Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Por que temen a Podemos?

viernes, 26 de diciembre de 2014
Despois dun extraordinario resultado nas eleccións europeas Podemos irrumpía no panorama político e social do noso país traendo consigo dous aspectos que necesitabamos coma o comer e que están estreitamente relacionados entre si: por unha banda lograron espertar do seu letargo a un número considerable de cidadáns que permanecían en "stand by" vendo o delito pasar ou que ben sendo conscientes do mesmo nos mantiñamos na retagarda por considerar pouco menos que utópica a posibilidade de poder cambiar o estado das cousas; e por outra banda, e consecuencia do anterior, o fenómeno Podemos foi quen de por nerviosos a un sector do que eles denominan “casta” que durante anos empregou a política para enriquecerse ou que tolerou coa súa laxitude e deixadez que outros o fixesen. Uns e outros ensuciaron coa súa conduta a figura do político honrado, o que realmente conta con vocación política, que en efecto existe e que nada ten que ver con estes elementos que se agochan baixo as siglas dun partido para sacar ó corrupto que levan dentro. Pero volvendo ó tema, o certo é que o partido de Pablo Iglesias recolleu a testemuña de interesantes iniciativas cidadás como o 15-M ou a plataforma Stop Desahucios logrando facer aínda máis ruído e buscándolle as cóxegas a aqueles que, escudándose tanto na dereita como na esquerda e abarcando dende o goberno ata os concellos, fixeron do delito ou da pasividade ante este o seu modus vivendi. Todos eles comezan agora a familiarizarse con algo que ata o momento era descoñecido para eles, o medo. Edmond Dantés, rexuvenecido e con coleta aparecéuselles cal fantasma e está facendo que máis dun teña que tirar de valeriana para conciliar o sono. Que é o que lles preocupa? preguntaranse, pois comprobar que a realidade está a cambiar, que a néboa de impunidade que lles permitía gardar os seus chanchullos a bo recaudo comeza a evaporarse da paisaxe e cada vez resulta máis difícil ocultar as tropelías. E se o chollo se me termina? laméntase algún en silencio ó tempo que un incómodo calafrío chamado democracia percorre o seu corpo.

Anos atrás todo era máis sinxelo para os amigos do fraude, quenes se adicaban a observar ó touro dende a barreira considerándoo inofensivo, dócil incluso, xa que apenas se queixaba das estocadas. Porén, semella que agora algo cambiou. As feridas, cada vez máis dolorosas, espertaron ó morlaco e o cabreo fíxolle saltar o abeiro sembrando o pánico entre os que alí se refuxiaban. Os golfos de turno, que ata agora respiraban tranquilos crendo estar a salvo, fuxen de súpeto espantados tentando salvarse custe o que custe. Pero o touro non parece amedrentarse e brama enfadado explicando as súas razóns. Nun corno trae colgados os datos de desemprego que son para botarse a correr (basta con consultar a tasa de desemprego xuvenil do 53,8 %, a máis alta da zona euro) e no outro trae algo que todavía o indigna máis nos tempos que corren, os sumarios do caso Gürtel, o caso Nóos ou a operación Pokemon que ostenta o triste récord de ser a maior trama de corrupción rexistrada en Galicia ata o momento. Ante tal panorama algúns optan por solucións tan cómicas como suplicar perdón. Outros, máis agudos eles, nun intento desesperado por recuperar os privilexios que o estado caciquil lles condeceu tratan de confundir ó animal desacreditando ó que eles consideran instigador da revolta, o que se atreveu a abrir os ollos ó pobre animal para recordarlle que ten dereitos e que pode loitar por eles. De seguro que saben a quen me refiro. Agora tocoulle a Pablo Iglesias como no seu momento lle tocou a Ada Colau, pois todo activista con mirada intelixente resulta incómodo para un réxime onde a golfería soía campar ás súas anchas. Non quero dicir con isto que as propostas políticas que Podemos plantexa non deban ser obxecto de crítica ó igual que o son as dos demais partidos, pero unha cousa é criticar con rigor os defectos dos seus plantexamentos, que na miña opinión son numerosos, e outra ben distinta é intentar asustar ó votante vaticinando un desenlace apocalíptico en caso de que Podemos logre a maioría absoluta nas próximas eleccións.

En todo caso hai algo do que non parecen ser conscientes nin o goberno nin o principal partido da oposición e que pode traerlles graves consecuencias electorais. A barriobaixeira campaña de descrédito que populares e socialistas lideran contra Pablo Iglesias non fai máis que alimentar o descontento dunha poboación cansada das súas mentiras e da utilización do "e ti máis" como única estratexia política. Sigan así e o touro non só os collerá senón que os enviará á enfermería per sécula seculorum.
Riera, Martiño
Riera, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES