Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coral de Chantada: Medio século de vida e alento

sábado, 08 de noviembre de 2014
Unha publicación formato revista, titulada: ”O pobo canta”, chega oportunamente para celebrar e homenaxear o “50 aniversario Coral Polifónica de Chantada”. Unha suculenta publicación que fará historia polos apreciados artigos que nos veñen de autorizados autores que perfilan o contexto fundacional da “Coral Polifónica de Chantada”, cun notábel perfil documental sobre medio século de notabilísima perseveranza dunha bisbarra que canta, o cantar que lexitima herdo e permanencia.
Coral de Chantada: Medio século de vida e alento
Chantada é unha terra de prominencia musical que manifesta tradición, de tódolos tempos idos e daquela escola trobadoresca dos séculos XII e XIII, que tivo como referencia a próceres da cantiga na nosa bisbarra, como Páez de Tamalancos, Airas Moniz de Asma, Diogo Moniz de Asma e Xohán de Requeixo, talentosos trobadores que compuxeron, cantaron e percorreron a xeografía chantadesa. Esta escolanía xograresca ficou perpetuada nas esculturas románicas, como é o caso do tímpano da igrexa de S. Miguel do Monte, Aguada, Chouzán e Cerdeda, todas esas expresión escultóricas magnifican a presenza dunha fidelidade a un microcosmos como o de Chantada, no que existiron múltiples expresións de cantares de cego, de regueifa, de fiandón, de esfolla, de aninovo e reis, de arada, de arrieiro e de tantos cantares de recolección de maldicir.

Todo ese longo repertorio de voces de labregancia fertilizou nas terras de Chantada, ao son de gaitas e pandeiradas. Gaiteiros tan esgrevios como anónimos repetiron sorpresas en alboradas festa, romarías e ruadas. Bandas de musica fornecidas nos acentos populares do rural, que protagonizaron fértiles andainas coa ledicia piopula como milagre da nosa cultura e idiosincrasia.

A “Coral Polifónica de Chantada” emerxeu desa tradición e, felizmente, os 50 anos da súa presencia personaliza os dons da memoria que cada un dos articulistas desta publicación manifestan as parcelas do andar e do dicir dunha entidade emblemática que xa conforma os alicerces da historia da música polifónica local.

Coido que en “O Pobo Canta”, falta o nome dunha persoa clave no Coral de Chantada: Medio século de vida e alentoembrión que tomou corpo na fundación da “Coral Polifónica de Chantada” e que non se menciona, non por omisión, quizais, por falta de información. Refírome ao crego D. Xesús Mato e Mato, tan adicto ao anonimato. Mato foi o indiscutíbel pioneiro en fomentar a creación de agrupacións musicais e corais en boa parte da Galiza centro. As súas iniciativas fructificaron en Chantada. Non estamos dicindo que o crego Xesús Mato fora o fundador da Coral –que non o foi- pero si o que abriu o proceso de interés fundacional, sendo D. Modesto Fernández o verdadeiro fundador xuntamente con outras persoas, como fica acreditado na devandita publicación. Estas persoas, quizais, persuadidas pola tradición e pola necesidade de ter unha agrupación coral que personalizase os atributos musicais de Chantada definiron a súa fundación que celebramos o seu 50 aniversario.

Fai poucos días que Mato e mais servidor retomamos conversa nun café dos soportais de Portomarín, fronte ao pórtico románico da igrexa de S. Xoán, vendo tanguer os vintecatro anciáns, neses formatos de harmónica partitura e de estática reverencia pétrea. Nos rentes dese Canticorum vital falamos do 50 aniversario da “Coral Polifónica de Chantada” e xurdiu a conversa sobre o inicial desta fundación –que eu xa coñecía a versión do amigo Mato-. Mais nese momento collín caneta e papel para codificar as palabras xustas e necesarias: sempre ben matizadas dun protagonista esencial na historia da música coral e instrumental de Galiza.

Cando Xesús Mato era crego coadxutor de Lalín e o xuíz de paz de Lalín e Chantada, un sanabrés chamado D. CayetanoRodríguez González, organizaron, na capital do Deza, a fundación de Cáritas Interparroquial, dito xuíz estaba interesado de repetir esta experiencia en Chantada, e os dous prepararon un concerto no Cine Yeca de Chantada, o 5 de marzo de 1960 amenizado pola “Coral Polifónica de Lalín”, que o propio Xesús Mato fundara en 1959, no seu primeiro ano de crego en Lalín. Aquel concerto espertou moito interés en varios chantadeses que se animaron a crear algo semellante ao que se tiña realizado en Lalín, con Cáritas Interparroquial e tendo como referencia a propia coral. A partir de aquí comezan os contactos que o propio xuíz das dúas cabeceiras de comarca realiza. Conta Mato que o 1º de maio de 1962, festividade de “S. José Obrero” (na linguaxe franquista da época), houbo unha reunión, previamente contactada co párroco de Chantada, D. José de Castro López, nun amplo local da rectoral, o xuíz contacta cunha serie de mais de vinte persoas da vila do Asma e Mato levou oito persoas de Lalín para falar das experiencias e particularidades da súa coral.

Cando D. José de Castro ve tantas persoas diante da rectoral, chámalle a atención a Mato alegando que están diante do cuartel da garda civil e que os mandos da mesma pensarían que estaban facendo unha reunión clandestina. Mato o calmou dicindo que para entrar nesa casa había que contar co permiso do bispo e aínda co nuncio. Nesa xuntanza houbo gran interés de repetir a experiencia de Lalín que inspirou o chamado “Gran Concerto” do 5 de marzo. Di Mato que o mentor e organizador foi D. Modesto que estivo no concerto dese 5 de marzo e na dita reunión. O contacto seguro de Mato en Chantada foi D. Modesto, dado que os dous coñecéronse no Seminario de Lugo en 1948, aínda que D. Modesto era un ano mais vello que Mato e levaba dous cursos de adianto con respecto a Mato. Mais durante dez anos de Seminario uniunos a amizade e a música, e nela fixeron ese filón de historia protagonizada por estes dous seres tan especiais e sensíbeis para as artes e os sons de Orfeo. Sen a idea embrionaria que comezou aquel 5 de marzo de 1960 por parte do coadxutor de Lalín e pola iniciativa fundacional do coadxutor de Chantada, D. Modesto, as previsións desa fundación puideran ser ben distintas. A fidelidade á música e ao país fican enteiramente vencellados Xesús Mato e Modesto Fernández.

Aproveito a ocasión para dar as seguintes pinceladas das creacións musicais de este crego irrepetíbel como é Xesús Mato. Nos seus últimos anos de Seminario, 1957-58 dirixiu a Schola Cantorum de dita institución eclesiástica. Fundador de Radio Montaña no propio Seminario. En Lalín, xa de coadxutor, crea “La Voz del Deza” e a “Coral Polifónica de Lalín” (1959), comeza con voces masculinas porque o bispo Ona de Echave recomendoulle a ausencia feminina, pero Mato logo rompeu este prexuízo e incorporou a mulleres que no concerto de Chantada estiveron presentes. Dentro desa coral creou un trío de musica folk. A “Coral Polifónica de Lalín” percorre tódalas xeografías galegas, recollendo éxitos e prestixio. Mato creou en Lalín a “Orquesta Caracas” con músicos que retornaron da emigración, co fin de recadar diñeiro para a fundación dunha casa de recollida de pobres.

En 1967 é destinado a Lugo, ao Colexio Menor Feminino do bispado, tódalas internas procedían do rural e con elas creou un coro de cantoras de Nadais e de Panxoliñas, precisando de algunhas voces masculinas conta con varios mozos de vinte anos, e dous deles coñecidos como talentos da música galega, como son Mini e Mero. O vintecatro de outubro de 1972, na festa de S. Lucas de Mondoñedo, Mato e os seus mozotes ganan un premio de música folk, por unha canción de esperanza, titulada: “Fuxan os Ventos”, cuxa letra e música foron compostas por Mato e cuns acentos contestatarios e de revolta, nótase que o Concilio e as posturas contra as dictaduras por parte de Paulo VI impactaron a Mato. Este crego coñeceu a este papa en Castelgaldolfo en 1973 e fotografouse con el.

A letra desa canción premiada, di así: “Queremos cantar, queremos berrar, (coa forza da fe!): que a nosa Galicia aínda está en pé. Fuxan os ventos dos agoireiros, dos vinculeiros de tempos vellos; fora lembranzas, tépedas noites, que esfaragullan os tempos de hoxe; veñan os homes, rexos e fortes, cos ollos limpos, traballadores, que espallen xuntos, sen refolgar, o desenrolo do noso fogar; mirade pra diante, sempre sen medo, nenos e nenas, mozos e vellos, Galicia enteira que eiquí representa, esta xuntanza de Mondoñedo”. Velaquí o comeza o grupo folk “Fuxan os Ventos”, para ter unha vida de dez anos de repercusións na elite musical do Estado español, ganando premios e ovacións.

De 1972 a 1980, Xesús Mato presenta o espectáculo musical: “Galicia canta ao neno”, con cento corenta e dúas representacións en todo Galiza. En 1982 prodúcese a ruptura de “Fuxan os Ventos, e Mini e Mero crean “A Quenlla” que se mantén da recolla do cancioneiro popular e cun contido de compromiso social con Galiza, no que Mato presta colaboración. En 1983 vai destinado de crego para as zonas do Cebreiro e o Courel, onde se dedica a recoller tradicións e cantares populares como son os reis e reiseiros. De 2009 a 2012 dirixe o “Orfeón Lucense”, presidido polo xornalista e escritor, Xulio Xiz.

D. Xesús Mato e Mato foi e continua sendo necesario nesa utilidade da creación musical. El xa está na nómina da vangarda dos coros polifónicos galegos, por ser un exemplo integrador e animador en proxectos necesarios e nos dons inmorredoiros desta Galiza tan incomprendida, no popular, polos que desertan para a outra banda das carencias. O grao que sementou o crego Mato xerminou en Lalín, Chantada, Lugo, e nas terras altas e nevadas dos Ancares e do Courel. Parabéns Mato, e que Orfeo te recolla no seu mandil de corcheas e lealdades.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES