Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

50 anos da Coral de Chantada

viernes, 05 de diciembre de 2014
Hai poucos días a Coral de Chantada celebrou os seus primeiros cincuenta anos da súa fundación e como chantadino de corazón tamén me unín a festa.

A Patria encóntrase onde un está ben (Aristipo)
Síntome honrado pola invitación que me fai o amigo José Fórneas, Presidente da Coral de Chantada, para participar na celebración dos cincuenta anos de existencia da Coral.

Xa van aló ben anos desde que cheguei a Sabadelle, decembro de 1961. A Coral comezou a súa andaina no ano 1964 animada por un grupo de entusiastas e dirixida por don Modesto, coadxutor da Parroquia.

A miña reflexión non se ocupará nin do seu nacemento nin do desenvolvemento posterior, algo que outras persoas exporán con máis precisión e rigor.

Co paso dos anos os recordos esvaécense e mesmo se modifican, pero permanece en min un fondo recordo de gratitude e amizade para tanta xente que me acolleu con afecto e cariño. Xa dicía Aristipo que a patria encóntrase
onde un está ben, de certo, que eu encontreime moi ben en Chantada.

A vila de Chantada era o centro económico e social da comarca, gozaba de puxante vitalidade, pois, ademais da produción propia dunha comarca de bocarribeira estaba en plena construción o encoro de Belesar. En todas as parroquias había enerxía eléctrica e pistas ou estradas de acceso, algo que non era normal en moitos lugares da provincia de Lugo e en todos había escolas de ensino primario, Chamoume a atención que en Sabadelle había máis estudantes de bacharelato e maxisterio que nalgúns concellos da provincia.
Don Modesto (Tito) e dona Amalia, tiveron moito que ver neste extraordinario labor pedagóxico e docente no Colexio Rosalía de Castro (A Academia), para eles merecido recoñecemento.

É ben certo que a cultura no sentido máis amplo é o motor que remove as conciencias e as sociedades, por iso todos os poderes tratan de controlar, enfocar, manexar e domesticar calquera actividade que pretenda espertar a capacidade crítica. Nos anos setenta, a dictadura esmorecía, xorden asociacións culturais. Chantada non foi unha excepción, fundouse a Asociación Cultural Lumieira e o Círculo Recreativo e Cultural tivo unha actividade importante. Abonde con recordar a Semana Cultural de maio de 1977 coa colaboración da Editorial Galaxia.

Polo Círculo Cultural pasaron intelectuais e persoeiros senlleiros da cultura galega como don Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Ramón Villares, Francisco Carballo, Celso Montero, Manuel Albendea, don Fermín Penzol... A finalidade era espallar a cultura galega e o incipiente pensamento democrático, identificado coa oposición ao franquismo.

Cincuenta anos significan moito na vida dunha persoa e mesmo dunha sociedade, pero, posiblemente en poucos períodos da historia, os cambios foron tan notables como no último medio século. Seguramente que estamos a vivir non soamente unha época de cambios, senón un cambio de época moi fondo.

Vexamos algúns puntos que poden confirmar estas afirmacións.
-Na década dos cincuenta aos sesenta, a economía española recuperou os niveis que tiña nos anos trinta. Recuperación que non foi parella cun réxime de liberdades políticas nin ideolóxicas. Non había cultura democrática. O franquismo converteu a España nun inmenso cuartel
-Empeza a emigración masiva a Europa, abríanse novos camiños, cheos de sacrificios individuais e familiares e mesmo de perda de identidade, pero tamén de oportunidades..
- Na década dos sesenta pasouse en moi poucos anos dun uso masivo da motocicleta ao automóbil, popularízase a televisión, con toda a carga de catequese ideolóxica que iso supón.
- O raro era ver un agricultor traballando cun tractor, pero antes do final da década xa era ao revés, o arado romano e outros apeiros tradicionais pasaron a ser elementos de museo.

-No campo relixioso, que eu vivín con moita esperanza e ilusión, desenvólvese o Concilio Vaticano II. A verdade é que ninguén sabía de que ía aquilo. O mesmo cardeal Tarancón conta o gran despiste dos bispos españois nas primeiras sesións conciliares. Os bispos acudiron equipados de mitra, báculo e tratados de teoloxía tridentina, dispostos a reprobar canto se movera, pero aquel mundo era outro. O seu mundo relixioso era arqueoloxía, miraban cara a Trento. Cóntase que o cardeal Ottaviani lle pediu a un coñecido taxista que o levase a aula conciliar e o bo home encamiñouse cara a Trento. Chegaba aire fresco da man de Xoán XXIII. A Igrexa “sociedade de desiguais” de Pío X intentaba ser pobo, o altar cara ao pobo, todo un símbolo, linguaxe máis intelixible, introdúcense as linguas vernáculas, as dificultades que tivo e ten a lingua galega obedecen a complexos de autoodio e á infravaloración que historicamente se inculcou ao pobo galego. De todas maneiras, houbo unha forte chamada para que a presenza da Igrexa deixase de ser unha axencia de cultos para ser comunidade de crentes.

Aquí está unha parte importante da miña pouco importante vida. Algo moi permanente e inesquecible é a gratitude e o agradecemento ás xentes de Chantada e, en especial, de Sabadelle.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES