Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (31)

miércoles, 22 de octubre de 2014
Recordando ao padriño da Xunqueira


Cando era pequena, na casa onde nacera meu pai, ou sexa, na casa dos avós, tiñamos uns primos que lles morrera a nai desa enfermidade que non tiña cura (tuberculose). Ese avó que lle morrera a filla vivía nunha parroquia que se chama Velouzás, e viña ver os netos, pois era o que lle quedara desa filla que lle morrera sen acabar de criar os nenos. A máis pequena, que é do meu tempo, non entendía por que súa nai lle daba os bicos nas mans. Máis tarde, douse conta por que era; isto debe ser ben triste para unha nai, pero a vida é así de dura.

Eu non era nada daquel avó, pero tamén lle chamaba padriño, pois sentía ás miñas primas e tamén o quería. Recordo que, por San Tirso, sempre traía laranxas. Iamos chegarnos por el para axudarlle a traer a bolsa. Recordo que, unha vez, caeume un dente comendo unha laranxa e paseino mal.

Non lembro como era a súa cara, pero sufriría moito na vida. Tiña que ser boa persoa. Sendo xa moi maior, non podía calzar zapatos, pois tiña os pés moi mal, pero el veu igual ao San Tirso en zapatillas e chovendo, pois ese patrón celébrase o vinte e oito de xaneiro; pero alí estaban os seus netos. Que pensaría aquel avó polo camiño cando os ía ver? Eses recordos onde irán? Hai cousas que non as podemos entender. Só o aprecio e o cariño daqueles netos o farían sorrir.

Aquel último ano da festa, que chegou cos pés mollados, déronlle outro calzados. Puxéronlle as zapatillas a secar. Déronlle de comer, un vaso de viño. Xa o padriño estaba contento, que pouco fai falta para ter os avós felices.

Xa son maior, setenta e cinco anos, pero recordo con cariño ao padriño de Xunqueira, que non era o meu padriño; tampouco podo recordar como era a súa cara, pero si que era un home bo. Un home que pasea amodiño polos camiños da miña infancia. Sempre cunha bolsa de laranxas para repartir aos nenos que, cada vinte oito de xaneiro, por el esperaban ao pé do Muíño Neto.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES