Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Contra adversos

jueves, 02 de octubre de 2014
O poeta, narrador e ensaísta Xesús Manuel Valcárcel continúa a espallar dende a Editorial Bubela os alicerces artísticos, culturais e conceptuais do movemento Senti_mental_ista, en palabras do autor un ‘rebelde stil novo’, que pretende unha revolución no xeito de concibir a filosofía vital Contra adversose creativa afastada de calquera atume formalista caduco, procederes limitativos para o individuo e orquestracións de grupos de poder dirixistas. Froito desta visión integral e alternativa foron vendo luz diversos volumes de teoría e praxe sentimentalista todos eles asinados polo propio Valcárcel, textos que se complementan cunha triloxía de escolmas poéticas nas que diversos autores, máis ou menos próximos ao sentimentalismo, participaron cos seus versos na divulgación do movemento.

Unha das máis recentes entregas propaladora do ideario sentimentalista é a invectiva de Valcárcel Panfleto contra adversos, que no seu subtítulo compendia o sentido e a dirección ao que apunta o escrito, libelo contra os “nefastos, pederastas, artiocres, chumbeiros, fillosdeputa, poetastros, politicastros, maliciosos, putrefactos, nocivos, tóxicos, covardes, malditos e outras herbas criminais”.

No ronsel da mellor tradición de literatura escarnio (dende as cantigas medievais pasando por Curros ata Celso Emilio), este Panfleto contra adversos avanza en estacións que van visitando realidades palpitantes verbo das cales o Sent verte a súa crítica. Deste xeito, fronte ás posicións risquianas de Nós, os inadaptados (1933), Valcárcel sitúa o seu movemento como un “Nós, os que non queremos adaptarnos”, para pasar logo a revisar todas as lacras dos que, situados fóra e mesmo contra do Sent, se prodigan no “Calumnia, que algo queda”, na “Depredación do espírito”, as “Torturas a gogó” (enténdese: torturas intelectuais), a “Leña al mono ata que aprenda o catecismo”, o “Fusilarlle o talento” e o “Tiro de ghracia”. Agora ben, o poeta, logo da súa particular “Travesía do deserto”, afírmase no vitalista “Valcárcel resurrexit et vivat quam potest!”, alcanza a “Transmutación dos elementos impuros”, denuncia a “Poesía verdadeiramente in-sopor-table” que asolaga os andeis das librerías e foros de recitado e, nun auténtico “Combate de titáns”, procede a un literario “Axuste de contas” para proclamar o “Heraldo da nova aurora”.

Contra adversosPanfleto contra adversos de Xesús Manuel Valcárcel ensínanos como descubrir a política da ‘caste’ intelectual (que haber haina, xaora) e ata que punto funciona como unha ditadura da (in)cultura, un despotismo ilustrado de novo cuño no que o que rexe é a máxima de ‘as letras e as artes para o pobo, pero sen o pobo’, ata deixar que, baixo o seu manto cincento, medren como fungos os pseudointelectuais, tamén os que lapan o caldo bromurento das institucións nas que permanecen vitaliciamente instalados, pontificando sobre o si e o non do que debe considerarse literatura, arte, cultura en xeral, oficialmente visibilizable, promovible, comerciable, inoculable.

Poderán discutirse os valores estéticos deste Panfleto contra adversos, o seu (des)acerto nos tropos, na escolleita léxica, nas imaxes, na estrutura, na focalización e demais, pero o que resulta incontestable é a valentía e a pertinencia do contido dun libro coma este, necesario para axudar a ir destetando a moitos dos peitos opiáceos dunha cultura que determina, perversamente, o que (lles) convén que leamos. Dito queda.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 21-9-2014]
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES