Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Deus non leva moedas no peto

lunes, 20 de octubre de 2014
(domingo, 19 outubro 2014)

Á vista do sorprendente contido do evanxeo de hoxe, ocorréuseme ollar no moedeiro que tipo de moedas levaba nel. Aparte das cativas e humildes moedas de varios céntimos, había ata catro moedas máis xeitosas. Unha, de cincuenta céntimos, tiña por un lado a efixie de Cervantes, “príncipe” das letras. Das outras tres, unha levaba a imaxe dunha ave grande, a aguia imperial alemá; na outra estaba insculpida a imaxe do ata hai pouco rei de España, Xoán Carlos I, e, por fin, na outra figuraba a face dunha muller, que polo que se di alí é a de Beatriz, raíña de Holanda. Ben se ve así que na Unión Europea vivimos unha chea de xente que pertencemos a diversos Estados e que temos por enriba de nós diversos reis, raíñas ou gobernantes.

Dende hai séculos os diversos países gravan nas moedas que lles serven para os seus intercambios económicos, as imaxes dos seus personaxes de máis sona, pero sobre todo a dos seus actuais gobernantes, sexan democráticos ou ditatoriais.

Pois ben, polo que parece, cando os emisarios dos fariseos foron onda Xesús para poñerlle, segundo acostumaban, a consabida trapela, Xesús non debía de levar ningunha moeda no peto ou, polo menos, fixo como se non a levase. É lóxico que dos poucos cartos dos que disporían el e mailos seus compañeiros (os apóstolos) algún deles se encargase diso en representación de todos. Porque todos eles formaban unha comunidade de ideais e de vida. Sabemos, por exemplo, que concretamente Xudas, nalgún momento polo menos, cumpriu mellor ou peor con esa función.

En calquera caso, Xesús, que axiña se deu conta da trapela que lle querían montar, soubo tamén (como non?) a maneira de se comportar pola súa parte como cumpría. Eu diría (entre nós podemos facelo) que se comportou duna maneira moi nosa, moi galega, é dicir, moi intelixente. Sen que por iso queiramos fachendear, pois xa sabemos que iso non está ben. Xesús iniciou a súa resposta, é dicir, a desenlearse da trapela que lle acababan de tender con estas sinxelas palabras: “Mostrádeme a moeda do tributo”.

No tempo de Xesús, a moeda que circulaba no seu país de Xudea era a moeda dun imperio colonizador e asoballante, o de Roma. Se hoxe en día algunha das nosas moedas teñen gravada, por exemplo, a efixie do que ata hai pouco era aínda o rei (pois teño entendido que Filipe VI terá que esperar ata o ano que vén), o denario que lle presentaron a Xesús tiña gravada por un lado a face de Tiberio, o emperador romano; a imaxe de Tiberio ía acompañada destas palabras: “fillo do divino Augusto, digno de veneración, pontífice máximo”.

Como vedes, o emperador romano aparece perante os seus súbditos, cidadáns romanos ou colonizados (a estes últimos pertencía Xesús e mailos seus apóstolos), como un ser sobrehumano, divino. Estaba aureolado do poder civil e mais do relixioso.

O dilema no que Xesús se atopaba viña ser o seguinte. Se dicía que estaba ben pagarlle o tributo ó César, ó emperador romano, entón Xesús quedaba moi mal co seu propio pobo asoballado e, sobre todo, coa súa propia relixión xudía, que sostiña que só a Deus se ha de adorar e render tributo. De feito, no espazo interior do templo de Xerusalén, circulaba outra moeda propia (non a moeda romana), para simbolizar polo menos desa maneira que a estrutura relixiosa do xudaísmo no podía estar sometida ó poder romano. Por iso operaban alí os encargados do cambio, xustamente aqueles ós que Xesús noutra ocasión quixo botar fóra do templo derrubándolles as mesas nas que exercían esa función. Eran algo así como pequenos bancos do templo de Xerusalén, pois eran eles os que cambiaban ese diñeiro relixioso polos denarios romanos.

Agora ben, se nese dilema Xesús se inclinaba pola outra alternativa, a de dicir que non era lícito pagar o tributo ó emperador romano, entón Xesús convertíase de súpeto nun revolucionario ou nun activista político contra as forzas ocupadoras de Xudea, as dos romanos.

Non se trata aquí de que Xesús lles tivese medo ás forzas de ocupación, ós romanos, pero a súa misión, tantas veces posta de manifesto por el, non era estritamente política, senón máis fonda e universal.

A resposta de Xesús ós emisarios dos fariseos manterase en tódolos tempos como unha sentencia que servirá de eficaz orientación e faro de luz para cantos a escoiten ou lean sen prevencións. E concretamente para nós e para cantos veñan detrás de nós, pois como crentes profesamos fe en Xesús e ó tempo pertencemos a unha sociedade civil na que rexen normas e disposicións que en principio non teñen que ver coas crenzas relixiosas. “Dádelle ó Cesar o que é do César, e a Deus o que é de Deus”.

Xesús separa, pois, netamente, contra calquera tipo de posíbel confusión, a Deus das autoridades ou mandos políticos. E se algunha vez tivésemos que escoller entre a obediencia a Deus e a obediencia ó poder político, entón xa sabemos por onde ha ir a nosa elección. E poderiamos dicir que isto vale incluso cando se trata de autoridades ou mandos relixiosos. Ningún poder civil nin relixioso pode suplantar a Deus ou a aquilo que na nosa conciencia particular consideramos que procede de Deus, ó que intimamente nos sentimos obrigados a escoitar e a seguir.

Porque Deus só hai un, tal como nolo recorda Isaías, na primeira Lectura, cando o profeta no século VI antes de Cristo puña na boca de Deus as palabras que el lle dirixía ó rei Ciro II de Persia: “Eu son o Señor e non hai outro, fóra de min non hai Deus [...] Eu son o Señor e non hai outro”.

Mais este mando ou poder de Deus non é para asoballar ou para nos
converter en escravos, senón para construír fraternidade e igualdade entre todos. Un reino –tal como adoita proclamar a liturxia- de xustiza, de amor e de paz. E por iso tamén toda a nosa xusta dependencia do poder político ou relixioso non ha ter outro motivo nin outra finalidade senón colaborarmos ó ben de todos. Pois, como ben sabemos, máis alegría produce “dar” que “recibir”.

Por iso, “dar a Deus o que é de Deus” redúcese en último termo a esta outra fórmula: “dar ó próximo, ós demais, o que eles esperan de nós”. Deus non precisa dos nosos dons. El teno xa todo. En cambio, os demais si poden precisar da nosa atención. E Deus quere que amemos ós demais como a nós mesmos. Só así daremos de verdade a Deus o que é de Deus.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES