Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Marcos e Otero

viernes, 19 de diciembre de 2014
Os camiños da vida que día si e día tamén imos transitando cada un de nós e que fan imposible tomar ó mesmo tempo os dous ramais da encrucillada por máis que a miúdo necesitásemos facelo, leváronme o pasado sábado a percorrer unha parte desa xeografía estremeira que os de por aquí chamamos serra do Leboreiro e que separa os verdes vales de Celanova da inmensidade granítica da serra da Peneda.

Por esa mesma razón non puiden estar no lugar onde o lembrado Marcos Valcárcel recibiu a título póstumo a medalla que recoñece a súa traxectoria humana e profesional como merecente de ser colocada sobre un pedestal principal da ourensanía. Non me permitiu estar alí. Sen embargo, a prensa vaime permitir suplir a eiva, transmutando esta "ourensalia" nunha sorte de "uvas na solaina" que durante tanto tempo compartimos ámbolos dous nestas mesmas páxinas.

Velaí, pois, como, a modo de exercicio de intertextualidade intemporal, as seguintes liñas reproducirán palabras escritas polo propio Marcos cando recibiu o premio Otero Pedrayo -o día 20 de xuño de 2009- naquel caso no Teatro Principal, porque do mesmo xeito que foron ben acaídas naquel momento, volvan ser agora de novo, xa que logo estou seguro de que de telo podido ter feito, el mesmo incidiría nestes conceptos do vello patriarca que o seu amigo Afonso V. Monxardín rescatou para a actualidade non hai máis dunha semana.

Dixo Marcos, naquel intre: "É chegado o momento de poñer, de verdade, de moda a Otero Pedrayo.

E poñelo de moda quere dicir non so recuperar o seu nome, recuperar por suposto toda a súa obra, senón tamén difundila entre a maioría da poboación, tanto escolar como adulta. Pois hai textos de Otero para todas as idades. Aos nenos pequenos, por exemplo, encantaríalles escoitar a “Historia dun neno”, ese texto biográfico onde fala da súa máis tenra infancia.

De resto, Otero Pedrayo non é autor privativo de ningunha ideoloxía, como hoxe diría Xesús Alonso Montero. Otero debería ser lido por todos, e creo que a dereita galega encontraría grandes sorpresas na obra de Otero Pedrayo, no seu pensamento económico, no seu pensamento político, en moitos aspectos rigorosamente moderna e rigorosamente singular.

Creo que algún autor xa iniciou estudos neste campo desde a perspectiva da dereita, e alegrareime que sexan exitosos, porque Otero Pedrayo, insisto, merece ser recoñecido desde ese mundo e merece ese tipo de solucións.

É certo que Otero Pedrayo non nos deixou vías asfaltadas, nin grandes fábricas, nin grandes empresas, nin nomes de compañías nin nada semellante. Ese non era o seu mundo. Pero deixounos o poder da palabra e tamén o poder indestrutible da ideas. O único que temos que facer, polo tanto, é volver a ese poder da palabra, a ler a Otero Pedrayo e reivindicar o que foi un dos grandes clásicos do mundo europeo do século vinte". Que así sexa.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES