Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Outro Nadal é posible

lunes, 22 de diciembre de 2014
Un ano máis, xuntámonos os alumnos e alumnas da Uned Senior de Xestoso para celebrar a festa de Nadal. Gracias a Deus por poder estar aquí, de novo, e un recordo agarimoso para as persoas que nos deixaron.

Pero, que é o Nadal? Para os crentes, unha data na que se recorda o nacemento de Xesús de Nazaré. E para todos, crentes e non crentes, unha festa na que se xuntan as familias, compartindo comida, compañía, agarimo, felicitacións, regalos, etc... As rúas están iluminadas (cada vez máis cedo, por certo), os escaparates das tendas engalanados con motivos navideños, Papá Noel agachando polas ventás e balcóns das casas. Os nenos e mestres disfrutan de vacacións. Os pais e nais cada vez menos, aínda que teñan o privilexio de ocupar un posto de traballo. A xente que pode sae cos carros cargados de comida e xoguetes dos supermercados. As ceas de Noiteboa e as comidas de Nadal convírtense en “enchentes” que sobrepasan e desbordan o que sería unha dieta sana e saudable.

Todo isto faise, para recordar que Xesús, facéndose pobre, naceu nun comedeiro de ovellas, rodeado dos seus humildes pais (un carpinteiro e a súa muller), os pastores e a xentes sinxelas da aldea de Belén. El podería nacer nun pazo. Pero, quixo vir ao mundo así, desta maneira tan sinxela e humilde, demostrando a todos a súa opción polos pobres.

Que contradición! Se Xesús volvera nacer neste momento da Historia, estaría abraiado de ver o noso despilfarro, o noso consumismo, a nosa falta de solidariedade coas persoas que sofren por causa da inxustiza. En fin, a nosa inmoralidade ou dobre moralidade. Para descargar a conciencia, ofrecemos unha esmola aos pobres da Cociña Económica, e así xa podemos pasar, tranquilamente, estas festas a nosa maneira. Nós xa cumprimos. Xa podemos durmir tranquilos. O mesmo fan os xefes de Inditex. Coa diferenza que a eles iso desgrávalles na súa declaración a Facenda. En porén, non lles preocupa que as persoas que traballan, para eles, dezaseis horas diarias, en talleres inmundos e ilegais, en Indonesia, Tailandia, etc., o fagan por un euro ao día.

Eu creo que OUTRO NADAL É POSIBLE. É marabilloso xuntarse a familia para comer e estar xuntos. Pero, non fan falta grandes manxares. Temos que compartir tempo, cariño, atención, sorrisos, conversación, boas palabras, comprensión, etc. Os nenos e nenas enchémolos de regalos que non lles interesan en absoluto; ás veces, só para abrir o paquete. O mellor agasallo que lle podemos facer aos nenos é dedicarlles tempo, compartir os seus xogos, as súas lecturas, as súas alegrías e preocupacións. Estar moi atentos a súa evolución escolar, a súa socialización, etc. Sobre todo, inculcarlles o interese polas cousas que valen a pena. Nunha palabra, estar aí, ao seu pé. Iso é o mellor regalo que lles podemos facer. Ademais, é a nosa obrigación.

Todos e todas sabemos que onde hai xustiza, non fai falta caridade. Pero, como vivimos nun mundo que non é xusto, temos que seguir practicando a caridade. Polo tanto, facemos ben compartindo comida cos que a necesitan. Iso está ben. Pero, se cadra, temos que reflexionar se estamos inmersos nun ritmo de consumo desaforado. Se mercamos máis comida e regalos dos que nos fan falta para ser felices, etc...

Se intentamos ir cambiando, pouquiño a pouco(eu tamén), e facéndonos máis sinxelos, dándolle importancia ás pequenas cousas, que son as que valen a pena, ao mesmo tempo, buscando alternativas a esta sociedade consumista e insolidaria. Se así o facemos, Xesús volverá nacer no noso corazón.

BO NADAL A TODOS E A TODAS!


Mª Lourdes Pérez Freire, Uned Senior de Xestoso, aula de Paderne.
Pérez Freire, Lourdes
Pérez Freire, Lourdes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES