Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Xunta de Galicia: "A gran deforestadora"

lunes, 29 de diciembre de 2014
As árbores son os arpexos que o vento se encarga de tensionar cando as nubes da emoción irrompen polo ceo algueirado e fan que a contaminación desapareza da nosa beira e o osíxeno campee polos nosos pulmóns e se abran ao espazo dos soños e dos sentires ancestros.

Cando inspiramos, éntranos unha tépeda sensualidade muda de amenceres, un pracer ás veces de vulturno de sega ou de nordés de Nadal gabeando no espazo, un prebe amantiño no noso vivir diario que ilusiona, mais á Xunta de Galicia as árbores non lle interesan, son instrumentos quizabes sentidos como votos, e . . . aos que hai que tratar como inexistentes, e en todo caso pensan que o “leite” e millor có “aire” porque de momento, pódese respirar e por iso non se paga, tamén “de momento”, pero polo “leite” págase e vótase, senón non se entende como a nova Lei Forestal obriga a plantar árbores a dez metros de distancia cando en Galicia ou Galiza non hai fincas que poidan resistir unhas cantas reas de árbores gardando as distancias formuladas por uns redactores que máis que persoas conscientes, responsábeis e coñecedores da nosa realidade, parece que a enxergaron e enxendraron unha noite de nigromancia cando os astros da C.E.E. brillaban ourilocentes nos milleirais transxénicos para
que se embadurnaran de leite ou de non sei que outras prebendas escatolóxicas, porque . . . imos ver, Señores redactores da nova Lei Forestal e Sr. Feijóo, se Vostedes aplican esta lei a Galicia, esta terra nosa, desaparece como tal, e se non, díganme como podería quedar a Ribeira Sacra, por exemplo, se se lle cortan todas as árbores a catro ou a dez metros de distancia do veciño, das estradas, das parcelas, das rúas, dos ríos . . .

Cando unha persoa lexisla, debe de pensar e non obcecarse co agora, senón co futuro xurdio e co que pode ter máis valor no lonxano. No seu calidoscopio non hai figuras que varíen ilimitadamente, a non ser unha á que teñen que servir; cando se fai unha lei non se pode ir en contra da maioría dos cidadáns e ademais non facelo ou facelo “ ás avesas” para que medre soamente o sector do “leite” en contra dos outros sectores, o das “árbores”, o do “aire”, o da “beleza”, o da “historia”, o da “terra”, o da “cultura”, é cousa de nigromantes.

Señores lexisladores da Lei Forestal de Galicia que é o mesmo que dicir, Señores da Xunta de Galicia: “Rectificar é de sabios” e ... aplíquense. Moitas grazas.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES