Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Escarranchada

lunes, 13 de octubre de 2014
A nosa lingua conta no seu diccionario con palabras certamente fermosas. Mesmo nalgún momento houbo que, ó fío desa agradable sonoridade chegou a convocar algún concurso, ou algo así, co fin de saber cál era aquela máis preferida polos galego falantes. Eu non vou poñer ningún exemplo porque é evidente que cada quen temos as nosas predileccións e, se cadra, as que me gustan a min, non lle gustan a vostede e viceversa.

Agora ben, do mesmo xeito que as hai que son verdadeira xelatina para o oído, hai outras que entran por el coma lixa de carpinteiro e por máis que se escoiten pronunciar con frecuencia non hai maneira de que suavicen o seu transitar polo tímpano e polo estribo.

Unha delas, por máis que vaia tomando asento na fala de ritual dos chamados neofalantes, é a de grazas. Mire que o teño intentado! Pero é superior a min...

Outra que sempre me pareceu ordinaria -repito, o noso idioma é prolixo tamén nelas- é "escarranchada", pronunciada así, ademais, en feminino, polas connotacións posturais ou pseudosexuais que concentra.

E así, escarranchada, foi como desafortunadamente apareceu en multitude de xornais do mundo a moza galega que, por descuido, neglixencia ou por que fallou o protocolo (palabra mantra que non di nada querendo significar todo) , logo de coidar ó misioneiro acabou enfermando ela tamén do ébola.

É dicir, unha postura completamente inocua -e bastante cómoda, todo hai que dicir de paso- que calquera de nós pode adoptar nun momento dado cando chega á casa ó cabo do día (e quen sexa capaz de negalo, que arrebole a primeira pedra) e se topa co sofá (e que, polo tanto, forma parte da nosa propia intimidade familiar), resulta que por arte desa sorte de exposición exponencial que constitúen as redes sociais -esencialmente o facebook- e por crer erradamente que os únicos que nos ven en tal escena son os nosos familiares que están lonxe, unha persoa pode acabar exposta en trance tal, non só nun xornal local, senón no mesmísimo New York Times.

É de supoñer que nestes intres a moza estará bastante máis preocupada pola evolución da enfermidade no seu corpo, ca por cómo foi reproducida impunemente e sen o máis mínimo escrúpulo informativo en moitos medios de comunicación, a súa foto "escarranchada" no sofá a carón do seu can "artúrico", botando man desoutro mantra que di que cando colgas unha foto na rede de contado pasa a ser pública e xa calquera pode facer con ela o que lle veña en gana.

É de supoñer que esa -a de sanar- será, polo de agora, a súa principal teima. E así llo desexamos todos. Agora ben, estou seguro de que a próxima vez que volva colgar unha foto no facebook hao pensar tres veces, pois a ninguén se lle ocorre colocarse na mesma actitude fogareña nun banco da Praza Maior da vila.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES