Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Memoria do camiño

jueves, 20 de noviembre de 2014
Unha década. Ese é o tempo que demorou Arcadio López-Casanova en dar forma ao seu último poemario, As voces da máscara, publicado na Memoria do camiñocolección Currupa Literaria do Centro PEN Galicia baixo a dirección de Xabier Castro Martínez.

Síntese e decantación. Velaí a esencia que revela este novo libro respecto do dilatado conxunto da escrita do poeta lugués, unha das traxectorias verdadeiramente senlleiras da literatura galega do noso tempo.

As voces da máscara ten unha estrutura tripartita implementada por un poema “Pórtico” (“Nós, os encadeados”) e outros dous de “Epílogo” (“É o meu mundo este mar…” e mais “Soñas o Tempo fronte ó mar…”). Logo dese verso introito, verdadeira carta de navegación para dar coas cicatrices do clan, compás que marca o norte das feridas e derrotas, das condenas e os soños naufragados, vai o septeto de composicións en homenaxe a nomes maiores da nosa tradición literaria: Rosalía, Pondal, Curros, Castelao, Otero Pedrayo, Pimentel e Aquilino. Estas nenias de López-Casanova dialogan con eles e os seus textos, imaxínanos en momentos claves da súa biografía e, dende eses instantes de fulguración, de epifanía, vanse deluvando as luces e as sombras da Rosalía que se despide do mar de Carril; o Pondal bárdico que convoca as hordes de Futuro fronte ao dolmen de Dombate; o Curros que marcha definitivamente para a América da que xa non regresará; o Castelao que comeza o seu descanso na Chacarita; o Otero Pedrayo pervagador das ruelas do Santiago eterno; o Pimentel intérprete dos solpores eternos da Praza Maior de Lugo; o Aquilino que remansa o Tempo estantío e pastorea os días e o bafexar dos bois inmortais en Lamanide.

Memoria do camiñoTras deste setestrelo de enunciación histórica comparece a memoria persoal no tríade de “Intermedio: tres olladas no tempo”. Aquí son os días da infancia na Casa Grande do Páramo, os da mocidade de loairas do “Memorial de Compostela”, tamén si o “Recordatorio final” da Casa da Blanquería, estancia mediterránea, acubillo do poeta errante, bálsamo para o éxodo sentimental.

Ao alustro do camiñar persoal sucede o construto do tempo do mitos, da “Mítica da desposesión” nas figuras de “Orfeo”, “Edipo”, “Antígona”, “Electra” e “Orestes”, arquetipos simbólicos que entremesturan as súas dimensións significantes coa dos periplos colectivo e persoal das outras dúas seccións, tecendo unha estrutura proxectante, de secantes que interseccionan e adquiren dimensión plena na arquitectura do integral.

Por remate, o “Epílogo” é un canto salvífico no paraíso de Ondara, espacialización idealizada, paisaxe dos desexos nas que habita Amor, a compañeira inseparable, a muller que camiña de par, a luz dos días cinsentos e o sentido na debacle na que tantas veces se tremelece. Tras tanto desvalemento e desposesión, logo de desterros e transterros, reverdece a esperanza xunto á amada que, “entre o lume dos laranxos acendidos/ delourada de sol” se ergue “vencedora do Tempo”.

Imposible compendiar en palabras breves a ourivería prodixiosa da estilística destes versos, onde os tropos e figuras, os recursos morfosintácticos, pragmáticos, fónicos e outros arboran un edificio literario que ten coiraza lírica e peito paradramático, que metamorfosea polifónico e se reprega escénico.

Grande este As voces da máscara. Máis aínda, admirable por canto vén da man dun autor que é xa un clásico en vida e que, lonxe de periclitar na súa impecable dicción, demostra, libro tras libro, que os vellos poetas, coma os roqueiros mellores, nunca morren.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES