Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A España bipolar

viernes, 19 de diciembre de 2014
A España das Fisterras e a España de Madrid. As Españas de mouros e cristiáns. A España merengue que ri, a España blaugrana que chora. As dúas Españas. A España cainita. A bipolar. A que pregunta que pasa connosco que calquera suceso rompe o espiñazo da cidadanía en hemisferios irreconciliables. Que ocorre cos grandes partidos, máis empeñados en sementar credos para hooligans que ideas para partidarios. A España centrípeta, a España centrífuga.

Nesta terra extremosa semella que non hai lugar para adversarios. Hai amigos e inimigos. As formas de facer política van desde o noso absoluto acerto ata o voso absoluto fracaso. E iso que case todo o mundo sospeita que a verdade non ten dono. Que entre o branco e o negro hai unha infinita gama de matices intelixentes.

Aquel Adolfo Suárez, ao final perdido nas corredoiras do alzheimer. Heroe ou vilán. Trileiro ou político audaz. Artífice da modélica transición ou tafur do Mississippi. Aquel Aznar, “o mellor presidente da democracia española”, loubaban os seareiros, ou asasino de Irak, retrucan na beirarrúa contraria. O da acertada xestión económica ou o que facía negocios con Gadafi. Aquel Zapatero, inimigo público para as feroces emisoras ou bambi incompetente, chibo expiatorio de pecados con moitos pais. Este Rajoy da prudencia serena e do sentido común, ou don Tancredo paralizado diante dos gravísimos problemas do país.

É a España bipolar, a que berra e non sabe falar. A das borrascosas tertulias incapaces de escoitar. A que non argumenta senón que dispara “argumentarios”, a que non dialoga senón que oubea coa navalla nos dentes. Tantos séculos vivindo xuntos neste pequeno recuncho do mapa non serviron para crear lazos porque sempre convivimos afiando coitelos.
A política, actividade pública tan mal valorada nas enquisas do CIS, non é a nobre arte de tentar resolver problemas xuntos. Semella en España un “arma de destrución masiva” da convivencia, das solucións consensuadas, da loita contra a corrupción, da vertebración do territorio, do afrontamento do paro, dese futuro de vellos sen nenos, Do exilio dos máis novos e preparados, da ameaza da crise económica, da espada de Damocles do cambio climático, das pantasmas do noso pasado.

É a España bipolar, a do ruído e a furia, a da depresión e da esperanza, a que transita do pesimismo máis negro a euforia desatada. E onde a convivencia civilizada e amable, o respecto ao outro, o exercicio da cidadanía son aínda asignaturas democráticas pendentes.

É a España cunha clase política máis proclive ao fundamentalismo que á dúbida razoable, aos dogmas que ás ideas. Velaquí o país que adora os grandes titulares pero xamais le a letra pequena.

Así imos. Así nos vai. Saltando como tolos das trincheiras da tese á antítese sen tentar nunca unha séntese intelixente que una forzas. As Españas cainitas, as dúas Españas que nos poden xear o corazón como escribía don Antonio Machado, morto na tristura do exilio en Colliure. A España bipolar.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES