Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Perigan as institucións democráticas?

viernes, 07 de noviembre de 2014
Unha democracia sen partidos políticos é inviable; pero unha democracia con partidos políticos integrados por sectarios, máis preocupados pola ortodoxia allea que pola propia, distraídos na valoración dos comportamentos corruptos dos outros para minimizar os propios e no control das institucións públicas para utilizalas en plan sectario, é unha verdadeira desgraza para o un país

E aquí, en España, están levando á sociedade civil a ensaiar outros modos de resolver os problemas políticos e económicos do país, porque os consideran incapaces de desterrar a corrupción e o sectarismo do seu seo, en mans de persoas que, cando non están carentes de formación, adoecen da condición de homes de estado, e tamén da imaxinación necesaria para encontrar canles polas que descorran as posibles solucións en proxectos, se é mester, de accións en común.

Xa se fala dunha corrupción sistémica, estrutural, e isto é preocupante, porque non se ataca cambiando os mobles de habitación: Hai que baleirar a casa, desinfectar os locais e poñer mobles novos, e estes seleccionados coidadosamente. Pero...quen fai a selección?. Ata aquí deixaron chegar as patoloxías...!.

Os medios, que están máis en contacto co pobo, veñen denunciando isto con reiteración; pero os responsables políticos non acusan as reaccións oportunas, e nin sequera se pararan a considerar que están poñendo en perigo as mesmas institución democráticas, facendo inviable a estabilidade dos sistemas socio-políticos en xeral.

O grave no caso dos españois está en que pode ocorrer que as sensibilidades sociais se poñan en mans de grupos sen clara e decidida definición positiva, porque en negar o que está ou se considera mal coincidimos todos; pero non estou tan seguro de que sexa así a hora de artellar un ideal ético no que se identifiquen a maioría dos cidadáns, e, por conseguinte, de que as discordancias no proxecto socio-político-económico, que poda facer realidade ese ideal, non arrastren a niveis paralizantes.

A responsabilidade dos dous grandes partidos, PP e PSOE, é de tal magnitude que, coas súas políticas de matiz sectario e partidista, propiciaron a posta en perigo da unidade de España, permitindo, incluso, incumprimentos no marco da legalidade vixente, que agora, con descaro e con pouca vergonza, din vixiar coidadosamente.

É que, cando un político practica a xordeira e a sordidez co pobo, e carece de olfacto para as emerxencias de fondo dimanantes do mesmo, devén un inútil, porque as xordeiras aínda poden remediarse algo, non moito, cos audiófonos, mais os cheiros, nin tan sequera os dos próximos (imaxínese a corrupción), non teñen remedio. Poida que se ensaie o tacto, pero para isto necesítase unha aproximación calculada e a tempo.

A inestabilidade do país causárona vostedes, señores responsables dos dous grandes partidos (ata agora!!!), porque non se fixeron cargo dese profundo desasosego do noso pobo, desencadeado por la inquietude de que nin se realiza o que pensa que sería xusto que se realizara, nin se experimentan cambios nas actitudes e nos métodos, ni aflora unha vontade decidida de imprimir transparencia nos comportamentos políticos, xa que todo o que se está a facer agora ven imposto polo inevitable do mesmo.

Non sei o que poden pensar vostedes, os posibles lectores, respecto das autoexculpacións; pero cando un señor presidente dun partido di que se decata, polos medios, das corrupcións no mesmo, a parte de non merecer crédito, está tratando aos cidadáns de parvos, posto que, institucionalmente, el é o responsable de todo, aínda que o sexa por simple “omissio vigilandi”.

Que se activen as alarmas en diversos ámbitos da sociedade, lévanos a pensar que a nosa clase política está caendo, vertixinosamente, dende os pináculos dos vixiantes, na propia autodestrución, ao servizo de estraños intereses: ocultas tramas ben urdidas de delincuencia; un neocapitalismo desbocado; unha indefinición ética propiciada; unha política democrática de calidade moi baixa e insegura, da que non se derivan enérxicas decisións nos órganos competentes; unha lexislación profusa na forma e bacía no fondo, que facilita a dispersión de competencias; un barullo antropolóxico, que, por non compartir uns mínimos parámetros na concepción do home / da muller, arrastra a regulacións en constante caducidade (aborto, ensino...); unha emerxencia de tendencias centrifugadoras, que durante estes 30 últimos anos careceron de controis legais eficientes e amalgamáronse co frenesí nacionalista e a indecisión calculada dos gobernos centrais; etc.

Por outra parte, non debemos perder de vista que o 15M en España non é, nin moito menos, tan peculiar como adoitamos facelo, porque en Italia o movemento Beppe Grillo é análogo, e ambos evidencian que a sociedade civil está reaccionando; pero, segundo a opinión de autorizados tratadistas, están xestionados con liderados en agraz, que “tratan de apoderarse dunha sensibilidade emerxente (intuída por todos, porque está no ambiente), e no fondo non entenden a verdadeira significación histórica”. Córrese, pois, o perigo de que a utilicen, ocasionalmente, para XESTIONAR IDEOLOXÍAS DO PASADO, que se foron radicais naquela etapa, hoxe en día serían perniciosas e extemporáneas, porque xa pasou o seu momento histórico.

Perigan, a luz de todo o dito, as institucións democráticas?. Esperemos que os partidos políticos españois fagan un “master” de humildade e cordura e nesta OCASIÓN, polo menos, poñan en común a loita pola democracia e a defensa das institucións, renunciando non só a utilizalas partidariamente, senón tamén aos matices menos relevantes das súas respectivas ideoloxías.
E digo “ocasión” , porque os políticos deberían saber que en grego hai un termo moi manexado na cultura helénica, ao que concederon unha gran importancia: KAIRÓS, co que expresan a “medida conveniente”, “o momento oportuno”, a “ocasión”, a “conxuntura favorable”, etc. E, primordialmente, ten natureza cualitativa, non cuantitativa, como CRONOS, tempo. Eurípedes xa o definiu como a mellor guía en calquera actividade humana e indispensable para ter éxito nunha empresa.

Pero tamén se lle concede importancia na actualidade. Segundo Wikipedia, o norteamericano Eric Charles White di que KAIRÓS é un instante fugaz, no que aparece unha abertura que hai que atravesar necesariamente para acadar o obxectivo proposto; pero tamén aquí, en España, o noso compatriota Alejandro Corletti Estrada di que é un tempo dos nosos momentos transcendentes..., do noso destino, e que en determinados momentos fíxonos tomar decisións importantes.

Pois ben; se os políticos españois teñen vontade de corrixir erros, e evitar perigos irreparables para as institucións democráticas, deben aproveitar o KAIRÓS, e non esquecer que adoita ser moi fugaz: Os que as poden poñer en perigo, xa o aproveitaron!!!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES