Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Convén estar á espreita

viernes, 02 de enero de 2015
Se non queremos, nesta época de propaganda electoral, caer, sen darnos apenas conta, en reféns dos políticos, dun e doutro signo, abramos os ollos e actuemos “con sentidiño”.

Manter a liberdade á hora de tomar decisións transcendentais, pode evitarnos desgustarnos e hipotecar o futuro das novas xeracións: Neutralizar as tendencias e impulsos gregarios equivale, non o dubidemos, a manter a propia dignidade persoal. Non deixemos, tampouco, pasmarnos polos “listiños” ocasionais, nin que nos envolvan hábiles axentes do gregarismo.

Uns xa están predicándonos o ben que o fixeron, e os outros o mellor que o van a facer. Comprendo que a cousa non está nada fácil, porque a verdade parece un pouco dividida entre eles, e todos se gardan de aclararlle ó pobo o que poidan prexudicarlles os votos, ou vaia no seu descrédito. Nada novo, se non fora que a situación en España aconsella precaución.

Sairá a palestra o famoso economista británico, John Maynard Keynes. Dirán o que lles pareza das súas teorías; pero terán bo coidado de que non se entenda o que a cadaquén conveña: Explicarnos aos cidadáns o esencial deste e doutros economistas parece que non procede, porque os tecnicismos profesionais escurecen o panorama; pero non rexeitará interpretalo cadaquén ao seu xeito partidista e ideolóxico.

Este economista plasmou a súa principal teoría na obra titulada “Teoría general del empleo, el interés y el dinero”, na que intenta dar resposta á Gran Depresión de 1929. Eu non lles son economista. Sen embargo, vou intentar resaltarlles aquí algo que espertou a miña curiosidade, e ten que ver, penso, co extremo coidado con que hai que recibir as mensaxes dos políticos.

A tese fundamental considero que pode resumirse dicindo que nas crises prima estimular a economía, xustamente o que a oposición afirma non haber feito o noso Goberno. Para iso é mester incrementar o gasto no orzamento, con unha política fiscal establecida a propósito. Desta maneira, dinos o economista, pódese acadar un incremento no que chama “demanda agregada”, sobre todo invertendo o diñeiro para producir . Con isto evítase que baixe a demanda de produtos e aumenta o emprego, reactivando a produción.

En xeral esta parece que ven a ser a política socialista, que critican os conservadores, aínda que, segundo se afirma, foi a que deu solución á crise de 1.929. Pero, non obstante, as cousas non son tan fáciles, porque o aumento do emprego, sosteñen outros economistas, non se debeu ás receitas de Keynes, senón a economía de guerra (a Segunda Mundial) que absorbeu un elevado nivel de paro.

E nesta liña de desconfianza das teorías keynesianas, se non me equivoco, chama a atención que o Xapón leve aplicándoas durante uns 20 anos, aínda que está en persistente “estanflación”, é dicir, en recesión (estancamento) e inflación (alza de prezos, con máis desemprego e un certo estancamento económico).

Aquí o aforro xoga un papel importante. Pero para aforrar hai que ter ingresos. O noso Estado, para acadar diñeiro, vende títulos en xeral (bonos, letras, etc.) a españois ou estranxeiros, e o Sr. Rajoy, que non é socialista, pero aplica medidas keynesianas, elevou a débeda pública case a un 100% do PIB, para salvar o rescate de España; así deixa embarcadas ás futuras xeracións para pagar a débeda acumulada e os intereses. É dicir, que estas xeracións terán que aforrar, sen escusa, unha porcentaxe elevada dos seus ingresos, para atender ese pago, quedando así hipotecados e condenados en por vida.

Con todo isto só quero subliñarlles que os socialistas se aplican as medidas keynesianas embarcan aos nosos fillos e netos; pero o goberno do PP xa os ten embarcados, pese a rexeitar a Keynes. Cando en versión electoralista fagan referencia, uns e outros, a isto, ocultando o fundamental,... quen o ve claro?.

Os nosos descendentes quedan atrapados. E isto enténdese facilmente: O ingreso total dos individuos distribúese en aforro e consumo. Se teñen que aforrar NECESARIAMENTE, vailles quedar menos para consumo, e a oferta, que coloca xente, terá que reducirse, en prexuízo do emprego, como no Xapón. Non pensemos, pois, en volver os tempos das vacas gordas!

Cómo, desta maneira , nos poden falar os dous grandes partidos da redución do paro, aplicando as súas respectivas políticas económicas?.

Sen embargo, preséntanse como as únicas opcións aceptables...!!!. E, aínda que sexa paradoxal, tal e como percibimos a nosa situación actual en España (permítanme o nome!), aplicando a panorámica caleidoscópica, ata teñen razón. Non obstante, non estaría de máis que deixaran de tocar os diñeiros públicos antes de lavarse as mans, e contrastaran ideas en vez de zarapallos dialécticos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES