Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Operación Rey (con Y grego, claro)

martes, 14 de octubre de 2014
Nin son avogado nin xuíz nin tan sequera especialmente afeccionado ás leis, porque algo sei de como se teñen feito algunhas e de por que motivacións non se cambian outras e tamén de como son aplicadas e interpretadas conforme a comenenciudos intereses máis dunha. Tampouco acepto a denominación de xuíz no mal chamado “tribunal” da penitencia, porque entendo que o sacramento da penitencia, ou mellor dito da reconciliación ou do perdón, debe ser menciña e non xuízo. E quen outorga a absolución debe facelo gratis, xa que o fai no nome de Deus, e deberá facelo máis como un conselleiro tolerante, comprensivo e amigo que tende a man pra axudar a andar ca como implacable dedo acusador.

Dito isto, e co debido respecto pra os xuíces que se fagan merecentes del, vou ó caso de que, non sendo home de leis, non por iso perdo o dereito á liberdade de expresión que me recoñece a lei, aténdome iso si, ás posibles consecuencias, que nunca se sabe.

Volve a estar de actualidade a, pra min e pra outros moitos, tan triste e desconcertante Operación Rey. Rey con y grego, claro, que os padriños da criatura non son de aquí. Á hora de erguer a voz, falar a favor dos imputados, pode interpretarse como connivencia cos presuntos culpables e coas súa presuntas irregularidades e ó mesmo tempo, falar en contra da actuación xudicial levada ata o momento presente, non faltará quen o considere desacato, intromisión ou fachenda.

Calar, podendo falar, sería pra min unha falta de lealdade á amizade, un sinal de acoquinamento e un compangueo coa persecución de que foron obxecto os amigos e que ó mesmo tempo causou graves danos a este Concello que un día me nomeu fillo predilecto. Tomar en serio este inmerecido nomeamento lévame a saír en defensa do pai, o Concello, e dos irmáns, os fillos del en apretos. Quizabes non sexa de todo obxectivo por máis que o procure, porque hai dolor, ó tocarme na familia municipal. Os graves danos causados ó meu (noso) Concello proveñen, entre outras causas máis, de que, cando se vive atemorizados, malamente se pode ser libres nin administrar libremente e sen temor a imputacións máis ou menos fundadas, ou máis ou menos arbitrarias.

Nunca puiden entender, ou se cadra, entendino desde o primeiro momento, o despregue de policía aló polo 2009, (de 9 a 14 van 5) cando tivo lugar o rexistro da casa consistorial e a detención dos só presuntos, especialmente do alcalde, Díaz Valiño. Repito, só presuntos imputados, tratados xa naquel momento coma perigosos terroristas convictos e confesos. Por que aquel peliculeiro despregue? Cal era a súa necesidade ou xustificación? A quen podía beneficiar? Quen avisou ós medios de información pra que chegasen inexplicablemente antes cá policía a Castro de Rei e pra difundiren logo, unha e outra vez, imaxes terriblemente humillantes pra os só presuntos? Mentira! Cando os medios din presunto, o vulgo entendemos delincuente.

Non ten por que ser así, pero parece que quen amarrou a instrución deste caso deixou durmindo o caso de tráfico de emigrantes que deu pé pra este, e con ese comportamento deu bazas a desconfiados pra pensar que actuaba por intereses individuais que malamente poden casar coa ecuanimidade dun administrador de xustiza.

Puiden ler que as escoitas telefónicas a Valiño, o Alcalde, duraron un ano. Dende logo, o cazador que bota un ano agardando a peza obsesionado detrás dun teléfono e cambiando cada pouco de munición: cohecho, prevaricación, tráfico de influenzas, denota que, ou moi lista é a peza pra non deixarse cazar, ou moi pouco debe ter que facer o cazador, ou que, por agardar a que caia unha peza que el cre de caza maior, deixa escapar a moitas outras de caza menor pero non menos perigosas, que ben sei eu que nunha coelleira pode causar tanto dano un furón coma un xabaril. Aínda hai a posibilidade de que o cazador pra aproveitar mellor o tempo non durma e adquira sona de moi traballador, pero cando pasamos moito tempo sen durmir, tamén se nos poden turbar as ideas.

Na prensa vexo tamén que un señor fiscal, vén a dicir que a retención do caso por un xulgado e non mandalo a reparto so é unha irregularidade que non invalida a instrución. Ben, si señor, o que vostede mande, pero pode preguntarse alguén en voz alta por que se produciu esa retención irregular?. As posibles razóns polas que se retivo non poderán ser o que verdadeiramente invalida a cuestión?

Eu non teño a resposta, pero, facendo uso da miña liberdade de pensamento e de análise, creo que quizabes poida atoparse resposta nun estudo non apaixonado doutros casos relativamente estelaras que tamén foron retidos.

E xa postos a matinar antes de coñecer o resultado final: Se fosen culpables os imputados poden ser declarados como tales baseándose nunha instrución irregular? Ben sei que quen non é declarado culpable é inocente, pero lamentablemente estásenos facendo crer que o que hai que demostrar é a inocencia e non a culpabilidade. Noutras palabras, neste país o detido e acusado xa está condenado mediáticamente antes de ser xulgado. O término presunto non figura en moitos vocabularios. Sendo inocentes, quen os lava e indemniza? Se resultase que houbese probas, cousa que de entrada non creo, de que son culpables, pero por defecto de forma non se puidesen xulgar, quen indemniza á sociedade?

Vaia lío! Se tivese tempo, o mesmo me poñía a estudar leis a ver se dera logrado aclararme. Pero ben sei que non vai poder ser, porque, poñamos por caso, se pra estudar unha lei necesito unha hora, fanme falla corenta e dúas pra interpretar as posibles interpretacións, aínda presupoñendo rectitude de intención nos interpretantes.

Que quen as estudou non esqueza que coa lei na man cometéronse gravísimas inxustizas. E isto non o digo eu. Dío xente de leis e máis a historia que polo visto é mestra de vida.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES