Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hooligans

lunes, 29 de diciembre de 2014
Tal vez deberamos reflexionar sobre o acaecido hai días atrás que ocupou espazo importante en todos os medios de comunicación e que ten que Hooligansver con esa desaforada violencia con que se manifestan certos grupos ligados ó mundo do fútbol. O caso é que non é a primeira vez que se produce un asasinato provocado pola brutalidade dun feixe de descerebrados, e xa que logo o sucedido en Madrid foi como a crónica dunha morte anunciada.

Ata o de agora, malia haber detencións, non hai noticia sobre as mans executoras da agresión mortal do “Riazor blues” de corenta e tres anos, e do que si se está a falar é en pasar a pataca quente ós grupos de seareiros en xeral, falar de descoordinación da policía e enunciar as medidas adoptadas polos clubes (algunhas non teñen pes nin cabeza) sen atreverse a afondar na raíz do problema.

Comete un erro aquel que pensa que isto non ten nada que ver co fútbol, pois estes grupos están enquistados dentro dunha multitude de seareiros que, si, van a animar e que forman parte fundamental deste espectáculo de masas. Veñen a ser como ese coro no que descansa o peso da representación que ten lugar no escenario do estadio. Forman, claro está, parte do espectáculo, e un partido sen eles (viuse nos dous últimos encontros en Riazor) e coma unha verbena sen orquestra. Aquí pode que paguen xustos por pecadores. Non todos son violentos, nin moito menos.

Eu son dos que pensan que non hai que xeneralizar e si asumir que no medio desas catro mil gorxas que se quedan afónicas sen deixar de animar ó seu equipo, hai pequenos grupos infiltrados que se esconden na masa e proclaman consignas relacionadas con certas ideoloxías totalitarias para levar a cabo comportamentos espurios que, eses si, non teñen nada que ver co fútbol. Pois a eses, ós que resulta demasiada concesión darlles ideoloxía algunha, son os que hai que erradicar dos campos. E imaxino que se outros o fixeron, non debe ser moi difícil identificalos e afastalos dunha vez por todas dos estadios.

Nas inmediacións do Manzanares houbo dous encontros: un programado pola Liga Nacional de Fútbol Profesional e outro por dous grupos radicais que quedaron para se zorregar tres horas denantes do partido, barallada que rematou cun morto e varios feridos.

Non se suspendeu o partido cando o normal sería para-la xornada, o presidente da Federación desaparecido, como en el é natural, e logo as declaracións pouco afortunadas dos presidentes dos clubes tentando explicar que iso non ten que ver co fútbol cando eles saben ben que os equipos dan morada e facilidades a estas minorías que se converten en adaís do alboroto e da violencia.

En Inglaterra acabaron co problema. Alí a xente arestora acude ós campos con localidades todas de asento e desapareceron aqueles “hooligans” violentos que foron modelo dos que arestora andan por aquí. En Alemaña acontece o mesmo: énchense os estadios, a xente anima pero non hai liortas violentas. Aquí é evidente que fai falla a vontade precisa para coller o touro polos cornos. A lei mordaza, que nos leva hoxe a corenta anos atrás, penaliza as imprecacións públicas ós políticos, as manifestacións espontáneas, fotografar a policías que se exceden, as reunións na rúa, etc... pero non fala nada de amordazar ós xenófobos e intolerantes que insultan e zoscan nos campos de fútbol, seguramente porque saben que o campo (de fútbol, claro) é un lugar idóneo para desbravar as frustracións que facilmente se volverían contra os poderes públicos na rúa. En fin...
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES