Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De pura cerna (10)

martes, 23 de diciembre de 2014
…/…


Ahorita...
La Isla se norteamericanizará (sic) gradualmente y a su debido tiempo contaremos con una de las más ricas y deseables posesiones que hay en el mundo...

Leonard Wood. Interventor Militar en Cuba, de 1899 a 1902.

Habana, inverno do vinte e dous. Pero antes de seguir con esta historia, coa persoal, botémoslle unha ollada, outra, aínda que sexa de esguello, unha pequena actualización, á Xeral, á do país receptor, transoceánico, que, con tanta decisión como ignorancia, ía descubrir Herminia, aquela moza aínda nena da que vimos falando con familiaridade, nun encomio ben merecido. Filla dunha nai sumamente relixiosa, e con ela, a filla; ámbalas dúas. Unha cativa submisa, normal en todo; e coido que bastante representativa da xeneralidade, do ser e do estar das nosas mulleres, das nosas galegas, aquelas avoas do primeiro cuarto do XX. ¡Coma quen di, onte!

¿Formación, ambiente, idiosincrasia da nosa rapaza? O dito: normal, acadarmada polas súas desgrazas, segundo no seu caso lle correspondía. Para máis matiz, para máis detalle: orfa; orfa de pai, cun padrasto que volveu queimado, deformado, das Américas; algo atrabiliario, e por ende, un amargado emperrado en amargar. Afeita aquela mociña, acomodada, pero nunca bastante, ás inclemencias daquelas abas brañegas do Pradairo, ¡1029 m. por sobre do mar, que en Galicia é unha elevación apreciable! A maior detalle, unha excelente sachadora dos hortos; pastora das ovellas, no resto, habitualmente, e como tal, témera dos lobos. Instruída nunha escola de pago, ¡pagada en trigo!, que por entón era un privilexio, unha sorte, unha boa iniciativa daquela analfabeta que era súa nai.

Ata aquí nada de particular, ¡en absoluto!, pois, máis ou menos coma esta rapaza, por aqueles tempos, camiño de Cuba, de Cuba ou da Arxentina, principalmente para eses destinos, un milleiro, ¡cada mes!

No ano do seu embarque presidía en Cuba, ¡na terra prometida!, aquel Alfredo Zayas, máis coñecido na illa polo alcume de, El Chino, que resultara electo nas eleccións do ano 21. Mais, quen realmente gobernaba..., ¡non, que non era así: imperaba!, nesa chave do Golfo, fronteiriza entre o universo anglosaxón e mailo sangue latino, latinos e mestizos nunha alta porcentaxe, ¡que xa é unha diferenza cos norteños!, foi o xeneral Crowder. ¡Crowder, que non Zayas, era o que, co pretexto de loitar en contra da corrupción, real, existente, ¡iso é verdade, a única verdade!, naquel rol paternalista, protector, poñía e quitaba, quitaba e poñía, alternaba ao seu pracer, en consonancia coas consignas recibidas, representadas, aos membros daquel pseudogoberno caribeño, bananeiro, facéndoos danzar unha danza siux; séxase, ao seu compás!

Consecuencia directa, emerxente, daquela Emenda, da Platt, foi un, Tratado permanente determinando las relaciones entre los Estados Unidos y la República de Cuba... Asinouse o 22-05-1903 polo Presidente Theodor Roosevelt, de parte dos USA. A outra, a outra consecuencia, igualmente directa, foi aquela singular, singular e progresiva, "protección", que desembocou nun estado sen Estado, ¡nun Estado da máis absoluta colonización económica!

Por aquelas datas, en tempos da nosa Herminia, ese ser microscópico, extraviado naquel formigueiro xigantesco, neocolonial, boísima ela, guapísima ela, pero mínima para a perspectiva, aos efectos ianquis, daqueles invasores que, vía dólar, chegaron a controlar, dun xeito provocativo, absorbente, entre outras actividades, onerosas e ominosas todas elas, o 90 por cen das minas de níquel e das haciendas cubanas; o 80 dos servizos públicos; o 50 dos ferrocarrís, etcétera. E tamén, en participación cos ingleses, a totalidade do subministro e das industrias relativas ao petróleo... ¿Cuba, Estado soberano? ¡Nin sequera asociado! Así que, como din os propios ianquis, ¡No comment...!

Equivocárase de vaticinio aquel eximio vate, José Martí. ¡Parcialmente! ... y en crespa espuma de oro / besan tus pies sumisos…

Espuma de ouro, si; pés submisos, tamén; pero..., ¡aquela submisión foi contraria, inversa; e a corrente do ouro, tamén! Martí levantou aos mambises, ¡fácil que estaba, doado que lle foi, froita madura!, simplemente coa forza corrente do seu cálamo currente, ocorrente, lírico, dramático... Co seu estro, co seu sopro poético, deulles ás aos nativos, pero..., ¡falláronlle aqueles motores, aqueles resortes! Empezando polo seu, que o devorou súa propia nai, ¡outro Neptuno!, impedíndolle ser, impedíndolle estar, ¡impedíndolle saír fóra da súa gaiola, que non chegou a voar! Caeu ferido da á, mortalmente ferido, abatido precisamente con chumbo, que é a única forma de facer que descendan as aguias, ¡a fortiori! Os seus mambises, animosos e ben ensinados, de momento alzáronse, e algo voaron, pero..., ¡sempre en proximidade, vixiados, acosados por ese cóndor que se retrata nas moedas do dólar, cérbero do coloso ianqui!

Aquela ocupación veciñal, mixta, e por tanto, militar, norteamericana por suposto, foino á luz do día, descarada, intensísima, particularmente desde 1917 a 1920. Desembarcados en ondadas progresivas, aparentemente, oficialmente, en apoio do Xeneral adepto, Mario Menocal, que xa tivera dificultades cos liberais, daquela, cando lle impugnaron a súa reelección, disque fraudulenta. Tras da militar, ou máis ben, asemade, acrecentouse a ocupación económica referida, o control directo, galopante, dos principais sectores, cos vicios incluídos, ¡de sobremesa, como é notorio!

Por aqueles tempos, nesa febre imperialista, espoliadora, sucedéronse varias ditaduras. ¡Ditabrandas en realidade, pois a dureza estaba, poñíaa de seu, impoñíaa, aquel Protector, o auténtico Soberano, USA! E así sucesivamente, con diversos golpes de Estado, máis ou menos descafeinados, pero sempre co aval, con ese gardacostas norteño cérberando os seus propios intereses; ¡os do Tío Sam, por suposto!

No ínterim, os nosos emigrantes ao pairo, a velas vir: de servizo doméstico, ou similar; cangando coa lorda, submisos, soterrados na máis supina ignorancia de canto se cocese no salón contiguo, naquel de estilo imperio, o dos anglos, que nunca, ou case nunca, chegaron a percibir, a ver, a sentir, quén, ou en virtude de qué, ou qué mecanismo lles tensaba as tanzas, as propias debilidades. Cada un dos nosos facía, humildemente, maquinalmente, canto vía facer, canto se lle ordenaba, canto se lle bruaba, ¡en inglés que fose! Por veces, máis do preciso; máis do que sabían e do que podían, erguéndose sobre si mesmos, témeros de caer en desgraza, de volver ao seu país de baleiro, con aquela voráxine, con aquela pobre e natural ambición insatisfeita, ao lombo. E sempre coa posibilidade angustiosa de caer, de recaer, naquela nada da que procedían, e da que fuxiran, ¡metade temerarios, e a outra, esperanzados!

¿Voráxine? ¡Si, en efecto, e grande; por activa e por pasiva, que miúdos eran aqueles gachupíns espremendo limóns, aproveitándose dos amargores alleos! Por tanto había que aguantarse, e incluso restituír, que tal llelo esixía o pai, e por veces o propio vinculeiro, ¡outro emperador!, directa ou indirectamente, aqueles cartiños aprontados para a pasaxe, afianzándose, seguidamente, de serlles posible, e como pouco, o importe do retorno. Nacer de portas a fóra, como entón se dicía, comparti-lo terzo miserento da lexítima cos outros irmáns, pouco lexítimo era, pero..., ¡as circunstancias!

¡Mira qué ben mantidos volven...! Que non, padriño, que non, que os bandullos, de afeitos ás caldufadas, ínchanse, ópanse, e salvo que o exercicio, a obediencia americana, de machete fose, aquilo da cana...; pois iso, que aparentaban vitela, pero foille de patacas esgrevias; ¡como moito, bananas con cachelos, e cachelos con bananas! Ben o consignou, que máis elocuentemente, imposible, aló, ao Sur, no cemiterio bonaerense, no Colón, para a posterioridade incrédula, aquel sufridor que o fixo gravar, aquel que sufrira da súa propia emigración, case tantos anos como tiña, como levaba, desde 1858 a 1920: Non máis emigración, nin caldo de grelos, nin aturuxos e milicroques. ¡Máis elocuencia e máis sinceridade cá súa, presente ou póstuma, imposibles!

Razón tiña aquel testador, pero, remedio, non, que non llo puxeron os que esa obriga tiñan, ¡os dirixentes deste país! A nosa, relativa, prosperidade, estaba sen espigar, que madurou tardía, maiormente con aquelas remesas transpirenaicas, posteriores, do último terzo do século XX; principalmente con elas; ¡por moito en lauda que alguén fixese gravar unha sentenza tan exacta, mesmo estarrecedora, pero máis ben prematura!

Naquelas circunstancias, despois diso, alén das foulas mariñas, entregados á febre superadora, remuneradora, amasando coas propias mans nas propias Américas, ¿esperar deles, dos nosos emigrantes, de todos eles, un comportamento exquisito, ou rigorosamente ético? ¡Non, non sempre, que iso sería utópico, excesivo! Naquela loita, naqueles afáns, sen catar un periódico os máis deles..., ¿sublevalos, dignificalos, ou preguntarlles polas consecuencias da Emenda Platt? ¿De qué...? ¿Preguntarlles por algo que lles soaba, por veces, ao prato, ou á prata...? ¡Sería moito pedir! Pero lóxico é comprendelos, desculparlles certas faltas, algunha avaricia, e incluso certas presuncións no seu retorno, ¡se é que o tiñan, se é que a iso chegaban!

De postos a esculcar, internados nesta saga da nosa Herminia e dos seus achegados, retraídos á problemática da socioloxía convivencial, aquela que tanto alarmou aos da Xeración do 98, e da que tanto esperaron, haberá que darse unha voltiña de recapitulación, de síntese, outra, por sucinta que fose, en busca das causas remotas, polos anos precedentes adiante, aínda que tampouco estaría mal, que logo se facía, unha ollada, outra, aos encubrimentos daquel descubrimento colombino. ¿Pour quoi? Simplemente porque na historia da humanidade nada se coceu rápido, pois os revulsivos históricos, coma os volcáns, teñen fondas as súas raigañas, por máis que as erupcións agromen de súpeto:

Viña este país, camaleónico onde os haxa, pois incluso no mapa semella, representa, evoca, un caimán adurmiñado, estarricado por sobre dunha camada de cons, dun fomento, ou dunha traxectoria, impulsada a base de escravos, ¡a tanto por ducia! Procedentes, na súa maior parte, do Senegal, pero tamén de Angola. Paulatinamente, ou non tanto, xa que en cada barquiño, en cada galeón, daqueles dos negreiros, estibaban, premían, de cincocentas a seiscentas almas..., por máis que entón non faltase algunha que outra espada ao servizo da cruz, que dixese, que sostivese, que filosofase, que non a tiñan...; ¡iso, alma! Ou que, de tela, sería de ébano, ¡ebanistas eles! Nesta traxectoria aqueles xuros ben rendibles eran, foron; ¡moito! De seu, por economía meramente animal, pois, con aquelas razas inzoas..., ¡de cada dous, tres! E iso de ano en ano, mentres lles durase a fertilidade...

Por alí andaban, confundidos entre si, reproducíndose a salto de mata, en alivio recíproco, mesturándose entre si, amén dos mulatos, que esa si que foi unha colleita das de pilla-pillota, ¡outra!, así mesmo de gran fecundidade, entre outros, que dito queda aló atrás, pero nunca sobra repetir para mellor fixar aquela mestura, os Araras, os Carabalis, os Congos, os Lucumis, os Yorubas... Se non fose polos partos prematuros, polas febres, pola desnutrición, polas carencias hixiénicas..., ¡un enxame perpetuo, progresivo!

Do sangue indio, do aborixe, non quedou practicamente nada por culpa de que o colonizador inxectoulles, naquelas paradas súas, ¡nosas!, ardentes, hispanas, ¿civilizadoras?, aquel mal crónico, africano, que nos viña, polo menos, que se saiba, desde a conquista de Granada! Algún que outro Siboney, si, que tan rexos eran que o resistiron todo, incluso aqueles tormentos dos pilotos colombinos, infrinxidos a traizón para que lles indicasen a cova do ouro, o horto das especias, os coutos da caza... Da parte de acó da illa, da oriental, moraban os Tainos, unha xente hospitalaria e culta, entendidos en agricultura, pero tamén en cerámica; bos tecedores..., ¡e tan guerreiros, tan guerrúas, que lles temían os propios Caribes! No Poñente, nas terras baixas, unhas ducias de Guanajuatbeyes, que nin eran moitos nin se fixo gran cousa por conserva-la súa etnia, así que, con catro sementes das nosas, infecciosas, e con outras tantas vexigas bobas..., ¡ao sartego, pasando polo mangleiral!

A riqueza natural desta illa, desta Ant-Illa, era moita, inconmensurable; variada pero difícil de explotar; complicada, que non chegaba con criba-las areas! Requiríanse brazos musculosos, e vidas baratas, de fácil reposición. ¿Onde, cántos e cómo? De esgotados, de eliminados aqueles nativos, fose directa ou indirectamente, voluntaria ou involuntariamente...; ¡pois en África, triangulando con España, nesa canteira universal dos escravos! Máis dun millón de negros, ¡case nada!, importados, vendidos, revendidos, permutados, traspasados, cedidos ao longo de tres séculos ominosos, do XVI ao XIX, pero, principalmente, entre 1715 e 1815, que foi o apoxeo daquel tratamento colonial escravista, rotunda e incriblemente inhumano de visto cos nosos ollos, coa cultura actual.

A comezos do XIX constituían, entre negros e mulatos, máis da metade da poboación, que así acadou esa importancia, esa notoriedade, esa difusión, a santería dos cubanos. Grazas aos seus ritos, mistificados pero cunhas raiceiras fondas, inabarcables, aqueles negros conservaron o esencial das súas crenzas; e igualmente as súas danzas, os ritmos e mailos cantos.

Por séculos tamén, as súas linguas, máis ou menos castrapizadas, que de aí, amén dos americanismos, lles vén esa xerga tan rica e tan complexa; tan complexa que, por veces, raia na incoherencia, cando non na contradición in termis, adxectiva.

Incluso conservaron, e nos transmitiron, algo da súa culinaria, en tanto en canto lles foi posible asimilala e realizala.

Ao de hoxe dan calafríos aquelas inmolacións, aquelas desfeitas, aquelas desintegracións humanas, pero efectuáronse, iso si, a conciencia, xa que, mesmo en África, no intre da súa erradicación, antes de subilos a bordo, antes de aliñalos coma sardiñas, aqueles..., ¿irmáns?, foron bautizados; a conciencia, comenenciudamente bautizados, dotados dun nome cristián, que se lles facía necesario, pois, ¿que negreiro era capaz de pronuncia-lo seu nome propio, o orixinal, o tribal?

A últimos do XIX apareceron no Caribe outros emigrantes, procedentes doutra Fisterra, ¡120.000 culíes chinos! Non foron moitos, relativamente, pero contribuíron á policromía racial. ¿Especialidade? Ir, o que é ir, foron para corta-la cana, pero apreciouse, de seguida, que facían unhas boas bogadas, cinsentas e meticulosas, esmeradas, limpiños eles e sucios os outros, así que..., ¡non demoraron na cana, que se pasaron, que os pasaron, á súa especialidade, á lavandería profesional!

No Caribe nunca faltou traballo, ¡e co traballo, traballos! ¡Dramas, desprazamentos...! ¿O rol do explotador? Tódalas razas en acción, por suposto: ¡a mete-la man no saco, que esa virtude é universal, pero, significativamente, tradicionalmente, aquela situación controlárona os brancos, canto máis brancos e máis roibos, mellor! É unha constante histórica, sociolóxica, tamén universal, pois, ¡canto máis rico é o territorio, máis présa se dá o colonizador en baleiralo, en buscarlle o cu ao saco do seu tesouro!

Primeiro foi aquela busca do ouro; febril, preconcibida, que xa fascinou aos Pinzón, afastándose, insubordinándose, aínda non ben chegado aquel convoi das carabelas ás, supostas, Indias; ¡e miúdas diverxencias, transcendentes, as que tiveron con don Cristovo, que de aí lle veu, ao Colón, e por Colón, ao seu fillo, aquel empeño en seguir ocultando a súa orixe real, familiar, por culpa daquela desobediencia, daqueles preitos, que se deberon, en principio, ao tal Alonso! Alonso Pinzón, o primeiro dos europeos buscadores de ouro naquelas Indias..., ¡e non se lle recoñece! En definitiva, qué pouco se luciron aqueles pioneiros porque a suposta riqueza, esa, a áurea, tan cobizada de sempre, naquelas illas resultou inapreciable, e tan efémera que pronto se esgotou.

A seguinte, a inmediata, foi a trasfega do casabe, actividade á que o colonizador, de asentado no país, de fundados os seus enclaves, as súas factorías, dedicou, constrinxiu, aquel resto, aquel puñado de amerindios; e tras dos indios, esgotados e/ou esparexidos, apelou, deuse, aplicouse, aos primeiros continxentes da negritude. ¡Látego, que é a mellor forma de cansar aos rebeldes, ou non tan rebeldes! Pero diso, desas consecuencias, non se decataron, ¡que non hai peor cegueira cá da avaricia!

Naquelas sabas herbáceas, duras, nutritivas, dáse bastante ben a gandería, así que, o paso seguinte foi a exportación, principalmente de coiros, tan celebrados pola marabilla do seu repuxado, ¡outra Córdoba!, que tiveron unha demanda excelente, moi rendible.

Outro paso adiante, pero moi adiante, moi adiado, foi o cultivo da cana do azucre, coa subseguinte elaboración do ron. A cana empezou a valorarse para a extracción do guarapo, cun instrumental sinxelo, rudimentario, pero ante a demanda, mundial, do azucre, construíronse, xa por sobre do ano 1590, os primeiros trapiches, que tanto se podían mover con tracción animal como coa humana, pola abundancia de negros, máis baratos cós machos; ¡máis, moito máis!

En canto ao tabaco, aquela difusión, internacional e rapidísima, dos seus nicotínicos, a cousa foi diferente, que llela deron feita, en todo o seu proceso: O colonizador aprendeu dos indios a cultivalo, a conservalo nas follas de yagua. O que non aprendeu deles foi a expandilo, a vendelo, pois tivo que inventar un mercadeo ad hoc; mais para iso, e para máis, deixaban ás costas, atrás, todo un mundo: ¡o outro, o vello, o cultivado, o sibarita, afanoso de obter novas sensacións, novos goces, novas cicutas! Por suposto que na herdanza dos vegueros, delicada función, altamente rendible, prescindiron dos mestres nativos; deseguida, pero non os substituíron pola negritude..., para non desperdiciar o fume, para que non houbese minguas nunha colleita tan vaporosa..., ¡e tan valiosa!

Con isto de por medio, con semellantes intereses, ese arquipélago do Caribe pronto se converteu nun paraíso do enriquecemento sen causa; ¡sen causa, e sen mesura! O réxime de comercio foi controlado con firmeza por España, evitando posibles desviacións, illando escorras, e a pesares diso, ou precisamente por iso, tirou dos piratas, corsarios e/ou contrabandistas, dos que moito sabemos mal sabido grazas precisamente ás deformacións, aos trucos, do cine americano, que bo partido lles sacaron recreándoos na pantalla, se ben á súa maneira, con pouco rigor histórico.

De feito, o contrabando reproduciuse, agrandouse, daquela que votaron en Norteamérica a Lei Seca. Roldando por ese caimán andaron, navegaron, entre outros de menos sona, pero tampouco desprezables no seu savoir-faire, o tal Francis Drake, Henry Morgan, Francisco Nau, Diego Grillo..., secundados polos seus alumnos, que foron moitos e ben instruídos, seducidos, todos eles, polos nosos galeóns, particularmente polos arxentíferos.

Estas fases da evolución cubana tiveron un alto, unha paréntese, en Agosto do ano 1762, data na que a Historia pasou unha folla, ¡a dobre folio! Os ingleses deran en matinar, con bo cálculo, meticulosamente, que aquela tulla dos tesouros caribeños estaría mellor de ben gardada..., ¡gardada por eles mesmos, in person! Aló que se foron, cos preparativos aceirados, pólvora seca e todo iso, así que, nun santiamén, ocuparon La Habana, abríndolle ese porto de excepción, ben abeirado e ben situado, ao comercio mundial; ¡séxase, ao anglo! Imperialistas eles, calculadores eles, así fose polos dedos: one, two, three... Contaron, e deron por sentada, unha permanencia definitiva, pois, de postos nesa tesitura, nesa seguranza, impuxeron certas cousas, moitas, ¡nun só ano que lles durou a estancia, pouco máis que unhas vacacións! O tempo foi curto, pero a influencia enorme, desmesurada, da que aínda se derivan certas ideas, que para entón foron revolucionarias; entre estas, a liberdade de cultos e mailas loxas masónicas, que lles sobreviviron con forza, chegando a súa influencia aos movementos revolucionarios do XIX.

As contradicións entre os intereses e mailas tendencias crioulas con respecto aos gobernantes españois, entre elas as dun bo número de cataláns que chegaron a controlar as principais explotacións agroindustriais e mercantís, desembocaron naquela revolta do 10 de outubro de 1868, acaecida no dominio azucreiro da La Demajagua, mesmo ao Sur de Manzanillo, onde o terratenente Carlos Manuel de Céspedes, francmasón para máis datos, invitou aos seus compatriotas a sublevarse en contra do poder colonial; quere dicirse, en contra das cargas reais, fiscais; ¡un cúmulo de abusos impositivos! E de paso, anunciou a liberación dos escravos, ¡que miúda herexía foi iso para tan píos explotadores!

Despois de Manuel de Céspedes, sucesiva pero incluso simultaneamente, cultivaron a liorta independentista, Antonio Maceo, José Martí, e algún outro. Para o prócer Martí non houbo discurso, non houbo paralaxe, entre a espada e maila pluma. A todo isto, naquelas liortas, o veciño imperioso, o todopoderoso, encirrante e feliz co xiro dos acontecementos, de paso que alentaba nas revoltas, naquel descontento progresivo, colonial, foi inmiscíndose na cuestión, dando consellos..., ¡e algunha que outra arma, pero só as precisas para axudar sen engrandecer, listiños eles!

En definitiva, metendo a culler naquel pote saboroso, efervescente, en particular co episodio do cumio, aquel do 15 de febreiro de 1898, que lles facilitaron a propia mecha, a sabotaxe, a espoleta coa que voaron o barco propio, o seu Marne, pretexto definitivo para establece-las hostilidades dun xeito directo, e por tanto, eficaz.

O 18 de abril do mesmo 1898, días despois daquel sanguento episodio, a Cámara de Representantes e mailo Senado, de consún, votaron unha enérxica Resolución esixíndolle ao Colonizador que se retirase de Cuba; ¡da súa, da deles, da cuba do seu ron! Os combates foron curtos, pero resolutivos, incluída aquela destrución da Armada Española, en Santiago de Cuba, do 3 de xullo, de tal xeito que o 10 de decembro, tamén do 98, firmouse en París aquel tránsito, aquela independencia - dependencia de Cuba, coa cesión aos Estados Unidos das Colonias de Puerto Rico, Guam e Filipinas! ¡Sic transit gloria mundi!

Pasaba, periclitábase, a gloria española, empezando un orden novo; iniciábase, formalizábase, aquela intromisión, aquela interdependencia, ou máis aínda: ¡América, para os americanos! ¡Para os Norteamericanos, para os E.U.A., que así non se dicía, que así non se escribía, pero así era como realmente había que entendelo! Un novo xeito, pero similar ao antigo nos seus efectos; ¡enganante, e por ende, esganante! (Un triunfo periodístico dos gringos, iso tamén, pero hai que dicilo entre parénteses, catapultas á parte, pois non é doado de demostrar).

Con aqueles incidentes, e con aqueles accidentes, empezou outro mercadeo, se ben máis discreto, indirecto, sutil, dos recursos humanos: ¡inaugurouse a feira dos asturianos, a dos galegos, a das mulatas...!

Chegados a este desenlace, en virtude da repetida Emenda Platt, a daquel senador de feliz memoria, ¡no seu país!, Orvill Platt, os Estados Unidos recoñeceron, ¡abrogáronse!, o seu dereito a intervir en Cuba, ... cada vez que la paz social y la seguridad de los ciudadanos estén amenazadas... As consecuencias foron, naturalmente, as previsibles naquela situación de interdependencia: A primeira, que os cataláns colleron medo, ou precaución, pois de todo habería, e coa mesma, déronse présa en venderlles os seus negocios, as súas participacións, o que delas quedase, aos protectores, aos americanos, co cal a empresa, aquel muíño caribeño, cambiou de dono, mudou de muiñeiro. ¡E ben que se notou aquela transferencia, aquela monetarización, aquela repatriación de capitais, na subseguinte evolución catalá!

Polo que respecta aos galegos, nosos antepasados, antepasados de moitos, de moitísimos dos nosos, que se estaban informando daquela, tardiamente, das inxentes posibilidades caribeñas, en modo especial polos numerosos excombatentes, que contaron, que difundiron, xunto coas chufas das súas heroicidades, as gabanzas, as marabillas..., ¡dunha terra de tres colleitas! Non ían, que os embarcaban as circunstancias, constrinxidos nas adegas polos grillóns espaciais do embarcador, escravos da súa propia sombra; ¡da súa, da nosa, negra sombra...! Aquela pobreza endémica, progresiva, crecente..., por tantas cousas e por tantas causas que non veñen ao caso, ou que si veñen, pero son de tese, e por tanto merecerían un estudo máis fondo, máis específico.

Para alá se foron, co ato ao lombo, case sempre de noite para que ninguén os vise saír, pudibundos, co síndrome do seu autoodio, que para logo terían, serían, as festas, o autobombo do seu retorno triunfante..., ¡sempre e cando tornasen prateados, dourados, pois do que non a súa propia dignidade non lles permitiría volver! Na imperdible, eclipsaríanse, desintegraríanse, abonando cos seus restos esa leira do Novo Mundo.

De Ourense, por Vigo; e de Lugo, por Coruña. A saída, o embarque máis usual, que subliñar nunca é malo, didacticamente, facíase naquelas dornas..., ¡para colle-lo vapor en alta mar! ¿A prol deles? En certo modo, si; nalgún caso concreto, si, pero máis lle conviña á Compañía, pois deste xeito servíanlle todos, e podíaos admitir sen papeis, sen seguro, sen recoñecemento sanitario, e incluso sen a licenza militar. ¡Todos a bordo, dispostos a face-las Américas, coa culler na man! Algún fuxía de crimes, ou doutras responsabilidades, ás veces secretas, e outras falsamente imputadas; ou de persecucións políticas, que tamén as houbo, demasiadas, que eses, todos eses, con tal de non ir á fronte, ou á cadea..., ¡trágame mar!

Unhas Américas de lendas douradas, pois a Negra, aquela do, De las Casas, quedaba lonxe. Unhas Américas onde se esperaba pantrigo; sempre de trigo, en abundancia, por máis que ás veces só atopasen relón, tal que no fondo dunha artesa exhausta, baleirada de antemán!

No 1919, coa Lei Seca Americana, ou a pretexto dela, presentouse, invadiu Cuba, principalmente La Habana, un novo tipo de conquistadores: aqueles fanfarróns, aqueles runfasters, dispostos a todo con tal de apaga-la sede, tódalas sedes; pero diso, os gringos, bos patriotas, cunha historia curta, e por ende, tenra, delicada, non fan, non sacan películas; ¡non lanzaron pedras á propia despensa! Bares, cabarés, picadeiros, apostas... Tirando daqueles fíos, tensando trapelas, tras daqueles arames invisibles, ¡invisibles para os nosos!, estaban, rumbaban, preaban, os contrabandistas, os tafures, os aventureiros, os caloteadores, os gángsteres, os testaferros, e mailos seus gardacostas. ¡Todo un catálogo, todo un mostrario da morralla humana!

Os nosos, no ínterim, ¡meus pobres!, ao sumo foron, chegaron, ascenderon, á categoría de comparsas, pois sempre, ou case sempre, actuaron á súa zaga, ao espigo, á restreba, ás basuritas. Servidores..., ¡do que fose, que non había, non lles deixaban moito onde escoller! Para o que gustasen mandar aqueles mandantes, aqueles mangantes, pois a fame da súa retagarda, aqueles trabucos, aquelas ignominias históricas..., ¡cojoneras son, eran, que tal lles dicían en Cuba!

Aínda así, os nosos souberon ser xenerosos; por veces, alén do prudente, aportando máis do que tiñan, ¡do emprestado! Abondosos e xenerosos, pródigos incluso, naquelas remesas, aquelas dotacións, que serviron tamén, de paso, para casa-las irmás, evitándolles a súa emigración. Amén das imaxes, dos ornamentos e dos arranxos parroquiais, camiños e accesos, escolas, novos cemiterios, a festa do Patrón...

Construír escolas e dotar bibliotecas, iso foi o colmo daquela xenerosidade e/ou daquel complexo: Proporcionar instrución, dar cultura, ou medios para obtela; dar imperio, opar aos fillos dos caciques, aos podentes, aos vinculeiros...; a todos aqueles que contribuíran, e contribuirían, a remitilos, a embarcalos, ou incluso, tal que na guerra de 1936, a perseguilos, a forzarlles o exilio, o reembarque indesexable, facilitándolle ao próximo, ao seu competidor, por veces ao inimigo, con ese tipo de mecenados non sempre recoñecidos, unha inserción elitista, un mando, ¡do que eles mesmos careceran e seguían carecendo! ¿Quen dá, quén deu outro tanto, para obter unha reciprocidade escatimada, ínfima? ¡Pois iso pasou en Galicia..., nun pretérito non tan pasado nin tan arredado!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES