Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nadal con saudades

viernes, 19 de diciembre de 2014
Agora xa non mandamos cartas cos enderezos consabidos de sempre nin cos remites no reverso. Nin chegan felicitacións polo correo postal. Moitos de nós temos só relación polo “Emilio”, pero non vos é igual. Aquilo tiña o seu aquel de encanto.

Era un ritual especial: A chegada do carteiro. Saudármonos a cotío. Sérmonos familiares. O parrafeo das novas do correo “falado” que el/ela nos daba e nós lle dabamos. A propina do Nadal, etc.

Por veces eran agasallos: fabas, grelos, unha leituga, un libro, bombóns, rosquiñas, figos, castañas en zonchos, un vasiño do viño novo, un brinquedo para os nenos, etc.

Outras veces era o misterio de ir abrir a caixiña postal e descubrir que había xente no mundo que se tomaba o molesto de dicirme que me tiña no corazón, nos pensamentos ou incluso que, chegado o caso, con eses mesmos enderezos sabía vir á miña casa, se lle petase ou de precisarmos uns do outros.

Aquilo das despedidas: “Xa sabes onde estamos”. E era verdade que o sabiamos. Coas novas tecnoloxías gañamos, certamente. Pero no fondo tamén perdemos abondo. Perdemos alma, vida e corazón. Non damos, nin sabemos achegármonos a onde vivimos, ou facemos festa. ou mesmo cando morremos.
Hai poucos días pasoume algo así cun amigo. El pretendía que eu lle enviase unha cousiña, non “o pote” do que falo máis abaixo. El non se decatou que eu non teño máis referencias del do que as “electrónicas”.

E eu tampouco me decatara desa eiva nas nosas relacións. Espero que esta felicitación, a xeito de teatriño do Nadal, non estea nesas coordenadas das lonxanías e veña enderezar a falta de enderezos reais entre nós.

En Xerusalén tampouco tiñan o enderezo de Xesús en Belén. Digo máis. Tampouco en Belén souberon nunca onde realmente onde estivo “o Belén”. Saberémolo nós hoxe? Onde está o Belén no mundo actual? “O esencial e invisíbel para os ollos”.

Biquiños.
Xaquín de Roca.

-----------------------------------------
E agora ponte a xeito para entrar a ver os teatriños.

E LOGO TI DE QUEN VES SENDO? ONDE TE ACUBILLAS?

―Querido Sinforiano:
Quiera Dios que al recibo de la presente te encuentres bien, gozando de buena salud, tú, los tuyos e incluso os picariños.

Pois verás, querido Sinfo.
Cando che telefonei, dándoche a nova de que xa tiña localizado “o pote” artesanal de facer “a caña”, da que tanto temos falado, da que ti deveces tanto por ela, anúncieche que eu cho ía agasallar polo Nadal. Daquela, boteime en Betanzos a non tardar, merquei o que me pereceu máis acaído, e fun na procura dunha axencia desas que ofrecen o servizo da entrega das cousas aos de lonxe. Levaba comigo aquela caixa ben feita que xa tiña na tenda. E por se había xente que coma min xa non enxerga ben as miúdas, esas ás que antes eu lles chamaba normais, fun e puxen por fóra un cartaz con letras moi grandes

DON SINFORIANO PRAT I PONS
VALENCIA.- ESPAÑA

A rapaciña da axencia, moi servizal ela, olloume de arriba abaixo cun certo aquel. E díxome:

―Así non lle vai chegar. Porque nesa aldea, chamada Valencia, haille máis de cincocentos veciños. E os meus colegas, (seguiu falando), néganse a andar polas portas preguntando polas persoas xa que reciben malas contestacións. Pensan deles que van camuflados para logo írenlles roubar ou pórenlles eses chamados paquetes bomba.

― (Aparte) Noteille como se me estivera indicando algo que con sorna me quería dicir, sen molestarme. Pero eu noteille algo. E dixen para min: Xesús! Que cousas?

―Vostede non saberá se a ese D. Sinforiano, amigo seu, desde neno, non lle aprenderían a dicir a rúa e o número da casa del, incluíndo o andar onde vive, por se se perdía algún día?

―Verá, miña rapaciña, eu desas cousas non lle sei moito, porque... non lle son entendido nin estudado coma vostedes. Por máis que, agora que penso, en Roca, a miña aldea de nacenza, as corredoiras, certamente, teñen nome de seu. O do número? Non estou seguro. Penso que non. Nós resolvémosllo póndolle nome tamén ás leiras, E así, segundo imos avanzando en cada corredoira, atopamos unha boqueira e dicimos, poño por caso: A Pardiñeira, dos de Xaquín. Logo, Agramonte, da Tía Sabina.. Despois, Fontrexe, dos Cambadeses. Etc.
E así sabémoslle sempre, perfectamente, onde é que vimos estar. Porén, en cada sitio haille un uso distinto Non sei onde é que a un grupo de casas xuntas chámanlles 'manzanas'. Non vexo a relación. Pero non discuto que eu diso non lle son sabido. Tamén sei que ata lles chaman 'cuadras’. Que difícil lle é este mundo novo! Fíxese: Para os do 'pueblo', coma vostede, para os finos, ‘cuadras’ son o que nós coñecemos coma cortes. As do gando, dispensando. Que non lle pareza mal. E 'cortes' son, disque, eses sitios onde hai uns homes e mulleres aos que todos nós lles pagamos para pasárense a vida a rifaren e insultárense entre elles publicamente. E logo, seica todo lle é por culpa nosa e que o fan polo noso ben. Será!?

―Déixeseme de lerias, señor, que eu téñolle que traballar e xa ve a restra de xente que hai detrás de vostede, agardando á porta.
Eu se quere mándoo así. De que chegue a Valencia, seguro que si. De que dean con ese D.Sinforiano, non lle estou moi segura, por máis que o nome sexa raro dabondo. Se o paisano tamén é así, non falará con ninguén. Por iso, ao mellor, como é tan raro, ata dan con el.

―Disimule, miña xeitosa, e moitas grazas. Xa entendín.

― Despedinme, con toda cortesía, educación e urbanidade. Volvín con todo para a miña casa, matinando eu só para dentro.

Xa lle tiña escrita unha carta ao Sinfo contándolle todo o lerio onde lle dicía así ao pé da letra:
“E penso eu: Pois igual a rapaza tiña razón niso da rúa e do número. Ela faloume algo así como que me deses "as señas completas". Se ti as sabes, e sabes ben de que vai, ata poderías mandarmas e daquela eu xa farei despois o que poida. Non si?”

Menos mal que, revolvendo na memoria, tamén fun revolver ao faiado e atopei un antigo sobre de cando aínda nos escribiamos despois da mili en Navalcarnero.

Mandeime outra vez para Betanzos e agora si que o agasallo xa vai no camiño do Sinforiano e ata lle poderei ir tomar a caña, se me peta, cando vaia por aló cos do IMSERSO, porque atopeille as señas.

E como eu aprendín cortesía, dentro, púxenlle: “Quedando de la mía, bien, gracias a Dios. Bo Nadal. Bo Aninovo. Bos Reis. Bo 2015”. Que che goste, Sinforiano!
Fico ledo agardando a resposta. Adeus!
*****************************************
E como a min tamén me aprenderon cortesía: FELIZ NADAL. BOAS FESTAS. FELIZ 2015!, amigos e amigas.

A min si que D. Emilio me atopa con esas señas engadíndolle a arroba “@.”, que ti xa sabes. Xaquín Campo Freire de Xaquín de Roca.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES