Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coñecemos máis; pero sabemos menos

martes, 14 de octubre de 2014
COÑECEMOS MÁIS; PERO SABEMOS MENOS.

É impropio deste lugar facer unha explicación aceptable do significado dos termos “coñecer” e “saber”, “coñecemento” e “sabedoría”, e, sen embargo, sería moi necesaria para o que vamos a dicir acerca dunha entrevista dun famoso físico. Damos, pois, unha lixeira idea do sentido en que el utiliza, ao o noso parecer, eses dous termos, nunha frase análoga a que da título a este artigo.

Pensamos que cando fala de “coñecer” está a referirse ao coñecemento científico, a ese empeño, máis ou menos acadado, de darlle forma os feitos experimentais, mediante un método de experimentación e expresión matemática, fundamentando verdades susceptibles de verificación.

Hermann Heyserling, segundo a nosa referencia, nado en Estonia no ano 1.880 e finado no 1.946, estudou filosofía e ciencias naturais en Heilderberg e Viena, e entendeu a “sabiduría” como o sentido revelado pola experiencia derivada da harmonización da ciencia de Occidente e o saber de Oriente, susceptible de conducir o desenrolo de cada personalidade en función dunha concepción do cosmos.

Aínda que é unha definición que se aproxima algo ó que parece entender o físico na entrevista, tal vez sexa máis claro circunscribir o “saber” aos coñecementos filosóficos e teolóxicos, compatibilizándoos cos científicos, e, incluso, complementándoos, para evitar as exclusións.

Tratamos dun físico teórico dedicado a “teoría das supercordas”, coñecida como “Teoría M”, que formularon algúns científicos, neste campo, buscando unha solución para reducir todas as teorías referidas ás partículas e ás forzas da natureza a unha soa.

Segundo parece, entenden as partículas como cordas que vibran nun espazo de máis de catro dimensións e así din poder unificar a forza da gravidade, explicada pola relatividade xeral, coas outras forzas.

Pero con isto só pretendemos indicar que, dada a dificultade que presenta esta teoría, porque ten aínda moitas variables sen definir, esixe uns coñecementos matemáticos de gran altura, e unha capacidade intelectual que avala as opinións que este físico nos ofrece na entrevista mencionada. É dicir, debe supoñérselle unha cabeza ben amoblada.

Referímonos ao Dr. Amihay Hanany, e a súa excelencia profesional, que fixo o doutorado no Wizman Institute de Israel e pasou por varios centros de investigación moi importantes, como o famoso MIT estadounidense.

Algunhas das contestacións que lle deu a D. Vicente Montes, que o entrevistou para FARO DE VIGO (publicadas neste medio o 05/10/14, na sección de “Sociedad y Cultura”), na nosa modesta opinión, teñen unha gran relevancia, porque había poucos días que Hawking, como saben outra personalidade importante tamén da física teórica, acaba de ratificarse, en Canarias, no seu ateísmo, afirmando que para explicar a orixe do universo e a súa dinámica evolutiva non necesitaba ningún Deus. Vexamos, pois, as dúas que seleccionamos.

- Stephen Hawking – Pregunta D. Vicente – proclamou que Deus non é necesario para entender o universo e a súa orixe. A ciencia reduciu a parcela da divindade. Desafiuzouna do cosmos?.

- Algúns dos meus mellores profesores son persoas relixiosas!. Creo que son cuestións separadas. Un pode levar un estilo de vida relixioso e ao tempo traballar na ciencia. Non vexo ningunha contradición. Teño moito respecto á relixión. En reunións relixiosas falei da dimensión da creación, pero non dende un punto de vista das evidencias científicas, senón do que conta a Biblia. Constitúe un soporte cultural para unha comunidade. Ao lado diso está a ciencia. Debería existir un respecto mutuo entre ambas. O que descubrimos como científicos está baseado en evidencias. Pero non deberíamos interferir nos pensamentos relixiosos.
..........................................................................................................
- O universo é máis estraño canto máis sabemos del?. Chegaremos a entendelo ou será unha busca infinita?.
.............................................................................................................
- É como a imaxe da esfera e superficie. Se o coñecemento fora unha gran esfera que crece, os investigadores estamos na superficie. Canto máis aumenta, máis superficie hai e por tanto máis contacto co descoñecido. CANTO MÁIS INVESTIGAMOS, MÁIS ENCONTFRAREMOS E ENTENDEREMOS, PERO SABEREMOS MENOS. (As maiúsculas, nosas).
..................................................................................................................
D. Vicente suxire que esa teoría podería levar a moitas reflexións filosóficas sobre a realidade, como ocorre coa Mecánica Cuántica. E o físico parece que non o pon en dúbida; pero engade que a “teoría das cordas” está dirixida por resultados matemáticos, o que ven a ser unha barreira para os filósofos.

Sinceramente, isto dinos moi pouco, porque poden tamén facer filosofía os científicos, e incluso teoloxía, apercibíndose, ou non, de que o están facendo así. De feito, ocorre deste modo nos horizontes da ciencia.

Todo isto ven a suxerirnos que canto máis coñecemos menos sabemos, porque ese incremento do coñecemento, aínda que nos permita entender mellor unha limitadísima porción da realidade, ao mesmo tempo tamén temos un alcance maior do espazo do descoñecido, que nos afunde na incerteza.

Xa que chegamos aquí, digamos tamén que a especulación científica anda a procura de dar unha explicación do universo considerándoo como unha realidade autosuficiente, consistente e estable, capaz, por tanto, de manterse a si mesma. Pero hai un gran escollo: Explicar como nun universo así emerxeu a conciencia e en que soporte físico xurde.

Xustamente por isto, encontrámonos con científicos respectuosos coas argumentacións metafísicas e coas ideas apuntadas polos distintas correntes teolóxicas, e outros que teñen a esperanza de que a ciencia chegue a dar razóns de todo.

Pero, se atendemos ó que nos di A. Hanany, o aumento do coñecemento científico non implica un aumento dunha maior comprensión da Realidade, entendida na súa totalidade universal: entendemos mellor cómo funciona unha porción insignificante desta Realidade; pero cada vez devén máis enigmática para nosoutros.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES