Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Esperando sempre a quen xa chegou

domingo, 30 de noviembre de 2014
Comeza hoxe, co primeiro domingo de Advento, o novo ano litúrxico, coa vista posta xa na festa do Nadal que chegará antes dun mes. O tempo corre e nós con el. E así chegamos ó Advento.

“Advento” significa vinda, chegada. Preparación, pois, neste e nos próximos domingos, para a lembranza comunitaria e festiva da vinda, da chegada do Deus feito home onda nós. Un acontecemento que marca misteriosamente a historia humana toda.

Ano tras ano, estamos así convidados, impulsados a “esperar”. A esperar sempre. Unha esperanza que ten os seus alicerces nunha fe robusta. A fe nun Deus Pai Todopoderoso –tal como se di na fórmula do Credo- que se nos manifestou en Xesús para a nosa liberación e felicidade.

Porque esta esperanza renovada na manifestación humana de Deus no Nadal é en realidade unha esperanza que está previamente apoiada e fundamentada no feito mesmo de que Deus está xa desde sempre con nós, onda nós.

O Deus do Advento non é só un Deus futuro, un Deus que virá. É conxuntamente un Deus que veu, que vén e que virá. Un Deus que é, ó mesmo tempo, pasado, presente e futuro.

Pasado, porque des que o mundo é mundo e des que existe a humanidade alí está xa Deus, construíndonos, dándonos vida e agarimándonos. Nel estamos todos desde sempre, tal e como o di o apóstolo Paulo: “Nel, é dicir, en Deus, vivimos, nos movemos e existimos”. Deus é desde sempre o facedor e sustentador de todo. Del procede e nel está desde sempre a humanidade toda.

Pero é que ademais o acontecemento histórico do Deus que se encarnou e que puxo, como comenta o evanxeo de Xoán, “a súa tenda entre nós” tivo xa lugar: hai máis de dous mil anos. Fíxose el dende aquela un de nós, un coma nós. Desde entón e para sempre veu el onda nós e emparentou, por dicilo así, con todos e cada un dos seres humanos e de maneira especial cos máis humildes, necesitados e marxinados.

De xeito que neste sentido a Deus non o deberiamos esperar coma se el non tivese estado xa antes onda nós. Mais el, que veu xa onda nós, segue a vir, está vindo onda nós a cotío, en cada intre concreto das nosas vidas. Está sempre presente na nosa interioridade, na nosa propia conciencia, mais tamén no noso exterior, nas persoas todas coas que un día e outro nos atopamos, sexa de maneira esperada ou imprevista. Cómpre lembrar aquel dito de Xesús: “Eu estarei convosco ata a fin do mundo” . Ou aquel outro: “Onde dous ou tres están reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles”.

Por iso, cando a igrexa convida neste tempo de Advento a esperar, faino sabendo que é Deus mesmo, que desde sempre está xa con nós, quen nos dá as forzas, a graza, para podermos así ter azos para esperalo. Esperar a súa constante e repetida chegada, porque a el nunca seremos capaces de recibilo en toda a súa grandeza sobrehumana e absolutamente infinita.

Deus non é nunca algo así coma unha lección que se aprende dunha vez no cole e sobre a que xa non precisariamos volver. El é sempre algo que nin nesta vida nin na vindeira chegaremos a comprender plenamente. Pois para iso teriamos que ser nós mesmos absolutamente infinitos, é dicir, coma el. E isto é imposíbel.

Por iso, para nós, el está sempre a chegar. As nosas alforxas deberían estar en todo intre cheas de esperanza. Unha esperanza que é ela mesma un inmenso e prezado galano, un inconcibíbel agasallo, que el mesmo nos dá para podermos estar así en disposición de recibilo.

De maneira especial no tempo de Advento deberiamos repetir a invocación que comunitariamente se proclama na Eucaristía: “Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. Ven, Señor Xesús!”.

Este desexo e petición de que Xesús veña a todos e cada un de nós, a toda a humanidade e de maneira especial ós máis necesitados da súa axuda e do seu consolo, é o lema que debería presidir todo o tempo de Advento que hoxe comeza.

Un desexo de que o Deus que se fai un de nós no Nadal se converta en pensamento ardente e concreta vida práctica en todos. Porque a súa vinda onda nós no Nadal, participando así en todo da nosa humanidade, é un acontecemento que, por ben sabido e aceptado que sexa, non deixará nunca de nos sorprender por pouco que nel pensemos. Por iso toda preparación vén sendo cativa, todo “advento” queda curto, en relación cun acontecemento tan inimaxinábel e incríbel.

Este “esperar” do Advento non é un esperar pasivo ou adormecido. Precisamente no evanxeo de hoxe hai un convite a sermos responsábeis nas nosas particulares angueiras e quefaceres, a “estarmos en vela”, a mantermos viva a conciencia e a non deixármonos vencer polo sono: “Estade á espreita e atentos”, “vixiade”, “estade en vela”. Unha responsabilidade que tampouco debería ser angustiosa, senón confiada, porque quen vén, aquel a quen esperamos, é en definitiva o Deus que se nos fixo intimamente familiar.

Por iso quero engadir aínda que a mellor maneira de practicar este espírito de “esperanza”, específico do Advento, é xustamente levar á práctica o que a vinda de Xesús nos anunciará e nos porá diante dos ollos. É dicir: o exercicio consciente e constante dunha irmandade verdadeira e real entre todos, en canto irmáns que somos dese Xesús que no Nadal se vai facer para sempre irmán noso, irmán maior noso.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES