Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Forza Tabaré!

martes, 21 de octubre de 2014
Na capital uruguaia deixaron a súa pegada milleiros de galegos desde os tempos da loita independentista comezada polo egrexio patriota Xosé Artigas. A historia da República Oriental do Uruguai leva sangue galego en todos os tecidos do seu corpo e quizais por iso é hoxe unha terra de futuro. Non se necesita afondar moito para atopar familias de “horneros gayegos” en calquera dos barrios montevideanos. O “hornero” é un paxaro arquitecto que aniña cada primavera no seu novo fogar de barro. Os peteiros da parella avícola semellan ser as mans dos alfareiros emigrantes que erguían a casiña onde acubillabar aos descendentes.

Non hai actividade onde non se recoñeza o esforzo solidario dos valentes emigrantes que tiveron que deixar –-con bágoas nos ollos--- o seu verde paraíso atlántico. A gran maioría dos galegos afincaron en zona urbana pero non hai que esquecer aos que apousaron nas zonas rurais. Os interesados en documentarse sobre os galegos no rural poden consultar o esclarecedor estudo do prof. Zubillaga Barrera, Identidad inmigratoria: los gallegos y la literatura gauchesca en el Uruguay de la modernización, onde suliña que “no es casual que cuando el gallego emigra al Plata y se asienta en un medio en el que perduran (aunque condicionadas por los cambios que se vienen operando en el marco de la modernización) las tradiciones de la rebeldía gaucha y sus expresiones literarias, encuentre similitudes con su sociedad de origen”.

O domingo 26 as urnas agardan polos votos duns cidadáns que nunhas eleccións xerais decidirán se continúa activo o programa de equidade social ou volven ao escenario os “chamuyadores blancolorados” que escureceron o sol da bandeira que alumea na heroica Banda Oriental. Hai tres candidatos con posibilidades aínda que só un deles, Tabaré Vázquez, posúe un empurre anímico que o axudará a obter o triunfo. A maquinaria electoral da oposición anda entolecida na procura dun oco que poida usarse para debilitar ao candidato do actual partido no goberno, o Frente Amplio. Coido que petaron contra un ser humano dunha excepcional calidade sentimental. A forza de Tabaré está no seu vacinado corazón de neto de Galicia. Non hai ningún virus que poida afectar a quen foi protexido con pingas do suor que os avós deixaron nas beiras do Pantanoso.

O noso neto Tabaré herda unha ética familiar que o fai camiñar pola vida sen reviravoltas xa que a súa herdanza non inclúe un apelido contaminado por antigas traxectorias coimeras. O seu apelido é o mesmo que levan tres honrosos loitadores a prol dun Uruguai máis culto e democrático: Santiago Vázquez [1787-1847], Francisco Vázquez Cores [1843-1914] e Alfredo Vásquez Acevedo [1844-1923]. A orixe de Vásquez ou Vázquez hai que buscala no nome de pía, Vasco. Un exemplo témolo en Vasco de Aponte, un nobre galego do século XVI que foi o autor dunha pioneira obra sobre xenealoxía. Aproveito para comentar que cursei os meus dous anos de estudos pre-universitarios no instituto que recorda a Vásquez Acevedo [o moi famoso I.A.V.A.] como así o fixeron o actual presidente Mujica e tamén Tabaré Vázquez.

O “gayego” Fernando Lorenzo –-ex ministro de Economía con Mujica--- ten raíces en Rianxo polo cal coincide con Tabaré na orixe e por iso cre na mesma ética emigrante de que administrar ben é ter clariño que non se pode gastar o que non se ten. Hai uns días, Lorenzo, nun acto da súa agrupación electoral comentou que “os cambios sociais realizados nestes nove anos de goberno están asentados”. Agardo confiado en que así sexa e que maioría da cidadanía sexa consciente de que o país mellorou porque o goberno seguiu a máxima aristotélica de que política é “a busca do ben común para unha sociedade en xeral”. O sabio grego consideraba que a política ten só unha única finalidade: “facer felices aos cidadáns de cada estado, nación ou país”. Os blancolorados compiten entre eles para ver quen promete máis, descoñecendo a reflexión de Francisco de Quevedo sobre que “nadie ofrece tanto como el que no va a cumplir”.


Non esaxero nadiña se digo que é de abondo significativo para que Tabaré Vázquez gañe as eleccións o feito de que o actual goberno levase a enerxía eléctrica e a conexión a Internet a todas as escolas do país. Foi nunha escola de “Paso de las Carretas” [Tacuarembó] onde a administración Mujica puxo o peche a unha antiga historia de discriminación entre os servizos urbanos e os rurais. O goberno frenteamplista cumpriu porque coma ben expresaba Xosé Martí: “Hacer es la mejora manera de decir”. Así se constrúe! A luz nas escolas rurais alumea nas aulas ao mesmo tempo que nos corazóns dos alumnos que se alegran de ter un goberno que non os esquece. A “Fronte Ampla” está a sementar esperanza. A labor administrativa camiña sen pausa por unha recta liña ética. Pola contra, os pasados gobernos dos trangalleiros “blancolorados” non foron capaces de poñer un metro de cable fóra da capital xa que non lles interesa a vertebración do país. Disque os viron cos ollos focalizados nas urnas observando con cara de enfado como baixaba a cantidade de vontades brancas e coloradas segundo ía medrando a educación.

O triunfo de Tabaré está baseado no seo dunha familia de emigrantes que non cruzou o mar para vivir do conto. Os Vázquez Edreira viaxaron cheos de tristeza pero axiña sorriron ao ver que os recibían con agarimo. O neto de aqueles valentes viaxeiros da capital galega e de Vilar de Astrés [Ourense] é unha persoa honesta que inspira confianza. Estou desexando que chegue o mes de marzo para achegarme pola esquina do “Rover” para celebrar cos meus amigos da “609” o éxito dun pobo que avanza na consolidación dun programa de dignificación social que fará do Uruguai un alegre espazo de liberdade. Aproveitarei para falar co presidente do Centro Ourensán –-tamén apelidado Vázquez--- para propoñerlle teña a ben o nomeamento de Tabaré como “Socio de Honra” do lugar onde os afiadores manteñen acesa a lareira da súa identidade.

O 11 de abril de 1956 morre en Montevideo o recoñecido intérprete, director de orquesta e compositor musical Joaquín Barreiro. Se me acordo de Barreiro é porque ademais de paisano de Tabaré –-naceu en Ourense en 1904--- foi premiado por don Carlos Gardel coa gravación de dous tangos da súa autoría: Farabute [1928] e Un año más [1930]. As letras son creación do canillita Antonio Casciani. A noite do 31 de decembro cantábase Un año más nas despedidas do ano xa fose na cea familiar ou entre amigos que se acompañaban coa máxica voz de Gardel que saía das emisoras de radio. Na vindeira noite de fin de ano –-antes de comer a obrigada ducia de uvas da sorte--- dedicarei un brinde especial ao presidente electo Vázquez Rosas. Non dubido de que na beira sur atlántica, un neto de Galicia sentirá a miña achega de irmandade cando escoite que un apaixoado seareiro de Peñarol berra forte: Forza Tabaré!
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES