Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Impostos de primeira, servizos de segunda, enterro de terceira

jueves, 27 de noviembre de 2014
Nestes últimos tempo vexo con agrado como desde os medios informativos se reclaman para a nosa provincia, sen pelos na lingua, atencións sanitarias de primeira necesidade que outras provincias xa teñen e como se dá noticia de casos, tal coma o dun canceroso, aos que a Inseguridade Social deixou morrer antes de tempo por falta da debida medicación e contra a opinión de facultativos, ou de como, polo que din, entre o HULA e o CHUS, ou sería no CHAC?, estiveron a piques de deixar morrer ó Doutor Pardo Gómez, porque, total, despois de oitenta anos, e se por riba non pode dominar un simple infarto e entrar polo seu pé, quen pintamos aquí?, etc., etc, etc. O etc. débese a que se me encasquillou a pistola, pero quédanlle sete balas na recámara.

Estou operado de cáncer de gorxa desde o 20 de xuño do 2013, (digo cáncer, porque cancro paréceme menos grave, xa que un cancro tamén é un feruncho). O cincuenta por cento da culpa foi miña por fumar e o outro cincuenta por cento é das autoridades sanitarias mundiais –das españolas tamén- por permitiren ás empresas tabaqueiras, (capaces, con outras multinacionais, de poñer ou quitar presidentes dos Estadios Unidos e, en consecuencia, tamén meus presidentes), meterlle a cada cigarriño beiras de trescentas substancias moitas delas canceríxenas e tan aditivas coma a cocaína. Canta hipocrisía! Faise que se persegue ó fumador e pásase con vista gorda por diante do envelenador.

Moitas grazas señoras autoridades, pra iso lles pagamos a vostedes, ós que trafegan cara a Suízas ou Andorra cos remanentes dos impostos directos e indirectos mesmo do tabaco e ata ás tabaqueiras sen rostro nin corazón que de vez en cando fan considerables doazóns pra obras de beneficencia, sorteando impostos ben directos.

Aínda que tiña cáncer, tiven a sorte de non ter que recibir, de momento, radio nin quimioterapia. Outros tiveron menos sorte ca min e, ademais de sentírense queimar por dentro e morrer polo tratamento van morrendo pola Costa do Sal abaixo e arriba.

Grazas que non teñen que pagar tamén por ir ver o mar. Se se dá o caso de ter que recorrer ese via-crucis teño disposto que non me leven a La Coruña. Que me deixen morrer na miña provincia de Lugo e o que habían gastar en tempo e viaxes que o garden pró enterro, aínda que este sexa de terceira debido a ter que ir consumindo a pensión na aportación farmacéutica, en medicacións e utensilios que non entran na Inseguridade Social e en consultas particulares pra non caer morto na cola das listas de espera.

Xa que teño que pagar como cidadán de primeira, non acepto sen rechistar ser tratado sanitariamente coma cidadán de segunda, sufragáneo de La Coruña a onde xa tiven que ir á logopeda. En Lugo, en Santiago e en Madrid parece ser que prefiren ós caladiños. É unha cuestión de dignidade, aínda que algún mamalón opine que é debido a chulería ou prepotencia. Diso saben moito máis ca un.

Tampouco acepto ser tratado como moeda de cambio electoral e partidista, nin que me colguen máis sambenitos ca os que me correspondan por lei. Tén gracia: Se protesto por ver lesionados uns dereitos propios ou alleos e pola falta duns servizos que teñen noutras provincias, é que son da oposición; e se calo, é que son dos adictos ós que mandan, ou sexa, hoxe por hoxe, ó PP.

Ben sei que este desafogo meu non vai ter maior transcendencia nin vai influír pra que se nos respecten ós lucenses uns dereitos que se nos deben por xustiza e non por caridade nin por cálculos electoralistas. Xa veredes como cando se acheguen as próximas eleccións se nos prometen aceleradamente polo menos dez aceleradores lineais de partículas radioactivas.

De todos os xeitos, terei que velarme, porque ós incompetentes, postos a dedo, en postos de mando, que viven indignamente dos cartos de todos, por non seren capaces de vivir dignamente da súa profesión, e vense na obriga de defender á administración fronte ós administrados pra non perder a manxadoira, o mesmo lle dan certa importancia a estas manifestacións dun “curita que mejor estaría cumpliendo con su deber recluído en la sacristía y recibiendo penitentes”, e optan por facerme calar de vez… Quen sabe?, calquera se fía, total xa non me falta moito prós oitenta anos que parece ser o tope sinalado pola Inseguridade Social, non é así, Don Fernando?

Sei que non se debe xeneralizar e sei que non todos os que ocupan cargos de dirección ou de decisión son incompetentes, e ata sei que algúns son máis vítimas ca min e caa os enfermos que teñen que peregrinar cada día horas e horas atravesando a provincia desde Negueira de Muñiz ata beiras da Torre de Hércules.

E tamén sei que hai sanitarios que un día si e outro tamén están recibindo amonestacións de que recorten. ¡Recoreten! ¡¡Recorten!! ¡¡¡Recorten!!! ¿Non ven que con tanto recorte hai menos tarta pra repartir? Non ven que sen moita tarta para repartir acábanse os corruptos? Non ven que os recortes non son garantía de permanencia en cargos por designación dedil, ou temporal nomeamento caciquil?

Tampouco me fagan moito caso que, se miran en internet, xa verán como se di que os operados de larinxe, (en galego gorxa), temos moi mala uva; ou sexa: certa propensión ó cabreo.

Outra cousiña: Antes de ramataren o proxecto de túnel artificial da A-8 entre Mondoñedo e Abadín, propoño que ese túnel sexa moito meirande, polo menos coma de Asturias a Portugal, pra non ter que andar con reformas e ampliacións, que sempre resultan caras, e que poida tapar dunha vez tanta incompetencia, tanta comenencia e tanta… ¡eso!. Se cadra, despois, na próxima lexislatura, anímase o Fomento, dereito ou esquerdeiro, e fan outro túnel desde El Bierzo a Algeciras pasando sobre Las Cortes, que desde hai uns anos por aquí deron en chamarlles “cuadras modernas”.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES