Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Falar por non estar calado

jueves, 30 de octubre de 2014
Como corresponde a quen non tén moitas luces, ou esqueceu onde está a chave de acendelas, van estes medio pensamentos:

Que terrible debe ser a despoboación do rural pola banda da Ponte Nova. O domingo 26 de outubro concentráronse “cerca de un centenar de personas” de oito parroquias pra pedir o cese do cura por non dicir as misas ó seu gusto. Se foron noventa de oito parroquias toca a 11,25 persoas por parroquia. É alarmante as poucas persoas que quedan en sete aldeas e nunha vila.

Hai debates sobre o estado da nación subtitulados cando fala un catalán. Hainos sobre o estado das autonomías. Canto esforzo teñen que facer algúns parlamentarios pra falar ese día en galego no hórreo! Case sempre a avaliación dos resultados deses debates é o suspenso. Cando haberá un debate sobre “el estado de derecho” pra declarar oficialmente que leva moito tempo en suspenso?

Vén aí o día de santos e de defuntos. Nunha próxima revisión dos acordos coa Santa Sede suprimiranse os santos por mor da separación real entre a Igrexa e o Estado. Os defuntos xa están en vías de seren suprimidos pra poñer no seu sitio caveiras (caliveiras) dos samhains. Que se velen as floristerías. Aínda ha de haber que poñer a calabazotes as leiras de crisantemos.

Mentres non suprimen de vez ós defuntos algúns moi débiles de carácter e medio afeminados ás veces choramos por eles. Menos mal que tamén os hai fortes e moi machos que manteñen o tipo, porque “os homes non choran”. Animaliños, non saberán que os que non choran non son homes?

Ó doutor Pardo Gómez non o deixou morrer a burocracia da Inseguridade Social por un tris. Aledámonos moito de que estea vivo e de que o poida contar. Se morrese ninguén o mataba nin era ninguén responsable da súa morte; porque o INSERGAS, polo menos en Lugo, parece que non é ninguén. Eu preguntei por el en Atención ó Paciente e non me souberon dar razón. Seique nunca o viron por alí. Dixéronme: “Pregunte a ver en Sanción al Paciente”. Pero, como me deron vez pra outono do 2016 aínda non preguntei. E a burocracia, xa se sabe, tampouco é ninguén. Nunca tivo nome propio. Se cadra tampouco tén pai.

Coñecín a un que non era eu, pero podería selo, que acusaba a toda a corporación municipal de corrupta ata que lle cumpriron o capricho de asfaltarlle a el só o curral propio, exclusivo e privado con cartos de todos e pra todos.

A algúns deses que cacarexan moito desde a tribuna de oradores que acatan as resolucións xudiciais gustaríame escoitalos ó entrar andando esposados en algún xulgado.

Denota moito humanismo que haxa grandes manifestacións en case todas as capitais de provincias en contra da dubidosa necesidade de matar un can por culpa dunha posible alarmante infección contaxiosa. Calquera día o mesmo hai unha pequena manifestación nunha soa capital de provincia en contra da morte segura de millóns de persoas por culpa da fame que tamén contaxia, pero convén gardar o segredo pra que non se propague a alarma.

Por que se lle botará a culpa de tantos males, incluso canceríxenos, ó tabaco, se, de case trescentas substancias que lle meten a un cigarriño as tabaqueiras co consentimento das autoridades sanitarias, o tabaco só é unha soa substancia?

Faime moita graza cando, despois de pagar por algún servizo, me chaman preguntado polo grao de satisfacción do persoal. Que sei eu se o persoal está satisfeito ou non? A miña satisfacción ou insatisfacción no depende do persoal, senón das persoas que me atenden.

Tamén me fai moita graza a muletiña esa de: “Gracias por confiar en Movistar…, en E.ON…, en nosotros”. Estámosche bos para andar confiando despois de todos os “nuevos pujoles nuestros de cada día!”

Se o sufrimento é camiño de santidade, non pasou de moda a celebración de Todos os Santos, que, sufridores moitísimos hai, aínda que todos, todos, non o sexamos.

Os demos que teñen a función de facer sufrir tampouco pasaron de moda e están de mudanza. Parte deles deixaron os seus libidinosos aposentos e xa viven en Cortes. Será por culpa dos recortes e da crise, meus pobres.

Dixéronme que o mércores día 28 cumpriu 82 anos o cura Xesús Mato. Se foi certo, cando sexa grande quero ser coma el. E, se non foi certo, tamén. Que non lle cansen as mans de sementar o ben.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES