Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Certamente incríble

lunes, 03 de noviembre de 2014
Hoxe mesmo, cando escribo, fíxeno dúas veces. Asistía a unha charla sobre asuntos que me interesaban especialmente e, malia iso, por dúas veces pequei, levantándome da cadeira e saíndo da sala na que me atopaba cun grupo de xente, para atender senllas chamadas telefónicas. E mentres camiñaba para o exterior íame criticando a min mesmo por darlle máis importancia a unha comunicación telefónica có ambiente de complicidade e formación do que estaba sendo partícipe.

Pero, incluso dende esa consciencia pequei, por máis que agora faga acto solemne e público de contricción.

Fago esta confesión para recoñecer en primeiro termo que eu non son alleo a ese andazo terminal que nos mantén presos permanentes ó espazo exterior, considerando que os interlocutores que nos chegan pola vía electromagnética son sempre moito máis importantes para nós cós que adoitamos ter diante mesmo dos narices, por máis que o que nos estean dicindo os que están preto de nós nos estean marcando pautas certamente interesantes para a nosa propia formación. E fágoa, polo tanto, para meterme eu mesmo no saco da crítica "constructiva" pola que vai transitar esta columna a partir desta "oración".

Leo que a Xunta de Galicia acaba de presentar un decreto no que ten pensado incluír a prohibición do uso do teléfono móbil nas aulas e aínda que poida sorprenderlle o que vai ler a continuación, certamente pareceume incrible. E digo ben, incrible. Por dúas razóns.

Explícome...

A primeira delas é porque, logo da exponencial proliferación de teléfonos móbiles entre os máis novos nos últimos anos, que fai que nestes intres non haxa -eu creo- ningunha criatura de máis de 14 anos baixo o sol que baña esta pel de touro, que non teña un smartphone e da negativa incidencia que estes trebellos provocan nun valor tan básico para o proceso de aprendizaxe e formación ós que se deben ás súas idades, como é o valor da atención, non é que resulte incrible esta regulación, o que certamente resulta incrible é que aínda permanecera ata hoxe ceibe tal prohibición.

E a segunda é que, por máis que o decreto que onte aprobou o Consello da Xunta teña uns interlocutores moi definidos, como son os estudantes, aproveito que xa teñen redactado o corpo conceptual do mesmo para propoñerlle que redacten outro semellante, pero destinado a eles mesmos, co fin de que prohiban a utilización dos "sms", os "whatsapp", os "email" e tódolos demais sistemas de comunicación exterior silenciada, mentres asisten a unha homenaxe, a unha conferencia, a un discurso ou a calquera outra intervención de carácter público, porque non hai acto de máis desprezo para quen fala e para quen asiste á intervención, ca ver a un político completamente alleo ó seu entorno -é dicir, en transo- tecleando coma un poseso na pantalliña do seu iphone.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES