Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (XXIX)

martes, 07 de octubre de 2014
Apocalíptica, velenosa herdanza, esta que lles deixamos aos do XXI. ¿Perdoarannos? ¿Perdoarannos o noso mal exemplo en materia de relixión, de produtividade, e tamén de austeridade; perdoarannos este pasotismo político, herdado, fomentando na corentena ditatorial; perdoarannos que non soubésemos, ou non quixésemos, reaccionar; que non esixísemos rendición de contas aos nosos administradores, e todo iso ao longo doutra corentena somnolenta? ¡Ai Deus, qué será de nós se tamén nos acusa San Pedro?
¿Qué naceron rebeldes? ¡Iso non é certo pois todos nacemos inocentes; co pecado orixinal si, pero, despois do bautismo, todos lavados! O problema é outro: O problema está en que o bautismo só lava o pretérito, pero non inmuniza para o presente, nin para o presente nin para o futuro! ¡A contaminación mundana, que moitos científicos, moitos premio Nobel de Ciencias, pero aínda está fora de uso a vacina moral! Inventada, si; confirmada polo propio Mestre, que tanto nos ensinou que tamén nos ensinou Ética, da boa, da perfeccionada, pero…, é máis cómodo ser malo que ser bo!
Daquela, qué ensinamos nós? ¡Sobre todo, picardías! Aínda que non lles digamos aos nenos cómo facelas, eles teñen ollos, e oídos tamén, así que se din: Se meu pai, e con el miña nai, fan isto, aquilo, o de máis alá, e con iso viven ben, e prosperan, imitémolos, que para algo nos parecemos aos monos nisto de ser imitadores!
¿Prosperamos? En tecnicismos, si, pero, no outro, na limpeza da alma? Certo é que agora poucas casas quedan sen auga corrente, de quitado na selva, pero, de lavar a alma? ¡Por falta de confesionarios non é, pois as nosas igrexas xa parecen museos diso, da prehistoria cristiá, mais, como están en desuso, por tras deles vixía o diabro, converteunos en atalaias!
Agora que escasean as reprimendas, suponse que os fillos nos queren máis que nunca: non lles roñamos, non os censuramos, doámoslles, gratuitamente, todo xénero de comodidades e de liberdades…; ¿si, ou non si? De momento, afirmativo, pero día virá en que nos censuren a nosa pasividade en deixalos ir por camiños errados, tal que se, desalmados, quixésemos e provocásemos o seu afundimento. Sendo así, a súa anatema merecemos; a súa, pero tamén a de Deus!
-.-

Fun a Superpapelería, en busca de tinta para a impresora, e resulta que aló atrás, na trastenda, teñen una colección de disfraces, que me dixeron lles sobraran do último Carnaval. Pregunteille á rapaza se os teñen de “homes bos”, e díxome, sen pensalo moito, que, “Deses, non”. Aos poucos reaccionou e botouse a rir.
Espallando ideas (XXIX)
Pois non, que a cousa nada ten, ou pouco, de risible: ¡Non os hai de “homes bos”, ou non están á venda, porque…, non a terían! ¡De homes bos xa andamos disfrazados, sempre, a cotío, así que no carnaval cómpre facelo de malos, modelo, tipo, para o que non é preciso comprar careta porque…, xa o somos, ao natural! Con quitar a outra, a cotián, aparecemos distintos, outros! Nada, que a humanidade, e máxime neste século de tanto marketing, anda, condúcese, con un disfrace permanente, e tan ben estudado que parece real, natural, propio da personalidade de cada quen.
-.-

Durmirse nos loureiros: Un hábito español? ¡Un hábito herdado! Resulta que o laurus nobilis era considerado polos gregos, e tamén polos romanos, como unha árbore protectora e curativa, salutífera, que a tomaron, que a usaron como representación de gloria, así como símbolo de resurrección xa que as súas follas tardan en murcharse unha vez cortadas (se se secan ben, sen facer moito esforzo, y despois poden ser utilizadas para elaborar pratos ricos, como a paella).
Espallando ideas (XXIX)
Comezarei polo xeral, polo máis importante, aínda que o individual, a suma de individualidades, tamén importa, moitísimo!
O primeiro, renegar daquela altivez castelá, goda en definitiva, (arrogância, empáfia, presunçäo, dobrancearia, sobrançaria), que tanto leva irritado aos portugueses, aos suevos do Sul, motivo principal, fundamental, definitivo, para que non chegase a consolidarse aquela unidade territorial. ¡Ai, Sabeliña, Sabeloa, que ti si que eras de berce ignoto, pois se de verdade foses de Tras do Támara (Trastámara) non facías o que fixeches: Roubar un trono, e para iso casándote con unha bula falsificada, a cambio de que esta Península deixase de ser unha unidade de destino, e non só no universal! ¡Si, sentándote naquel trono ilícito, e España, a Iberia da túa sobriña, con iso, mutilada indefinidamente!
Outras oportunidades viñeron, certo é, pero de mal tronco viñan, así que non deron froito, que ata ese simulacro de Pacto, aquel Pacto Ibérico, Franco versus Salazar, só foi unha entente de inimigos que pactan para disimular as súas desavinzas, os medos recíprocos.
Ai Isabel, Sabeliña, ¿Católica, ou Meiga Maior de España?, que non tiveches abondo con aquela desfeita sen, encima, ordenar aqueles “¡No cejéis…”! Ao Norte, contra Galicia, e ao Sur, contra África; e menos mal que che parou os pés Portugal constrinxíndote co tratado do Atlántico (Alcáçovas-Toledo). Non che chegou Granada, e lanzácheste á conquista do norte de África, co argumento de continuar a reconquista pola Mauritania Tingitana: Melilla (1497, con Pedro de Estopiñán), Peñón de Vélez, Orán, Bugía, Argel, Túnez, La Goleta, Trípoli… Só te freou o choio das Indias Occidentais, que se non, polo menos ata Guinea, ata a Guinea Portuguesa!
Pobre herdeiro, pobre Fernando, que encima de aguantarche os malos olores da túa camisa, daquela que ofreciches non cambiala, non mudala mentres durase o asedio de Santa Fe, vas e imposlle aquela manda, aquela consigna imperialista, para el, e consigo, aos vosos herdeiros! Encima diso, os franquistas, os daquel galego renegado, que era máis franco que galego, quixeron canonizarte; sería por…insaciable? ¡Santa I, Santa Insaciable!
Rapaciña rapaz: Agora, desde onde te teñan, qué me dis da desfeita que supuxo para España, en homes, pero tamén en cartos, aquela aspiración sureña? ¡Dígoche, e teño motivos directos, información persoal, xa que por aló andei, que, con aquelas…, ¿enerxías?, organizadas, asentadas, invertidas aquí, no interior, hoxe en día seríamos un auténtico imperio, este si, polo menos no económico, uns auténticos Estados Unidos de Europa, por encima de Alemaña, cen veces máis ricos e máis potentes! ¡Deus che perdoe, pois para tantos pecados, tan graves, non hai confesor que teña licencias! Aquel Papa perdoouche o da Bula falsa, parental, do teu casamento, pero aquel pecado, comparado cos outros, foi simple, venial.
Deixando o xeral para abaixarnos ao persoal, ao individual:
¿Quen inventou a sesta? ¡Os españois, que o aprendemos dos árabes!
¿Quen inventou os roubos do ouro e da prata nas terras ocupadas, ¿botín de guerra?, etcétera? ¡Isto tampouco, que o aprendemos dos romanos, pero cábemos a, ¿gloria?, de ter sido os alumnos avantaxados, que xa é mérito!
¿Quen inventou a Inquisición? ¡Os xudeus renegados, os nosos, os desta Sefarad, para evidenciar que eran máis papistas có Papa!
Non sigo, pois entendo que queda claro: ¡España non é culpable; a culpa é dos nosos mestres, tantos que tivemos, e tan bos que eran! A miña, persoal, esperanza é: ¡A ver se neste século, no XXI, que vai sendo hora, aprendemos a discorrer con criterio propio, maduro, eficaz!
-.-

O Patriarca dunha familia está, debe estar, para os goces, subido nun trono, pois non existe categoría meirande cá súa; e para as responsabilidades cravado nunha cruz; con todo iso, non hai grandeza, aquí na terra, que iguale a súa!
Precisamente a verba catedrático, cadeirádego, o señor da cadeira, o sabio, o que ensina, diso arranca, de cando os patriarcas, cos seus anos e coa súa experiencia, asentados na cadeira, na grande, instruían a tribo. Así que, un respecto, pero tamén unha esixencia: ¡Que predique co exemplo!
En canto aos goces, se non os ten debe telos, infinitos, posto que non hai goce máis sublime, esperanza meirande, cá do sementador na súa leira, na leira do seu dominio. Mais para iso non chega con bota-la camisa de fóra, segundo era tradicional nas nosas aldeíñas, senón que tivo que ir á escola, ¡a dúas: primeiro á da súa parentela, e despois cos outros nenos! Estivo atento, fixo por mellorar, por superarse, por distinguir o po da palla, as verdades das mentiras. Foi laborioso e austero, consciente de que tras do hoxe vén o mañá; imitou ás formigas, e pouco ás cigarras. Procurou abrir os ollos ante as aparencias do mundo, dexergando muíños onde outros, os ilusos, ven xigantes. O seu xigantismo, o único no que sempre creu, foi a prudencia, que nunca é grande de máis.
Para cruces, debe comezar con elas mesmo ao levantarse da cama, pedíndolle axuda a Deus, sabedor, crente, que outros cireneos poden, ou non, ser de fiar. E ao longo do seu viacrucis procurará non decaer; pero se cae, levantarse; sempre coa certeza de que os seus sacrificios serán de utilidade, de utilidade suma, como abono da súa sementeira. O patriarca que pon mala cara nos seus sufrimentos, de paso que se desanima el, el mesmo, está desanimando á familia, pecado gravísimo pola contaminación circundante que comporta. ¡Infundir optimismo, un optimismo razoable e razoado, é o mellor milagre que se espera deles, dos patriarcas!
-.-


O xoio non fai falta sementalo, que xa vai co trigo, mesturado; pois co odio pasa outro tanto! Cando Galicia era Galicia, cos castiros enxertados, coas cerdeiras enxertadas, coas pataqueiras, cos trigos da cavada…, naqueles días nos que o xoio comezaba a espigar, “¡Ala, colle un fouciño dos pequerrechos, e vaite ao trigo…!”. Chegaba con iso para saber que a nosa función era cortar o xoio ben ao rente, antes de que granasen aquelas espigas; de arrincalo, nada, pois corríase o risco de prexudicar a planta boa, a do trigo grandal!
¿Dicímoslles agora aos nenos que corten o odio polo pé, a rentes da raíz, mesmo segundo vai brotando? ¡O que é polas trazas…! Peor aínda: que llelo ensinamos nas casas, con respecto aos propios parentes, comezando por eles, e xa non digamos ao resto do próximo. Cando sei dalgunha parella rota, ¡outro xoio entre o trigo!, o primeiro que se me vén á chola é: ¿Aquel que está, que se queda, constante ou alternativamente, cos rapaces, será capaz de conter a súa ira; será capaz de explicarlles que foi cousa do diabro aquilo de non entenderse? ¡Si, do diabro, do mesmo diabro que os xuntou malxuntados, mal examinados, pois, de ben examinados, os aprobados son, teñen que ser, definitivos!
Ninguén odia tanto coma os acomplexados. ¿Por qué? ¡Hai un refrán que os define perfectamente: Pensa o ladrón que todos son da súa condición! Unha persoa acomplexada é difícil que sexa boa, intelixente, comprensiva, tolerante…; o seu é rebaixar ao próximo cando pensa que lle pasan diante, aínda que non sexa verdade, pero o seu complexo é terreal, tira sempre para abaixo. Se estás debaixo doutros, trata de erguer a cabeza, con esforzo, con traballo, con dignidade, que así chegarás a igualalos, cando non a superalos. Se es feo/fea pensa que os guapos non adoitan ser os más intelixentes, nin sequera os mellores, pois esa guapura do espello convérteos en pavos reales, moitas plumas e pouca carne!
Para ser bo, o odio é a antítese do amor; e sen amor, qué? ¡Merda, falando mal!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES