Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De pura cerna (11)

martes, 30 de diciembre de 2014
…/…

Quen leva irmás a Cuba é que non as ten, que de telas, non as levaría!
Dito popular.

Por aquelas datas chovera torrencialmente na Habana, facendo, de paso, como de costume, unha calor graxenta, esmagante. Na enseada do Atarés, aqueles peiraos quedáranse desertos de humanidade, xa aos primeiros sopros da enxurrada, una de tantas, frecuentes, pero máis abondosas entre Maio e Outubro; coa única fidelidade, coa única permanencia, dos capitáns daqueles oito ou dez barquiños de cabotaxe confiados ás amarras, abanándose en tódalas direccións posibles, dispostos a fuxir pola Boca para percorre-los sete mares antillanos, seu roteiro habitual; ou a batallar entre si, amura con amura, á vez que en contra dos pantaláns, turrando cos muros, pétreos que non de azucre, que non todo Cuba é, nin era, nin foi nunca, de pan doce; nin ourego nin ouro..., ¡mal que lles pesase aos seus panexiristas!

A tal momento, os primeiros que se acocharon nos edificios próximos foi aquel grupo de marines do Liberty, un transporte americano, USA, caporal naquela badía, rodeado daquelas cascas que parecían envolvelo, escoltalo, facerlle a benia, coma a un coloso, naquelas augas ferventes, foulanas.

Aquel transporte, personificándoo no seu Capitán, ben podía sentirse, pasearse, arrogante e fachendoso, da popa á proa, pola súa honrosa colaboración naquela enésima singradura; curta pero ampla; rica singradura, ¡proveitosa!, de aprovisionamentos - espoliacións unidireccionais, melaza incluída. Por inanes, e tamén por serlle inútil, deixara de bramarlles aos seus cargadores/descargadores; xente do seu rol e/ou da colla, así que botoulle a chave ao portalón para irse con eles, tras deles, esqueiras abaixo, fuxindo colectivamente daquela tormenta, da exterior, para mergullarse noutra, máis grata pero igual de ruidosa: ¡ron, cócteles, naipes, mulleres...!

Alí adiante, nas inmediacións, esperábanos unhas mozas augardentosas, pretensiosamente doces pero afónicas de tanto cantaruxar, de tanto trasfegar ron, de tanto dicir bobadas, pero tamén daqueles risos teatrais, incitantes... ¡Cimbrantes elas, ou xa non tanto! De tódolos pigmentos posibles e/ou coñecidos. Consumo propio, oferta da casa; mercadoría fácil, abondosa naquela rede de antros escuros, moi escuros, ¡na luminosa Habana! Pintarraxadas, tanto as mozas coma os seus cubís; aqueles antros, aqueles catres, aqueles tumbaderos (Tumbaderos, tumbaeros = tumbonas, pero tamén pousadas, ¡pousadas por horas!)... Todo en situación perfecta, cómoda, perpendicular á badía inmediata; un servizo fácil, accesible nunha simple escapada desde aqueles embarcadoiros/cargadeiros.

Estamos, situámonos, nas rúas dos Oficios, de San Pedro, do Santo Ignacio... ¡No día de marras, a Arca de Noé, en pleno diluvio!

Por diante da barra, nun daqueles establecementos tan..., ¿recargados?, uns tragaperras; todo, máquinas incluídas, fedendo ao acedo, ao aire viciado, á lixivia, tan acolledores coma as mesmísimas fauces dunha balea podre, pero todo servía ao seu fin primordial. Alí, á esquerda, nun lateral, de pé, espreitando diante daqueles butacóns dominantes, de coiro Chester, na propia tarima do piano, un Wallis meramente decorativo pois era inútil aporrealo naquela barafunda, con aqueles invasores bébedos, irados; para aqueles barafustas, máis atentos á desharmonía e ao barullo que aos acordes, pois incluso os irritarían ou molestarían, estaba, temos, localizamos, ao gringo - patrón daquel establecemento, ¡e de catro máis, idénticos, ou polo menos similares! Un gentleman: Traxe de seda cru, ouro vello; pelame crecha e roiba, case que de millo; con dúas notabilidades nos dedos: unha sortella moi aquilatada, de moitos quilates, rutilante coma un luceiro; e por parte, aquel veguero inseparable, dos de Vuelta Abajo, dos bos, dos grandes, engarabitado, lapeante, ¡pouco menos que un fachuzo de pallas!

Facendo que non facía, no seu estilo habitual, axexante, controlador, aquel Míster, o tal Merton, non perdía comba cos seus ollos saltóns, de escualo voraz; ¡saltóns, pero perforantes! Pendente de cada tapete, de cada mesera (Mesera = que atende ás mesas, insinuándose, de paso, aos clientes), de cada dólar, en todas as súas fases, fose captable ou desembolsado, que se aínda non saíra dos petos, da chupa daqueles mariños, aquelas tentacións botaríano fóra, ¡evadiríaselles! Todo isto no miolo daquela barafunda tan fera e tan feraz, tan rendible, baixo tódalas formas do vicio entón coñecidas, garito incluído, catre incluído, botella incluída...

Notábase, exhibíano, que aqueles marines do Liberty tiñan a paga fresca; a paga, si, pero o corpo máis ben sedento, que non sedentario, e iso a pesares daquela molleira torrencial, que soaba rítmica e penetrante no lastrado das rúas; ¡o único ritmo naquel cadro inharmónico!

Tan absorto e tan calculador estaba aquel Míster, coas súas contas, coas súas ganancias, progresivas e avarentas, ollando a orde que emanaba daquel desorde chafalleiro, dominado, principalmente, polos seus propios compatriotas, que nin se decatou de que Henriqueta, unha moza das súas, unha madama súa, manxupeira dos seus propios bordeis, unha moza medio vella, ou unha vella medio moza, segundo se lle mirase á pel ou á roupa, máis ben escasa de tela en todas as súas medidas, vestida de praia máis que de salón, desmarcárase da súa labor habitual, cotián, de presenta-las rapazas, de instruílas, de coordinalas, de controlalas, achegándoas ao lume, a tódolos lumes imaxinables, e fartábase de chamalo polo seu nome oficial:

-¡Eh, Míster, Míster Merton! ¿Apampouse, afogou neste fume do seu tabaco, ou emborrallouse na súa prebe?

O interesado, o aludido, co leite acedo dun gánster curtido, avezado, intolerante e intolerable, endeusado naquel imperio das súas maruladas:

-¿Que, qué che pasa, qué queres, así, a deshora, aquí, en público? ¿Algunha lea? ¿Non ves que están entrando eses mariños, coa paga fresca? ¡Baixa desta tarima, que te quero aí abaixo, ahorita (Ahorita = xa, de inmediato) mesmo, trajinando (Trajinando = persuadindo, captando) neles, atizando neles, e de paso espile esas novatas, tan ridículas que logo parecen ursulinas! ¡Veña, que lle dean ao traseiro, que os quenten; e rápido, que se amaina este trebón, daquela lárganse, todos, a cen, que os volven a chamar!

Henriqueta, a todo isto, impasible, flegmática, sen moverse do sitio:

-¡Pois, iso, hoxe non, que non pode ser, que me teño que ir ao peirao, así trone, que xa o fai!

-¿Como; irte, para onde; de qué falas?

-¡Ao peirao, que xa llo dixen! ¡De todas, todas, así se afunda esta tarima, e con ela este maldito tugurio, ao completo!

-¿Que dis...? -Merton, entre desconcertado e sorprendido por aquela sublevación.

-¡Digo que baixe esa gallaruza (Gallaruza = vampiresa, e ademais, folgazana), esa Lulú, para aquí, á barra, que neste choio fai falta moito aquel, moito sorriso e pouca oficina, que estes pagan a metálico! ¿Ou é que retirou á gringa? ¿Tena estoxada, tal que para un café con leite...? ¿Con leite, ou sen el, a pau seco? No meu criterio, demasiada Lulú, demasiado boneca; ¡unha cadeliña de la para un can de palleiro, para un aguacatero (Aguacatero = coma un aguacate; aplícase aos cans vulgares e fracos; tamén despectivamente ás persoas aparentes e insípidas) coma vostede!

Aguantar, o que é aguantar, aguantoulle aquela perorada, aparentemente sen inmutarse, pero a bile subiulle ata os ollos, que mesmo lle alampaban:

-Repite iso, que che casco; aquí mesmo, en público que sexa!

Merton non dera asimilada aquela rebelión a bordo do seu bordel, un antro no que el o era todo: amo, dirixente, flaxelador se se terzaba..., ¡a maiores da posible intervención dos seus catro recadadores, que sempre acudían no intre oportuno: no seu desvalemento, ou cando se lle acomodaba; a onde non daba chegado, ou cando non lle conviña facerse notar!

-¡Que non, Míster, que me tomo este día libre; e co de hoxe, o de mañá, día por noite! ¿Que por qué...? ¡Xa o ve: cansei de darlle veo á maquina da súa putería, que todo isto vai de mal en peor, e xa fede coma a corte do cuxo!

Aquel homazo, aquel gringo, o tal Merton, seguía coa boca aberta, dun furco, pero insolitamente calado, sen ousar interrompela.

-¡Así lle arda esta merda de hotel, que nesas estamos, roxando neste forno, que logo parece que cocésemos no cal, con estes tabacos cheirentos...!

-¿Vacacións...; oín ben?

-¡Si, vacacións; dous días, que pouco é, para o caso...!

-¿Ti, collendo vacacións, en plena zafra, con isto cheo, con este furacán que nolos mete para dentro sen que teñades que saír, nin sequera á soleira? ¡Estaría boa, se che valese!

-Está dito, e non me faga falar, que hoxe..., ¡punto!

-¡Vale, vale; punto; de momento, que maña traio outra, que contigo pouco se perde, que só tiras dos da terceira...!

-¡Tiro, e déixome tirar, por moitos da primeira! ¡Da primeira...! ¿Oíu, Míster? Daquela peche esa boca, e abra eses ollos de quenlla, que así decatarase dos que veñen por min, ¡e a por min, que tamén os hai! Pola miña culpa, pola miña grandísima culpa, grandísima zorra que son, que fun, e que tal lles parezo, que aínda os toleo, que os espapallo con dous meneos! Ten que saber que quen tivo retivo, e para bibijagua (Bibijagua = persoa hábil e industriosa, que se dá maña para todo, ou para moito), aquí, nesta habana, eu, ¡con abano ou sen el, que son máis famosa cá María dos Quintos de Lugo! Ben se nota nesa maldita caixa..., ¡se estou cerca!

-¿Deches en tola? Terei que retirarte..., ¡pero ao Asilo dos vellos, de animadora deles, que é o único que me falta por controlar!

Queta, Henriqueta, quedouse reflexiva, indecisa, pero só por un intre:

-¡Que porras, voulle falar claro! ¡De verdade! O caso é que me chega unha sobriña... Si, de veras, nese vapor que veu de Galicia, que estará atracando aí abaixo..., se lles deixa este vento tolo! Díxome un marulo destes, que xa pasou, ou que estará a pasar, pola Boca, aí polo Morro...

-¿Quen, un cómplice, un mariño que che encubre esta deserción? ¡Supoño que será para irte con el, tal que ao seu camarote! ¿Facédelo no barco? ¡Supoño que será para sacudirvos mellor, a pracer, co resorte da ondada! ¡Orixinal, en efecto, que nunca tal se me ocorrera! ¿Un barco..., de bordel? ¡Terei que pensalo!

-Non. non é así, que non entendeu cousa. Foille ese de aí, ese cachupín (Cachupín/gachupín = cachopo = español establecido en Norteamérica, ou que traballa para os gringos), ese da colla, que con ese, nada, nada de nada, que é marica. A mais de esperala, téñolle que buscar acomodo; á sobriña, digo; nun sitio decente; e tamén un traballo decoroso, decente...; pero, con tanta indecencia coma a que temos neste podriqueiro, a cousa ponme dos nervios, mais é a miña obriga, que me vai niso a propia redención, que eu enténdome...!

-¿Un traballo, para unha rapariga...? ¿Que traballo?

-Non lle sei, aínda non; algo de man, algo que se faga só coas mans, pois para usar o chumino chego eu, que xa o teño saído coma unha vaca; ¡eu, e mailas miñas amigas, catro desgraciadas daqueles tempos...!

Sublevación tras sublevación, Henriqueta mostrábase inflexible, anovada; ¡demasiado para as disciplinas daquel tunante! Tiña que pararlle aquelas iniciativas, novas, imprevistas, da súa sempre leal colaboradora:

-¿Que lle vas buscar, qué? ¡Nin o soñes! Déixate de alilayas (Alilaya = escusa frívola, pretexto van), que esa moza pode ser a túa substituta. Traballará aquí, comigo, que para o teu oficio non necesita letras; ¡nin letras nin leccións, que llas dou eu, eu mesmo! Así compensarédesme pola perda do teu revellín (Revellín = atractivo de muller, coquetería), vieja moringa (Moringa = coco, fantoche)!

-¿Sabe qué lle digo? ¡Que se poña na porta; vostede, si, vostede, a ver quén pasa, que algún día lles tocará aos homes face-la rúa...!

Merton, o imperturbable, pero naquela ocasión disposto a negociar:

-Se non queres dicirllo directamente, nese caso, fareino eu! Preséntasma, doulle un paseo no Buick, ensínolle a praia, mércolle un taparrabos, e xa está! Do que non, que a trasfegue Lulú, que lle amose un cartucho de pesos, dese bote das galas (Galas = propinas, atencións) para que aprenda que mellor afán (Afán, afanar = gañar un diñeiro fácil) cá este..., ¡en todo Cuba!

-¿Nin en todo Cuba...? ¡Agarde e verá, que iso está por ver!

Merton decatouse de que estaban chamando a atención, pois Henriqueta, nerviosa coma nunca, espallaba en tódalas direccións posibles, así que cambiou de táctica, achantándose:

-¡Veña, pasa ao despacho, que imos concretar, que aquí pérdeste; pérdeste ti, e de paso fasme perder a paciencia, cacho gallega!

Fóronse indo cara ao reservado do Merton, aquel curro onde recibía aos invitados de fachenda, ¡ou aos que quería ameazar sen testemuñas! Henriqueta, sosténdolle a mirada en todo momento, apelou, xuntou forzas, co remangue que aínda lle quedaba, reservado para situacións estremas, decisivas, que xa non era moito, pero naquela ocasión sentíase redentora ante a vida, ante a chegada, da súa sobriña, que a facía a tal momento disposta a pasa-la lista de saída. ¡De saída do barco, e de entrada en aduanas!

Na súa arribada a La Habana, na dela, últimos do Noventa, que se fora de criada, ou máis ben de neneira, que tal se crera, fixérallo crer un capitán da mesma parroquia, coñecido e amigos dos seus; un mercenario, un tipo daqueles da do 95, en goce dun permiso, que contaba e non paraba daqueles fillos que tivera en Cuba, cunha mulata guapísima, riquísima, pero el quería crialos, facelos acompañar, por unha neneira da súa terra, que lles falase dela, incluso en galego, para non americanizalos... ¡Andrómenas súas, simples amocelos! Resultou que, mulata si, e fillos tamén, un nado e outro de camiño, pero aquel Capitán guerreaba por onde podía, e quería cartuchos de reposto, anovados, inocentes..., ¡para a súa fusila! Henriqueta picou, deixouse picar, deixárona picar, rematando co seu sacro naqueles diváns cheirentos dunha cantina militar!

Apreso aquel oficio, e como era enérxica, mandona, afeccionada aos dólares..., ¡acabou de alcaiota, sometida ao imperio dos Merton!

-...

-Míster, perde o tempo; e non me sexa rebencudo (Rebencudo = obstinado, teimudo, con mala intención), que lle estou falando con moito siso, talmente en serio. ¡Á miña sobriña non a relaja (Relajar = faltar ao decoro, prostituírse) ningún gringo..., así se chame Merton! Saiba que comigo acabouse aquela recua das picúas (Picúas = coimas, meretrices), e non se poña matón, que non teño pelos na lingua, que mos levou o vento, á forza de mentir, á forza de disimular!

-¡Queta, achántate, e vai parando, que ben sabes cómo as gasto...!

-Oia, Merton, póñase algunha vez deste lado da mesa, que eu tamén sei guerrear, que non hai mambises (Mambises = aqueles insurrectos de Cuba) cativos..., ¡nin inimigo miúdo! Seille catro cousas, ¡pero ben sabidas e ben demostradas!, das súas raqueadas (Raquear = dar calote, estafar), dos seus subornos, dos seus matóns, das que lles fai aos amigos..., ¡amén dos seus embarques clandestinos de ron!

-¡Ja, jaa, jaaa!

-¡Ríase canto queira, e páseo ben, de paso, que igual é o último que fai, que iso de levar o seu ron nos buques da Mariña de Guerra...! ¡Iso élle un conflito internacional, que sei a quen lle interesa saber o cómo, o por qué, e mailo cándo, que mo van agradecer máis de catro mandos do noso Alto Mando!

-¿Non podes calar, maldita zambeque (Zambeque = necia, idiota)? ¡Torpe, máis que torpe, que estás tirando terra aos teus ollos..., coma quen lla tira a un cadaleito!

Pero a nosa Henriqueta, feita un carballo daqueles da serra do Pradairo, tamén chamada da Ferradura, todo cerna, cerna pura, cargante e dura, temeraria, ¡coma un seixo!

-O dito, Míster, que me dá igual dicirllo aquí, neste curro, ou diante da catedral, que aí fóra tampouco teño nada que perder, pois, se me mata, ou me manda esfolar..., ¡daquela pago por min! Vostede é un burro, que nin se decata de que lle perdín o medo! Mire, o dito: vén para aquí, para La Habana, a miña sobriña, a que me herdará, ¡pero só no bo!, e eu, daquela, tocando o zoco..., ¡ao cemiterio dos Chinos, tan feliz!

Merton, despois de engurra-lo cello unha vez máis, e co puro apurado, esfumado, fose por prudencia ou por comenencia, apañou un sorriso forzado, artificioso, de circunstancias, e dispúxose a pactar:

-Xa que te aciguatas (Aciguatarse = tornarse, volverse bobo, imbécil ou lelo), daquela fareiche un trato. ¿Esa rapaza..., sabe cociñar?

-¿Míster, vostede cre que cociñar é tan doado coma isto de darlle ao cu debaixo dun gringo, por cebado que estea? A sobriña só ten..., coido que son dezaoito...; e logo que vén dunha aldea...!

-¡Daquela, mellor, que non traerá resaibos, e pode aprender correctamente. Faina bañarse, que lle poñan a permanente, e despois lévaa á miña casa, ao Vedado, á Mansión Merton. E dille á Lady, de parte miña, que se trata dunha parente túa, que se quedará con ela, que así cho mandei eu, sequera sexa para moverlle esa cadeira das rodas, á vez que lle axuda á nosa cociñeira. ¿Entendido?

Henriqueta, de afeita ás trapalladas, á dobre moral daqueles gringos, con algo da súa retranca, da que aínda lle quedase nalgún recuncho dunha mente tan machucada, matizou a súa resposta:

-¿E se non a quere Lady Robynia; ou se vai vostede, e lle di por tras que non, que nones, que do dito, pío, que non a colla..., para tela dispoñible, vostede? ¡Míreo ben, que se lle axeita retorce-las cousas! Coas que teño ao lombo, gringos a min..., ¡plin, que lles levo metido un cento de purgacións! Algo se merecen, ¿non si? ¡Pois iso, por abusóns...!

Merton tiña unha dialéctica máis rotunda, aínda máis:

-¿Se non quere..., qué? ¿Quen lle vai pagar á mucama, de onde saen os pesos que se queiman a cotío na Mansión...? Polo que fai á Robynia, moito presumir de que é filla dun Lord...; títulos, pergameos asinados pola raíña Vitoria, Lady a todas horas..., ¡pero os cartos remanan dese ron que me botas en cara!

-Do ron, si, supoño, pero tamén das camas que facemos...; ¡das que facemos, non; das que desfacemos! Nós, entre mulatas, galegas, e algunha que outra descarreirada, que ata non sei de onde vén tanto coño, tanta carne fresca... Pero vou ao caso: ¿Que pasa coa Agar, coa cociñeira...? ¡Vostede algo trenza, ou algo tronza, que o coñezo...! Dixo Cristo non sei qué dos froitos...; pois, os seus, ¡os seus non son comestibles!

En Cuba é ben sabido, de vello, que a un americano só se lle descompón o tipo, a dignidade, a serenidade, se se dá de bruzos coa filosofía galaica.

-Pero, esta apangada (Apangada = lela, necia, estúpida)...! Con Agar pasa simplemente que esa morena perdeu facultades; está cansa, e incluso medio xorda, ou se fai..., e non lle vén mal unha aprendiz que poda substituíla..., ¡por se vai a peor!

Henriqueta, satisfeita si, pero, ¡faltábanlle os cadullos, que por algo era galega, de pura cerna, de pura raza!

-¡Aceptareille, pero cunha condición...!

Con iso provocouno en demasía, que o gringo non estaba afeito a aturar aquel tipo de réplicas, de contradicións:

-¡Mesmo che tiro aos ollos esta alcántara (Alcántara = vasilla, ataño, ola)..., para que espertes á realidade! ¿Estás ti como para poñerme condicións baixo ameazas? Anda, vaite, que desta libras, e quítate eses birrións (Birrións = pintura, maquillaxe excesivo), que por moito que disfraces a cara, de vella non te libras. Mírate ao espello, que xa tes o mapa de Cuba nos teus ollos de bruxa, alongados de tanto mirarme de esguello!

Henriqueta, medrándose no castigo, volveu ao seu remangue, ofendida:

-¿Estas temos? Daquela, por face-lo oso comigo (Face-lo oso = poñerse fanfurriñeiro), impóñolle dúas condicións. Dúas, a saber: Que non o tente o demo prostituí-la miña rapaza..., ¡nin darlle ocasión diso! E tampouco se lle ocorra dicirlle..., ¡nunca dos xamais!, en qué gaña a prata súa tía. ¿Estamos? Míreo ben, que teño unha boa menciña para os babujales (Babujales = meigos, bruxos) coma vostede... ¡Como non disimule os meus pecados, os meus, voulle ao gañote, co coitelo da cociña que sexa! ¡Como que me chamo Queta! ¿Decatouse diso, gargallán do carallo?

-¡Quieta Quetiña, calma, e déixate de perretas (Perretas = rabuxas, mal humor), que che concedín máis do que mereces..., incluso en tempo! Prometo respectala, pero se me buscas outras, un relevo, e que estean biyayas (Biyayas = que se mostren solícitas, atractivas), de bo ver, pois ultimamente estás traendo material sobrante, xa paridas e desfeitas, despedidas doutros negocios, retiradas do señorío...; ¡mantidas mal mantidas! Para aquí quero material de estrea, do trinque!

Henriqueta, obtida aquela proposta, largou cabos, soltouse:

¡Non sei; xa falaremos diso! Agora é difícil, que veñen máis curtidas, e incluso con ganas de volver ao seu país...; todo calculado, a tempo fixo, coa palabra comprometida, e por veces amparadas dos que fomos pioneiros... Pero vostede, de ben pensado, co rico que é, ¿por qué non se vai, tal que ao Varadero, á outra casa, á das súas vacacións, e nese caso fainas definitivas, dunha vez por todas, librándose deste puto negocio das putas? O que tiña que facer é coidar da súa Robynia, ¡tan boíña que é! ¿Non lle parece que xa está ben de mocear...? ¡E logo que vostede tampouco é un guayabo (Guayabo = rapaz, mozo, en idade deportiva, ou de levar guayabera)!

Algo máis distendida, créndose vencedora, incluso se permitiu aquelas puntadas, aqueles consellos; e como lle pareceu que o tiña receptivo, acalado, engadiulle outra recomenda:

-¡Non me irá dicir que se lle endureceu a virtud (Virtud = órgano masculino) cos anos? ¿Eh, tío quenlla, dígnase contestarme?

O gringo, aquel impertérrito empresario, aquel polifacético do xogo, do ron, das jineteras (Jinetera = veloz, que fai a ximnasia na cama), de canto fose rendible e se puxese a tiro, retrucoulle índose ao seu, volvendo ao seu:

-Dime, perla do Caribe, Henriqueta guapa..., ¡desde que te laves!, ¿onde gardas a taleiga dos pesos, iso que vas deixar en herdo? ¡Teralos por aí, ciscados, supoño; como moito, ao dous; acaso nunha banqueta desas que creban cinco en cada lustro...! ¿Ti entendes de papeis, de asegura-los cartos, de poñelos a medrar...? ¡Mira que che estou ofrecendo unha participación, aquí, comigo, a maiores desas comisións que tes asignadas..., agora que estás para o retiro! ¿Enténdesme? Non me fuches moi leal, non, que ben cheiro as túas raspiñadas, pero devólvoche o cento por un..., como din que fai Deus! Estás pasada, xusto para o retiro, e daquela, asociada comigo..., ¡pos os pesos a medrar! ¿Aceptas, que che estou ofrecendo máis do que mereces?

Queta, nin con esas, que coñecía demasiado ben ao Patrón; e o que non sabía del, intuíao:

-Mire, voulle ser Santa Clara: aló, no meu rueiro, que lle din Vilar, e iso que está ao sopé da serra, as pitas que fan tratos cos renartes..., ¡perden a pluma!

-¿Chámasme raposo; a min, a quen tal oferta che fai? ¡Desagradecida; pero ti o perdes! ¿Que vés a dicir con esa papurreta (Papurreta = simpleza, necidade), con esa metáfora tan..., tan torpe e tan inxusta? ¡Traduce, que ben sabes que domino o castelán, pero ti..., ¡ti es gallega!

-¡Si, son galega, pero algo sei, polo menos das cousas da miña crianza; cousas que vostede non capisca, e iso que é un pillo, pero, de listura, un comiño!

Como seguía diluviando, que así, aínda despois de atracados, non os deixarían baixar, e non había présa por acudir á espera da sobriña, habida conta, tamén, de que Merton puxo interese en felparlle os aforros, e cando aquel home trasfegaba un negocio, os outros agardaban, que non se ía, nin deixaba ir, ata enlobetar o adival ben enlobetado, Queta permitiuse un curto arrecheo nun daqueles Chester, propios do ricachos, e no entrementres volveu ás recomendacións:

-Preguntoume pola miña taleiga... Pois, mire, e voulle falar coma se estivese de confesión: A tal momento cambiábaa, coas bragas incluídas, pola saúde e pola vergoña que me fixeron perder nesta puta Habana certos confrades seus..., ¡empezando por certo Capitán, e iso que aquel non era ianqui! Agora que a cousa non ten remedio, ¡xo burra, xo! Pero esa pratiña, pouca ou moita, ten que valer para unha obra de caridade, para que esta sobriña viva con decencia..., ¡dentro do que aquí é decencia, que xa sei que non estamos na miña parroquia!

-Con decencia vivimos todos, que darlle á xente o que precisa, en troques do que a un lle sobra..., ¡coido que non é mal trato, para ninguén!

Pero Queta non ía por aí, senón todo o contrario:

-¿Non tiña présa? ¡Pois eu, en vista de que con vostede non fai milagres nin o propio Deus..., que El tampouco salvou a Satanás..., terei que despedirme! Pero lémbrese de que fixemos un trato, un pacto, que eu non entendo de letras, nin das do Banco nin das outras, pero de honra, si! Tómeme en serio, tío Merton, que lle convén. Mire, por se lle quedan dúbidas, e dito isto, voume; ¡agora, si! Para demostrarlles aos meus que sabía defenderme, que estaba maduriña para saír polo mundo, para enfrontarme aos cabróns do camiño, aproveitando que estabamos de matanza, alí, na propia aldea..., ¡matei un porco! Como llo conto, tal cal, cun coitelo así de grande; ¡ben ás cheas coma eses machetes da cana! ¿Entendeume? Daquela acórdese diso, por se lle fai dano á miña Herminia..., ¡ou por se lle entra a tentación de facerllo!

Acurralado con aquelas filosofías ameazantes, con aquela filípica, tan dialéctica como rotunda, Merton deu por resolta a cuestión e dispúxose a saír do seu reservado, pero, xa na porta, encarouse con aquela empregada - comisionista, cómplice pero arrepentida:

-¡Gata salvaxe! Ás veces es melosa, incitante, e incluso atractiva; pero outras..., ¡co coitelo na man! ¡Gallega tiñas que ser!

Queta plantoulle cara, unha vez máis, saíndo con el ao salón:

-Nisto de salvaxe..., conforme! Nisto si, que por algo me ten aquí, de encargada, que a vostede os santos non se lle achegan, por colonia que se bote, que fede a xofre, a pecado, ¡de lonxe!

Así se xestionou aquel emprego doméstico da moza, de Herminia, medio a medio dunha tormenta..., ¡patronal! E con outra por fóra, na rúa, no peirao, en todo Cuba, naquel trópico, no de Cáncer, co tempo facendo das súas, tan a miúdo desaforado.

Herminia entrou, iniciouse, ambientouse, arrolada por un daqueles tifóns tan levantiscos que, cando collen carreira, ¡aos douscentos chegan! ¿Bo agoiro, ou mal presaxio? ¡Aínda é cedo para levanta-lo pano!

O certo, o xa sabido, é que, en parte, e debido directamente á tormenta, aos incidentes dela, aquela rapaciña librouse, case de milagre, dunha putería tan de moda, ou tan en necesidade, segundo se mire, grazas á puta de súa tía, que despois de todo foi unha puta de conciencia, arrepentida. Desgraciadamente puta debido a que non tivo, non tivera, no seu momento, outra puta desenganada, e rica, que a protexese daqueles putañeiros, en particular dos gringos, aqueles controladores, aqueles empresarios de bordel que, para abarcalo todo, tamén lle daban ao ron..., ¡aproveitándose dunha Lei Seca! Dito así, todo isto parece un abracadabra, pero era, foi, realmente, unha traxedia, terrible, xeneralizada, cotián, típica, ¡e como tal, dificilmente evitable!

Mentres, no seu Vello Mundo, naquel Vilar, no seu, ¡seu antes do éxodo!, naquel Vilar do Monte, do Montecubeiro, estarían todos, seguro que estaban a tal momento, envexando a sorte daquela rapaciña que se foi de noite, levada a Lugo polo Toño, en dúas eguas, xa cerca do día, para que avanzase noutra escuridade, na de Cuba, aínda que iluminada artificialmente; un país luminoso de seu, brillante, fértil, azucrado, próspero, propicio..., ¡e non obstante, afuracanado!

¡Que miraxes e qué idealizacións produce a distancia, e coa distancia, a información nesgada, indirecta, interesada, obtida, recibida, de terceiros, fose de boa ou de mala fe! Máxime cando se olla, cando se axexa, co espírito presto á tentación, coa mirada extraviada, ou incluso cobizosa, e sempre, ou case sempre, ignorante, ¡supinamente ignorante!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES