Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (32)

miércoles, 29 de octubre de 2014
Relatos da miña escola


No ano 1937, empecei a escola. Tiña sete anos. Aínda me acordo con que nenas me puxo o mestre. Unha chamábase Antonia e a outra Divina. Eran máis grandes ca min. Paseino mal, pois era o primeiro día. Sentín medo.

O mestre nacera en Soria. Falaba castelán. Era moi serio, pois con tantos nenos, tiña moito traballo. Desde sete anos, ata catorce. Alí tiña todos os cursos. Había que explicar a todos os niveis. O meu primeiro libro foi o Silabario. Tiña as vogais e mailas consoantes. Só a imaxe dun santo; creo que era San Antonio. Logo, o Raias, primeiro e segundo; a Patria, o Manuscrito. Estes libros eran para aprender a ler. Os maiores tomábanlle a lección aos máis pequenos. Despois, a eles tomáballela o mestre.

Se non sabías, caía o pau. Tiña unha regra; pegaba nas mans ou na cabeza. A min pegoume poucas veces. Eu miraba de estudar, pois dábame moita vergonza que me pegara.

Na escola, había cinco encerados: un para sumar, outro para restar, para multiplicar, para dividir e outro para os problemas. No encerado de sumar tamén aprendín a contar ata cen. Faciamos cen raias. Logo, cunha regra, contabamos en alto todos xuntos. Logo, contas de sumar. Así que souben, pasoume a restar. A mesma tarde que me pasou a restar, xa me adiantou para multiplicar. Alí, xa me custou moito, pois a táboa foime dura de aprender. O mestre dicíame: “Para mañá, dous números”. Xa me era moi difícil aprender un... Teño chorado, ás noites, repasando, pois non me quedaban na cabeza.

Cando fun nai, e lles ensinaba aos meus fillos, nunca lles rifaba, pois sabía o que me custara aprendela a min. Logo, pasei para dividir. Xa me manexaba ben. Tiña un irmán maior que me ensinaba na casa; iso notábase; que tamén me rifaba, ás veces. Recordo, un día, que levei un parágrafo para analizar para a casa como deberes. Eu sabía nomes, adxectivos, artigos, preposicións; pero, os verbos sempre me foron moi malos de estudar; aínda hoxe non os sei. Pregunteille a meu irmán o maior e rifoume. Non me gustaba que me rifaran, pois facía o que podía.

Polas mañás, dábanos a leccións. Para aprender a ler tiñamos os libros que xa dixen. Logo, tiñamos as leccións de memoria: o luns, Botánica; martes, Física; mércores, Gramática; xoves, Xeografía; venres, Historia; sábado, Relixión. O sábado pola tarde non había clase.

Había escola pola mañá e pola tarde. Os libros estaban na escola. Pola tarde, explicacións e preguntas, tamén contas e problemas.

Eu non tiña moita memoria, pero era consciente do bo que era aprender. Tiña unha amiga que tiña unha tía leiteira, que ía vender leite a Betanzos. Sempre me prestaba libros de contos; gustábame moito lelos. Creo que así me acostumei. Eran libriños pequenos; non tiñan “santos”; era todo letra; pero, gustábame lelos.

A escola era mixta, con dúas ringleiras de mesas de nenos e unha de nenas. Tamén había uns bancos por detrás; alí estaban os máis pequenos. Un día á semana faciamos ximnasia. Era nun camiño pouco transitado. A min gustábame facela. Os nenos por un lado; as nenas por outro, de menor a maior. O profesor diante.

O mestre era serio, e castigaba. Tiña moitos nenos. Ensinaba ben. Cando iamos á festa da Árbore, eramos os que máis sabiamos. Sempre nos poñían na primeira fila. Nunca o deixabamos quedar mal.

Tamén viñan nenos doutras parroquias. Eses debían pagarlle. Algúns chegaron a mestres de Ensino, algúns a almirantes da Armada, outro a enxeñeiro. Daquela, só estudaban os que tiñan cartos. Pero, foi moi bo para a parroquia, que, aínda sendo fillos de labradores, saímos adiante.

A escola estaba a un kilómetro e medio da casa. Iamos en zocas, no inverno, e levabamos un saco se chovía; pois, naquel tempo, non había paraugas. No verán, zapatillas. Polo camiño, xa o pasabamos ben, xa que eramos moitos nenos. Un día que nos paramos a xogar coa neve, dounos coa vara. Desde aquel día, nunca chegamos tarde.

Unha vez, un cativo botoume a culpa de que lle collera un pizarrillo; o mestre púxome de xeonllos; doeume moito, pois eu non fora. Logo, aclarouse.

Cando entrabamos á escola, rezabamos. Se xa estaban dentro, tiñas que ir á mesa do mestre preguntarlle como descansara. Unha vez, veu un inspector. O mestre chamou a outra nena e a min. A outra nena era moi alta; parecía que tiña máis de catorce anos, pero tiña trece. Soubemos todas as preguntas. Ao mestre gustoulle.

Cada quince días ou tres semanas, varriamos a escola. Facíano as nenas máis grandes. Como había tanta terra, pois era un baixo, regabamos con auga para que non se levantara o po. Por fóra, ao lado da porta, poñíase a bandeira española. Cantabámoslle “Salve bandera de mi patria...” antes de entrar. Había un crucifixo grande na parede, ao lado da mesa do mestre; tamén unha imaxe da virxe. No mes de maio, as nenas levabámoslle ramos flores, e cantabamos “Venid y vamos todos, con flores a María...”.

Gustábame a festa da Árbore. Sempre nos daban un boliño de molete con chocolate. Un ano que os do Axuntamento fixeron a festa moi tarde, o mestre mandounos levar un ramallo de cereixas maduras, que no noso lugar viñan moi cedo; atounas ao pau da bandeira, para que viran que non era tempo de plantar, pois xa facía calor.

Un día que me tocou de ler, caeume un pau na cabeza por ler o g co i suave. Nunca me esqueceu. Outra vez que tiñamos exames, fíxenme a enferma, pois tocaban verbos.

Sempre me gustou ir á escola, aínda que tiña que esforzarme moito para aprender. Nas matemáticas, cheguei á regra de Tres, Interés, Repartos Proporcionais. Iso gustábame. Nunca me pegou o mestre polas matemáticas. A min non me doían os paus. Dábame moita vergonza. Tamén me daban pena algúns nenos que non tiñan memoria, cando lles pegaba. Aínda hoxe, que teño setenta e catro anos, cando vexo un neno daqueles que lles pegaba, téñolle cariño, pois dábanme moita lástima.

Cando a guerra civil, ao saír da escola, dixéronnos aos nenos: “Alí, arriba, hai un home morto”. Fomos todos velo. Aínda era xove. Dounos moita pena. A guerra non debía de existir. Cando tomaron Madrid as tropas de Franco, fomos por toda a parroquia coa bandeira cantando o Cara al Sol. Nós non entendiamos iso. Recordo que levaba unha chambra de flores claras. Os das casas convidaban ao mestre cunha copa de caña.

Despois, máis tarde, viñeron as enciclopedias; primeiro e elemental. Logo, a media. Alí, estaba todo resumido. Saiamos moito ao encerado. Había un grande ao lado da mesa do mestre. Poñía os mapas enriba. Alí, os límites, ríos, montañas, golfos e cabos da Península Ibérica. Os cinco continentes eran estudados, non tanto como España. Era moi bo profesor. Tíñalle moito respecto.

Despois, de casada, cos fillos pequenos, cando ía no coche de liña e subía el, aínda tiña recelo. Hoxe, coa familia, teño certo respecto.

O mestre, nada máis acabar a carreira, veu para Galicia. Casouse aquí; ten unha filla e unha neta, e tamén bisnetos.

Recordo que no lugar onde me criei había moitas cereixas; viña moi cedo. Das primeiras, sempre se lle levaba a proba ao mestre. Un día, meus pais mandáronme levarllas a súa casa. Recordo que estaba cocendo. Doume un trozo de bola. Eu díxenlle que non. Miroume con cara seria e collina moi contenta, pois era de molete. Na miña casa, era de maínzo e centeo. Tiñamos moita vergonza.

No recreo, tiñamos por costume xogar, as nenas á corda, ás bonecas, ás tendas, ás pedras, á ruleta, etc. Os nenos, a pillar, á billarda. Non había o fútbol. Xogabamos separados, aínda que non había problemas entre nós. Respectabámonos uns aos outros. Creo que eramos mellores que agora. Había un neno que era algo retrasado; era dunha familia humilde. Cando xa facía frío, el levaba as zocas sen calcetíns. Os que eramos máis grandes poñiámoslle abrótegas secas para quentarlle os pés. Non eramos tan brutos como os nenos de agora. Axudabamos aos pais, apañabamos castañas na aira, para asalas á noite, pois era a cea das noites do inverno. Unha vez, o mestre fixo un control. Eu fun o segundo premio. Doume unha caixiña de madeira con fíos, e un dedal moi bonito.

Eu sempre lle estiven agradecida polo que me ensinou. Nunca coñecín Soria, pero sempre lle tiven cariño por darnos un profesor que nos ensinara tanto.

Son avoa e vexo raro que os nenos se pelexen. Que non respecten aos profesores nin aos maiores. Gustaríame que os nenos de agora coñeceran os nosos tempos.

Xa sendo maior, un amigo do meu fillo máis novo facía a Mili no Axuntamento. Recollían os libros que foran da nosa escola. Sería para reciclar; aínda me trouxo tres, e lin os nomes de dúas compañeiras miñas. Téñoos en moita estima.

O mestre tamén lles dicía aos nenos que o fumar era malo para a saúde. Poñía un pano na boca e expulsaba o aire. Manchaba o pano. El fumaba moito.

De merenda, para o recreo, levabamos pan con mazás. Tiñamos moi boas relacións cos veciños e cos primos. Creo que viviamos máis contentos que hoxe. Recordo unha vez, miña nai comproume unha maletiña para levar a pizarra e os libros; pero, era de cartón; pouco me durou; era moi bonita.

Eu, cando empecei a escola, pola mañá, non facía nada, pois era pequena; pero, meus irmáns maiores, antes de ir á escola, tiñan que traer auga da fonte para a casa. Cando a guerra civil, eu xa lles escribía cartas a meus irmáns. Eles agradecíanmo moito e mandábanme postais. Aínda teño algunha, do ano corenta e un (algúns deles xa non están).

Cando a festa da árbore, sempre se plantaba algunha. Mestre e nenos cantabamos: “Cantemos al árbol que voy a plantar; si Dios los protege del hombre y el viento, salud y riqueza dará. Para el aire puro, cantemos aromas; para el caminante, regala las sombras. Y si triste y sólo llego a morir, dejaré en el mundo un árbol plantado por mi. Cantemos al árbol con voces de paz y de amor, defiéndalo el hombre, protéjalo Dios, protéjalo Dios”.

No tempo de ir á escola, téñense moitas vivencias, que é bonito recordar. Agora, aos nenos non se lles ensina humanidade. Dá pena ver os periódicos. Tanto mal trato para (sempre para os máis débiles). Esa idade, para moitos, é un inferno, cando debía ser o mellor tempo da nosa vida.

Co pouco que aprendín, estoulle agradecida ao mestre D. Segundo Alonso Romero polo que me ensinou. Tamén a mes pais por mandarme á escola. Naqueles anos da guerra civil, tiña tres irmáns participando nela, e falta lles faría para axudarlles a traballar.

Meus pais e o mestre están enterrados no cemiterio de Adragonte. Un recordo para todos eles.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES