Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coma a voda en Einibó

domingo, 12 de octubre de 2014
Xesús adoita ser ben clariño nas cousas que nos conta. Era un home do pobo e entendíase ben coa xente normal e corrente, referíndose a cousas concretas e a experiencias ordinarias e comúns da xente. Non falaba coa linguaxe dos chamados “entendidos”, ós que as veces non se lles “entende” a pesar de seren considerados como tales. Así son ou adoitan ser tantos que se dedican a pensar ou a falar e escribir sobre temas de filosofía. Pertencín durante moitos anos ó gremio destes últimos e quizais por iso podo ter aínda o perigo de non me facer entender como cumpriría. Pídovos desculpas. Mais, en fin, cada un leva ó lombo o fardelo da súa propia historia.

Pois ben. Quen non recibiu algunha vez un convite para unha voda ou, polo menos, desexou que o convidasen? E se non ten experiencia do que ocorre nunha festa ou nun xantar de voda, convídoo a ler polo menos o que escribía o noso poeta Curros Enríquez no engaiolante poema dos seu libro “Aires da miña terra”, que leva como título “Unha voda en Einibó”.

Entre nós, as tradicións teñen moita forza por aquilo que dicía xa o P. Sarmiento, no século XVIII: “os galegos son tenaces en manter os seus costumes”. A nosas vodas en tempos pasados duraban tantos días e eran tan abondosas en xantares, bebidas e demais, que os responsábeis políticos e eclesiásticos (bispos ou autoridades civís, que viñan maioritariamente de fóra de Galicia) tiveron que poñer couto, sobre todo desde o século XVI, a tales excesos. Porque, tal como polo menos argumentaban os responsábeis eclesiásticos ou civís, aquel dispendio podía chegar mesmo á ruína dos que convidaban á voda. Nisto non lles faltaba algo de razón.

Aínda así, as nosas vodas galegas tradicionais adoitan manter aquela abundancia de material comestíbel, que tanto lles chama a atención ós que veñen de fóra da nosa terra. Unha vez tiven que asistir nun dos mellores hoteis (se non o mellor) de Madrid a unha voda de xente de moi alto poder social e político. Tal como me comentaba un amigo algúns días despois, alí houbo moita etiqueta e finura de relacións, mais pouco exceso ou abundancia daquilo que a nós tradicionalmente tanto nos vai.

En realidade, o que pretenden os que convidan a unha voda é manter e fortalecer os vencellos de amizade e relacións que unen ós noivos e familiares máis próximos cos demais. E iso realízase creando comensalidade, amizade e alegría por medio dun xantar.

Sabemos que Xesús, no comezo da súa vida pública, asistiu como convidado, el a maila súa nai, a un xantar de vodas (as coñecidas como vodas de Caná de Galilea). Era unha maneira de anunciar, xa desde o principio e de maneira plástica, por onde ían ir os tiros, para dicilo dalgunha maneira... En realidade, o que vén anunciarnos el, como mensaxe fundamental seu e do seu Pai-Deus, é que tódalas persoas, homes e mulleres de tódolos tempos e lugares do mundo, formamos unha mesma comunidade de orixe e de destino, unha mesma rede de relacións fraternais. Somos todos fillos de Deus, irmáns polo tanto entre nós, e chamados a sentarnos á mesma mesa con Deus e así irnos asemellando cada vez máis a El ó participarmos da súa divindade.

Por iso non se acaba de entender moi ben por que somos tan reticentes a aceptarmos un convite tal. Quizais mesmo por presentársenos o convite como algo tan grande e incríbel que nos semella pura ilusión ou fantasía.

A parábola de hoxe cóntanos que os convidados á voda do fillo do rei ou simplemente non querían ir, ou formulaban escusas como a de que estaban moi leados, que tiñan moito que facer ou que estaban metidos ata a cabeza en “negocios” que non llelo permitían. En definitiva, problemas de axenda, como adoitan dicir as persoas importantes. Cando en toda axenda o principio xeral de compracer ás persoas debería estar normalmente en primeiro lugar, antes de calquera outro tema de simple interese particular.

Pois ben, fronte as escusas dos convidados, o texto evanxélico é unha invitación a respondermos con xenerosidade e agradecemento ó incríbel convite de Deus a sermos felices con el. Para iso pon el primeiro nos nosos corazóns unha indefinida querenza ou tendencia a sermos felices (pois quen non quere selo?). Despois ofrécenos, por pura xenerosidade e graza del, estarmos na súa compaña, participando da súa felicidade e do seu poder. Sen que para iso teñamos que escoller na lista de voda o regalo que correspondería facer como resposta a un tal convite. Mais nin Deus Pai nin o seu Fillo precisan nada de nós. Só queren regalarse eles mesmos a todos e cada un de nós, en toda a súa grandeza e en todo o seu amor.

Á vista de todo isto, o lóxico e axeitado sería aceptarmos sen máis este inimaxinábel convite e dedicármonos en consecuencia, en alma e corpo, a vivirmos esta experiencia dun Deus que quixo vir onda nós para sempre. Unha experiencia á que está chamada a humanidade toda, tódalas persoas de boa vontade, sen distinción de culturas, linguas, razas ou relixións.

Porque en realidade a voda da que aquí se nos fala é en certo modo a voda de Xesús mesmo con toda a humanidade. O Fillo de Deus, ó encarnarse ou converterse nun de nós, casa en certo modo con toda a humanidade, sobre todo cos máis pobres, necesitados ou discriminados.

E isto está xa decidido por Deus Pai e decidido ficará para sempre. Deus non vai deixar que o que el realizou -volvo dicir: a voda do seu fillo coa humanidade toda- vaia converterse nunha voda fracasada ou nunha simple voda de conveniencia, formal ou a distancia. Deus levará a cabo os seus designios e as cousas vanlle saír ben. Algo disto semella xa anunciársenos na parábola cando alí se nos comenta que, a pesar dos egoísmos e particularismos das escusas duns e doutros, a sala de voda se encherá: “Saíron –dísenos alí- ós camiños os criados e xuntaron a tódolos que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda”.

Como na voda de Einibó...
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES