Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un traballiño mal pagado pero ben retribuido

jueves, 08 de enero de 2015
Xa é oito de xaneiro. Como pasa o tempo! Que lonxe quedan os días de Nadal! Xa se desmontaron dos escaparates os xoguetes e comezan a ocupar o seu lugar os disfraces de carnaval. Despois, coa entrada da primavera, comezarán as feiras e festas medievais, o Arde Lucus, os desembarcos de viquingos, os samaíns e outros eventos semellantes sen esquecer certas procesións de semanas chamadas santas, ou romarías de endemoñados nas que a superstición ben administrada é rendible economicamente.

Non viviremos, por un casual, nun ben programado perpetuo baile de disfraces que desfigura moi eficazmente a realidade?

Perdón se dicindo en alto estas cousas me converto nun augafestas. Menos mal que o que poidamos dicir tanto eu coma outros retrógrados que vivimos de saudades non lle afecta nin pouco nin moito á chamada sociedade de consumo, á boa saúde do euro, nin ó ibex 35, que tampouco dou entendido o que é nin consultándoo en calquera das enciclopedias virtuais.

Vivimos tan á presa que, se cadra, coa conta das rebaixas, que aínda que xa empezaron van empezar moi axiña, hai quen non lembre que o chamado “Día de Reis” aínda foi antonte. Eu creo que non o esquecerei mentres viva e o alzheimer me deixe, porque pra axudarlle a manter a ilusión inocente a un sobriñiño-neto, Martiño, pintei debaixo da ventá as pisadas dun camelo e cando pola mañá do día seis lle dixen que eu sentira ó animal pero non o vira, el díxome que si o vira e ós Reis tamén. Díxomo tan convencido que non tiven máis remedio ca crerllo e paréceme que, ben pensado, tamén eu os vin grazas ó neno.

Alédame moito comprobar como dun tempo a esta parte os chamados Reis Magos tamén se deixan ver por pequenas vilas e ata por aldeas. Cando eu era pequeno xa se falaba dos reis nas aldeas, pero nunca se vira a ningún rei nin a case ningún aristócrata polos nosos camiños máis ca pra pasaren de caza de lebres e doncelas.

A min, concretamente, o primeiro xoguete que me trouxeron os chamados Reis Magos foi o ano 1953 cando eu tiña nove. Menos mal que daquela os pampiños da aldea non estabamos agardando por eles e xa sabíamos xogar e facer xoguetes tales coma carriños de pataca ou de carola de nabo ou bonecas de mazorca de millo. Agora os nenos, entre deberes, plaistensións, ou como se escriba; wuasaps, ou como se escriba; taikondo, ou como se escriba, non teñen tempo a aprender a facer os seus xoguetes nin casemente a saber xogar con outros nenos, sobre todo se hai que falar mentres se xoga.

Que pecado! Comprobo que estou falando demagoxicamente con acritude e retranca raposeira de algo do que se debera falar só con tenrura, e inocencia. A ver se me queda tempo e sitio pra enmendarme.

A verdadeira historia dos Magos de Oriente de que fala o Evanxeo é inconcibible despoxada da tenrura de caer de xeonllos diante dun neniño que é a mesma Tenrura de Deus feito un e unha de nós. No Evanxeo dise que os Magos ó veren ó Neno enchéronse de grande gozo, de felicidade. Desde entón deixaron de ser reis -iso xa non o di o Evanxeo, que tampouco di que o fosen nunca- e fixéronse sementadores de felicidade, pero o malo é que non dan feito. Precisan axudantes, colaboradores. Por fortuna teñen moitos, pero non suficientes.

Queres apuntarte?

Nesta profesión, paro non hai, pero a paga é pequena e, en cambio, a recompensa é moi grande. Proba, se che parece, e xa verás.

Sinto moito non poder servirche de guía nin poder darche leccións neste campo. Iso si, recíboas de boa gana e agradézoas.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES