Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Isidro Parga Pondal, empresario e científico

jueves, 08 de enero de 2015
O Foro E. Peinador celebrará o próximo día 15 unha homenaxe ao científico, empresario e galeguista Isidro Parga Pondal na Facultade de Químicas da USC.

Ás 12:30 horas inaugurarase un busto e a continuación unha sesión académica no salón de actos do centro presidido polos reitores das tres universidades galega coa asistencia de autoridades e empresarios.

O profesor Ricardo Gurriarán fará a glosa sobre as achegas científicas do precursor da aplicación da ciencia á industria mineira de Galicia á que el contribuíu tan decisivamente coa explotación de varias sociedades entre as que cómpre salientar a dedicada á extracción de calizas para a fabricación de aditivos agrícolas e insecticidas para a empresa agro-farmacéutica Zeltia.

A el débeselle tamén, entre outros, o achado da caliza do Val do Mao, en Sarria, principal canteira subministradora dunha planta de produción de cemento. Ali constituíuse Cementos do Noroeste, S.L., a primeira cementeira galega para producir cemento artificial tipo Port-Land, por “vía seca”, en colaboración cos irmáns Fernández López, segundo as informacións aportadas polo profesor Gurriarán na súa obra de recente publicación, “Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal”, editada polo Foro E. Peinador co patrocinio da Deputación da Coruña.

Por mor do lastre literario da nosa cultura, son moi poucos os que teñen o debido coñecemento da importancia que tivo para a ciencia galega Parga Pondal. Unha intelixencia forxada na universidade compostelá do primeiro terzo do século XX, e ampliada en longas estadías nas mellores universidade europeas daqueles tempos, que había deixar fonda pegada nas actividades do Seminario de Estudos Galegos ao que pertenceu e para o que traballo desenvolvendo proxectos relacionados co solo e subsolo de Galicia. A sublevación militar de 1936 afastouno das aulas universitarias onde trabalaba como profesor auxiliar desde 1923 “por esquerdista e galeguista” segundo consta no expediente sancionador.

Esa circunstancia motivou que Isidro Parga Pondal acabase sendo empresario de minas, e que crease no seu Laxe natal o Instituto Xeolóxico de Laxe un centro de investigación de referencia en Europa desde o que se acadaron cotas científicas considerables para o coñecemento da riqueza mineira de Galicia.
O seu apostolado galeguista foi munha constante durante a súa vida. Merece mención o labor pedagóxico desenvolvido sendo aínda moi novo como profesor das xeiras convocadas polo grupo xuvenil Ultreia que tan eficazmente dirixía na década dos anos trinta o profesor Álvaro das Casas; unha organización que dinamizou unha parte importante da mocidade universitaria da que habían saír sobranceiros discípulos como o oftalmólogo Antón Beiras e os que despois da guerra civil tiveron a meritoria responsabilidade de levar adiante a resistencia cultural en Galicia.

Esta evocación dos Ultreia tráenos á memoria aquel periplo marítimo que fixeran polas rías galegas. Cando desembarcaron en Bueu para coñeceren a conserveira Massó, unhas das industrias máis modernas do sector en Europa, chamoulles a atención “ver que todos os letreiros polas paredes estaban escritos en galego. Que ben sería que todas as fábricas de Galicia fixeran o mesmo!”, deixaron escrito. O mesmo desexo que hoxe ten o Foro E. Peinador no seu intento de galeguizar a economía e as súas empresas, e que os reitores das tres universidades galegas lles solicitan en carta dirixida ás 200 empresas máis importantes de Galicia.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E.Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES