Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sinxelas elucubracións

viernes, 19 de diciembre de 2014
Estamos xa terminando o outono. As noites, como dicían os nosos antepasados, xa dan para todo: Para falar ao lado dun fogón (cada vez menos), practicar a crítica, ver televisión, escoitar o moucho, falar de política, discutir de fútbol, etc.; pero os que temos a adicción aos libros, tamén nos aproveitamos desas horas de sosego e silencio para facernos con algunha idea dos outros, dos que saben, e, como non?!, tamén botamos a man ás nosas ELUCUBRACIÓNS.

O Dicionario de Latín de Raimundo de Miguel, ese compañeiro indispensable dos estudantes, principalmente seminaristas, di da latina “elucubratio”< “elucubror”, que é traballar, velando con luz artificial. Xa...!; pero o máis recente da lingua española non se escapa pola tanxente e dinos que significa “elaborar una divagación complicada e con apariencia de profundidad”. Pois iso mesmo vou intentalo facer eu hoxe, se mo permiten.

Un profesor de historia da Universidade Hebrea de Xerusalén, Yuval Noah Harari, escribe un libro moi suxerinte, titulado “De animales a Dioses: Breve historia de la humanidad”, que publica, para España, Penguin Ramdon House Grupo Editorial, Barcelona, 2.014.

Termina o libro cun epígrafe ben expresivo, afirmando que o animal ( o home, en canto animal de realidades) converteuse nun deus. Utiliza esta idea para dar saída a esa batalla na que están enleados crentes e non crentes, e estes contra a teoría do “deseño intelixente”, que, expresado en poucas palabras, e menos precisión, ven a soster que a evolución debe estar dirixida por unha Mente Intelixente que pense en todos os detalles necesarios para chegar onde chegamos; que teña claros todos os ingredientes necesarios do proceso evolutivo.

En Norteamérica manteñen esta polémica con tal xenreira que incluso no ensino chegou a prohibirse estudar as teorías de Darwin, ou a regular as horas de clase dedicadas a elas, para, polo menos, parangonalas, nas horas de dedicación escolar, coas concedidas a ese “deseño intelixente”.

Pois ben, este profesor que nos ocupa hoxe dinos que “os biólogos teñen razón acerca do pasado, pero os defensores do deseño intelixente, con ironía, poderían estar no certo no que respecta ao futuro”, e isto por tres razóns: pola enxeñaría biolóxica, polos ciborgs e pola enxeñaría de vida inorgánica.

Non esquezan que están os espelidos científicos empeñados en que volvan a este planeta noso os homes e mulleres de neanderthal, posto que, segundo parece, pode implantarse ADN reconstruído dun neanderthal nun óvulo da muller sapiens, e así traelos de novo ao mundo. Engaden tamén que, se nos fixéramos con algúns neanderthales, poderíamos resolver un problema moi interesante: Saber que cambio biolóxico tivo que operarse en nosoutros para arranxar a conciencia e consciencia (que non son o mesmo) que temos. Esta sería a primeira razón.

Como segunda razón, estase a dar a da enxeñaría do cíborgs, que non son máis que uns seres que viven con algunha substitución de partes orgánicas por outras non orgánicas, é dicir, seres con vida biónica. Pensen, se non, nunha persoa que vive cun corazón artificial; pero aquí hai, como supoño que sospeitarán, moita “tela marinera”; hoxe non lles vamos dar a lata con todo isto. Estamos entrando no Nadal e non parece apropiado.

Tamén apuntamos outra razón, a terceira. Que é o que nos propón aquí o autor do libro citado?. Pois proponnos o feito de que estamos a cambiar as leis biolóxicas da vida, producindo seres completamente inorgánicos, algo así como pasa co famoso e inquietante virus informático e cos robots que cualifican de intelixentes.

Non me digan agora que os que non cren nunha Mente Intelixente, que está no fondo do proceso evolutivo do universo, non se levan un bo chasco co encontro de tantos deuses, que tampouco hai que descartar que, como nunca van estar satisfeitos nin saben o que queren, poidan chegar a inverter todos os procesos que coñecemos como esencias, entrambilicando todo. Ó que non quere unha cunca, danlle cunca e media.

A cousa élles ben curiosa. Non fai moito, Stephen W. Hawking, afirmaba que o Universo faise a si mesmo, e non necesita ningún deseñador; pero agora mostra a súa preocupación por eses artefactos intelixentes que poden acabar coa especie humana – dixit. Vamos..., que o Universo creou unha criatura capaz de construír un aparello intelixente que pode poñela en perigo de extinción; pero para isto foi necesaria a intelixencia desa criatura, do home.

Entón estásenos a dicir que o mesmo Universo fai que o home abra a súa propia tumba. Eu sonlles de letras e non o entendo.

Se lles parece, deixemos estas andrómenas para outras fechas. Os meus desexos son que todos gocemos do Nadal e que o Ano Novo sexa proveitoso para todos, especialmente para esas familias vítimas de estrañas xestións económicas, como así mesmo ven a desexar un bo amigo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES