as exploracións dos xornalistas, adversos ou non, porque constitúen un piar do sistema democrático que debe ser coidado.

Evidentemente, tampouco os partidos tradicionais soen ser suficientemente claros; pero os cidadáns temos elementos de xuízo abondo para saber ata onde van a cubrir as promesas, e ata onde van facer o que ocultaron e non prometeron. E, por suposto, perden o tempo na infantil reiteración argumental, que converten nun rito baleiro de contido.

Non esquecemos, pois, que estamos abocados a unha elección difícil, porque podemos dar a razón a quen non a ten ou concederlla a quen non poda, contextualmente, facer uso da que posúe.

E os pobos, desgraciadamente, adoitan confiar a súa representación aténdose máis a criterios sentimentais – que reforza a mesma propaganda partidista e ideolóxica – que de concienciuda reflexión: Antes de derrubar a casa vella, procuremos coñecer con certeza as condicións da nova!!!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES