Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Historias de paxaros, paxariño e paxarísimos

jueves, 04 de diciembre de 2014
Hai anos que escribira algo sobre parellas de paxariños que non casan oficialmente porque a necesidade de mercar niño hipotécaos de por vida e tamén sobre aqueles paxariños que, debido a unha emigración forzada de seus pais, non poden nacer aquí e teñen que nacer por aló.

Desde o 2011 tiña durmindo no ordenador estoutra historia que espertou antonte á noite. E, como de paxariños se trata, hoxe bótoa a voar ante o temor a ser decalrado cómplice por calala.

Unha vez había un paxariño, moi feble, case cego e algo ananiño ó que lle tocou sufrir durante toda a súa vida doenzas físicas, psicolóxicas e complexos desde moi pequeniño, na xuventude, na idade adulta e mesmo agora, na vellez. O que máis lle doía é que quen máis lle tiñan feito sufrir foron algúns dos seus máis achegados, como a segunda parella do seu pai, sen que o propio pai o defendese como debería. Por mor dun golpe, froito dos malos tratos chegou a perder a vista dun ollo, e andando o tempo tamén quedou case cego do outro. Non é de extrañar que aquel paxariño fose algo desconfiado, porque, según dixo alguén que tiña por que coñecelo ben, pouco máis recibiu da vida que paus.

É certo que se facía querer, a pesares das súas desconfianzas, e que non lle faltaron atencións de alleos; pero as atencións de alleos non curan as feridas dos propios.

Todas esas limitación deron lugar a que, aínda que non tivese un recoñecemento legal de incapacidade, un médico honesto e valente que o coñecía ben desde había tempo certificase que era un indefenso para a vida diaria. Iso convertíao en presa doada pra calquera ave de rapiña.

Disque outros paxaros máis fortes e máis listos, pero tamén con menos bos
sentimentos, que andaban arredor del, e que deberían protexelo por seren da familia, chegaron ata a despoxalo do niño que fora facendo nunha ramalla apegada á do que eles construíran. Este paxariño puido facer un niño pequerrecho a base de ir aforrando do que lle faría falta pra comer e vestir. O medo a chegar á vellez sen protección nin defensa condicionou a aquel paxariño pra ir deixando no banco boa parte da pequena pensión non contributiva que lle concederan, coma quen di, por caridade. Tamén tiña algúns aforriños de cando andivera de criado por casas de fóra ou de axudas de algunhas persoas de ben que sentían compaixón.

Era público e notorio que corvos moi espabilados que incluso fixeran cursiños no estranxeiro se aproveitaban daquel paxariño indefenso, pero, aínda que moita xente o lamentaba, non eran poucos os que non se atrevían a saír na súa defensa, porque sabían que os corvos eran capaces de actuar tamén pola noite e que tanto lles tiña estafar, coma difamar e calumniar con tal de quedaren como os primeiros en todo, ata en ruindade. Iso sí, a miúdo disfrazaban de mansos arrullos en público os seus repugnantes graznidos en privado.

Un día aquel paxariño temeroso fuxiu e foi acollido en niño alleo a donde fora recaer pensando que máis lonxe estaría máis protexido, pero, por aquilo da migración temporal das aves e de que os cartos son apátridas, cando foi a ver, de canto aforrara, uns poucos miles de euros, só lle deixaran na conta menos de cen. Non se sabe moi ben por que algún tempo máis adiante lle volveron a ingresar parte do que fraudulentamente lle levaran, pero o peor aínda foi que, como o paxariño nin vía nin oía ben, nin sabía ler nin escribir, levárono un día asinar un escrito ante outro paxarísimo que fixera carreira de notario e tiña despacho na capital. Calquera se fía da boa fe que poida dar ese notario de manifesta mala fe! Menos mal que poucos debe de haber coma el! Diante do paxarísimo o paxariño recoñecía débedas a familiares de máis de cincuenta mil euros por cousas tan peregrinas coma lavados de roupa ou axudas pra encender a cociña de gas.

Desde a visita forzada á notaría o paxariño comezou a esmorecer, non comía nin durmía nin facía máis ca chorar, porque, aínda pra máis non tardou en chegarlle notificación dunha orde de embargo. Quen me contou este conto non sabía o final do mesmo, porque o conto estaba “sub judice”. Non se agarda un final moi feliz pró paxariño, porque un paxarísmo e varios paxaros xuntos acostuman a ter ben cubertas as costas. Ademais coa lentitude da xustiza, xeralmente por falta de medios, poida que o paxariño teña morto cando chegue o remate. E senón, tanto tempo agardando xa é un senvivir.

Advertiume un que sabe moito de aves de que hai que velarse de certos paxaros e avisoume de que tivese coidado se se me ocorría algún día difundir esta historia. Xa teño coidado, e mesmo teño quen vele por min, polas miñas cousas ou polas dos meus achegados, que os paxaros, por moi gordos que sexan, tamén teñen medo a que os manden enxaular. Ademais, historias destas hainas a centos, incluso con protagonitas que comulgan na misa sen protector de estómago cando os ven, e mesmo nalgún caso, que a presiden.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES