Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Forza, Centro Galego de Bos Aires!

jueves, 06 de noviembre de 2014
Non sei se ando un pouco desnortado. Poida que sexa así xa que nestes tempos tecnolóxicos disque é necesario posuír un GPS para atopar o camiño. Coido que os meus irmáns uruguaios non votaron guiados por ningún asesor electrónico senón polo seu axeitado razoamento que os levou a escoller ao neto de Galicia, Tabaré Vázquez Rosas, para volver a poñelo no temón da xenerosa patria de don Xosé Artigas. Supoño que o aparelliño será de utilidade se sabemos onde imos ou sexa cando coñecemos o destino. No meu caso, de neno emigrante, cando o necesitei en novembro de 1958 non o puiden utilizar. Fixen, collido da man da miña nai, unha longa viaxe no “Cabo de Hornos” sen saber onde estaba aquel lugar máxico chamado Montevideo.

Naqueles tempos a miña orientación era máis sonora que visual. Os domingos pola mañá viaxaba ata a miña aldea de Tines [Vimianzo] enriba dos sons dunha gaita que saía da radio. Os demais días da semana era un neno máis dunha cidade que se movía co alegre candombe dos tamborís afro-montevideanos. Son da idea de que as singraduras emigrantes non teñen unha cartografía que as poida acoutar. Son sentimentais e son tamén, circulares. Se houbo unha viaxe de ida haberá unha de volta. O retorno pecha a singradura. Sexa no montevideano “Cementerio del Norte” ou no porteño de “La Chacarita” ou no panteón da aldea parroquial; a unidade espiritual non a despraza o vento nin a frean as fronteiras. A emigración remata cando nós o decidimos poñendo o peche sen que para iso haxa que mover un pé.

A historia da nosa longa emigración recolle cifras e estatísticas. Foi moi negativo para Galicia que máis dun millón dos seus habitantes buscasen abeiro lonxe da auga fresca do aldeán manancial. Aínda que non todo foi escuridade dentro da desfeita migratoria. Antes de embarcar recibimos unha vacina anti-morriña. No exterior o noso étnico ADN fíxose inmune a tres moi estendidas e duras enfermidades: a avaricia, a envexa e o orgullo. Cada alma emigrante viaxaba coa súa protección sanitaria e por tanto viviría sempre lonxe dos cativos intereses. Sendo posuídores dunha traxectoria de nobreza polos vieiros do mundo cústame entender que agora mesmo estea a piques de desaparecer o Centro Galego de Bos Aires e non haxa reacción ningunha.

Recollo unha observación de Roberto Arlt que vai ben para centrar un pouco o que quero reflectir nestas liñas. Nas crónicas da viaxe [publicadas en “Aguafuertes españoles”] que o escritor arxentino fixo por Galicia antes da Guerra Civil expresa: “La República Argentina es la segunda patria del gallego porque la patria sentimental, la de la morriña, es Galicia”. Certamente que Arlt admira aos galegos porque somos dignos das maiores consideracións se miramos para a grande obra feita con esforzo honrado. Un exemplo exitoso témolo ---ou tiñámolo--- no Centro Galego de Bos Aires. Aquí é onde hai que corrixir é, por desgracia, falar case en pasado. Hoxe a histórica entidade socio-sanitaria está fóra do control das mans emigrantes.

O acolledor fogar da esquina porteña de Belgrano e Pasco foi intervido por orde xudicial e designouse un interventor que é a máxima autoridade. O diñeiro para manter o funcionamento sae das arcas públicas. O acontecido é o máis triste que podía suceder. Os asociados perderon o navío que ata entón era levado polos directivos que saían elixidos nas urnas. Algo grave tivo que pasar para que unha das máis importantes sociedades galegas do mundo caese no maior dos asulagamentos. A sucesión de erros na xestión fixo que o Centro Galego fose sumando débedas que se fixeron imposibles de pagar. Ningunha das últimas directivas quixo facer a reforma que se necesitaba para poder ir amortecendo a crise sen caer do pozo da iliquidez de fondos e por tanto na quebra dos servizos de asistencia médico-asistencial.

Aínda que hai responsables da desfeita –-ninguén deu a cara para recoñecer os erros--- o que máis me doe é a comprobación de que non hai ningún movimento para comezar a estudar a recuperación da entidade. Non se fala do retorno das autoridades electas. Non se fala do remate da intervención. Non se fala de novas eleccións. Négome a crer que morreu o espírito loitador E innovador do emigrante que encheu Bos Aires de suor honrado. A realidade quere facerme pesimista. Sigo sendo optimista pero o que vexo non me gusta nadiña. As agrupacións “Pro Centro Gallego” andan ensarilladas entre elas sen poñerse de acordo no asunto básico que non é outro que o futuro do Centro Galego. Non hai nin liderazgo moral nin tampouco económico; estou a falar da ausencia de figuras representativas que puidesen empurrar do carro ou axudar a que empurren as novas xeracións de descendentes.

A intervención do Centro Galego de Bos Aires foi a peor noticia xerada na emigración –-despois da morte de Alfonso R. Castelao--- e semella que non pasou nada. Unha gran riqueza patrimonial e inmaterial está en perigo pero os ex dirixentes soamente teñen voz para criticar ao goberno arxentino. Non entendo nada. Os ministerios competentes en sanidade e asistencia social non son os responsables da mala administración. Os traballadores cobran os seus salarios con cartos achegados pola administración pública. Algo non vai ben cando os nosos descendentes esquecen as orixes e deixan que se afunda unha sociedade emigrante se o seu partido político sae beneficiado. O Centro Galego foi caendo no descrédito porque non se administrou con criterio. Se agora vai indo –-aínda que sexa con respiración asistida--- hai que ser agradecidos con quen nos botou unha man. O pedido de axuda urxente tivo lugar nunha audiencia coa señora presidente da República Arxentina na Casa Rosada. Non teño a máis mínima dúbida de que a sensibilidade de dona Cristina diante do problema foi unha especie de homenaxe ao seu avó fonsagradino Pascasio Fernández Gómez. Forza Centro Galego de Bos Aires!.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES