Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital asilo de Vilalba (4)

jueves, 23 de octubre de 2014
Ano 1910


Antón da Culasa. Dáse a coñecer un novo poeta con este O Hospital asilo de Vilalba (4)pseudónimo a través das páxinas de «El Eco de Villalba». Descoñecemos quen se gardaba baixo tal nome, pero ben puidese ser o inspirador dun xornal satírico que se publicará en 1914 e do que tan só se debeu editar o primeiro número.

Velada literaria. Organizouse o día de Nadal pasado. Actuou a coral «Amor á Terra» da que era presidente Antonio García Hermida e director o señor Vega. Estiveron acompañados pola banda que dirixía Santiago Mato Vizoso. Logo houbo baile ata as dúas da madrugada.

Festa na «Tropical». «El Eco de Villalba» do 15 de xaneiro ofrece unha ampla reportaxe, reproducindo a prensa da Habana, da festa que o 19 de decembro pasado celebrou a «Unión Villalbesa y su Comarca» nos xardíns de «La Tropical». Resultou moi concorrida. Entre as especialidades culinarias especial aceptación tivo o «lacón de Vilalba». Despois do xantar fixeron uso da palabra o presidente, Emilio Eymil, e o entusiasta paisano Atanasio Escolante. O baile estivo moi animado e moitas e moi distinguidas señoritas daban realce á festa: María Mora, Mercedes Méndez, Andrea Gómez, Conchita Varela, Mercedes Giz, Consuelo Concejo, señoritas Fuente,... a lista sería interminable.

Manuel Mato Vizoso. In memoriam. O número do mes de febreiro dedícase por completo á memoria de Manuel Mato Vizoso. Ofrécense noticias biográficas e poemas a el dedicados polos seus amigos. Na páxina quinta unha fotografía do falecido, xunto con dous amigos, observando os restos derruídos dunha das portas da muralla do castelo de Vilalba.

«Pensamiento Católico». Baixo esta cabeceira o novo xornal mindoniense substituirá o desaparecido «La Semana».

Visita do prelado. En abril deste ano Vilalba recibe a visita do bispo de Mondoñedo Juan José Solís. Veu confirmar os rapaces que asistiran á correspondente catequese. A solemnidade desta visita deixou un fondo recordo na xente. A crónica xornalística da visita aporta interesantes informacións sobre a vila:
–As escolas eran modernas e das mellores da provincia. Nelas recibían educación máis de 300 nenos de ambos sexos.
–Para construír a casa do concello e cárcere do partido, derruírase unha das torres do castelo que estaba situada ó oeste da actual e que se unían por unha ponte de cantería que tamén desapareceu.
Cousas de Vilalba!
–A igrexa antiga, de trazo románico, foi derruída en 1867 porque apareceran fendeduras no ángulo que daba á praza, suroeste. E iso debeuse a que edificaran alí unha especie de pombal co obxecto de colocarlle un reloxo público. As obras da nova duraron vinte anos.
De reparar a antiga, hoxe Vilalba contaría con dúas, a románica, de regular capacidade, e outra maior e máis moderna. Nesta última, e por mor do desnivel do terreo, gastouse a maior parte do orzamento na cimentación e iso foi causa de que non se puidera levar a cabo a execución do primitivo plano, que era unha copia da capela dos Remedios de Mondoñedo, pero en maiores dimensións.
E todo por salvar a horta de José Mouriz ou por non edificala noutra parte!... Pobre Vilalba!
–En Vilalba había cinco ou seis ducias de tabernas e máis cafés que en Lugo.
–Durante a visita do bispo foron socorridos máis de catrocentos pobres.
–A industria dominante era a usura e non había outras fábricas, por iso producíanse... E o hospital sen facer!

A «Liga Santaballesa de Educación e Instrucción» deu a coñecer o novo regulamente da sociedade e a memoria dos traballos realizados ó longo de anos anteriores. Por ela sabemos do falecemento do sabio don Francisco Naseiro Castro, vicepresidente que fora da sociedade. Como presidente para 1910 figura José Paz López e como secretario Emilio Eymil, quen tamén presidía a «Unión Villalbesa y su comarca».

O cometa Halley. O «Eco de Villalba» de 15 de maio informa que só faltan tres días para saír da incerteza en que nos ten o famoso cometa Halley... É grande o pánico que se apoderou de infinidade de persoas. O observatorio do Ebro fixo saber que o cometa rozaría a Terra ás 7’20 h da mañá do 18 próximo. O contacto co noso planeta non causaría dano a ninguén porque a cola está composta dunha materia sumamente tenue. Daría, si, orixe a perturbacións atmosféricas de relativa importancia, que serán notables no mediodía de Europa e polo tanto en España. En Vilalba o medo non pasa dunha natural curiosidade, sendo crecido o número de persoas que se erguen pola noite para ver o cometa. E fan ben, porque a cousa no traerá tanta cola como din.

Mortaldade do gando. A preocupación por esta causa continúa vixente. A única solución para os gandeiros é asociarse e constituír seguros de socorros mutuos que axuden en caso de desgraza.

A recadación para o hospital continúa. Publícase a relación de ingresos e gastos.
O Hospital asilo de Vilalba (4)
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES