Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Quenlla en Meira

miércoles, 01 de octubre de 2014
Puxen rumbo a Meira, aló no norte da provincia de Lugo, onde ía a ter lugar unha homenaxe ao grupo “A Quenlla” salvagarda da música popular galega na que levan traballando trinta anos. O recoñecemento era extensible a Mini e Mero que, por dicilo dalgún xeito, forman a “alma mater” do grupo. Noutrora Mini e Mero foron “Fuxan os Ventos”, un referente tamén nos albores da década dos setenta, grupo do que saíron ao non coincidir nos criterios e os camiños polos que a súa música tiña que transcorrer e que eles consideraban básicos e innegociables. E xorde A Quenlla, garante desa música sen aditivos, de fondas raíces, incardinada na pureza que emana do pobo, respectando as formas, a sinxeleza e os conceptos harmónicos. E nesas están.
A Quenlla en Meira
O primeiro que me preguntei foi por que en Meira, onde nace o Miño, o río galego por excelencia, o que da vida á Matria. Dixéronme que porque alí tivera lugar a primeira romaxe na que o grupo “A Quenlla” se presentara, e axiña entendín por que alí e non en Lugo, en Monforte, Vilalba ou Mondoñedo. Meira é un pobo acolledor que ten unha igrexa románica, Santa María (século XII) que formou parte dun mosteiro cisterciense, e un pazo municipal que foi parte dese mosteiro. Na praza enmarcada por eses dous monumentos significativos reunímonos un grupo de amigos que, dunha ou doutra maneira, compartimos andainas con Mini e con Mero, xente que foi pasando polo escenario para dicir o que sentían e o que significan os dous para a música tradicional galega na que hoxe quizais sexa “A Quenlla” o grupo máis representativo. Foi un acto sinxelo, popular e moi emotivo no que, dito sexa de paso, eu esperaba escoitar a “A Quenlla” en concerto, pero do ceo de Meira comezaron a caer gotas de chuvia cando o serán entregábase á noite e apenas houbo tempo de cantar todos xuntos “Irmán”, tema emblemático do grupo e non houbo outra que poñer punto e final.

A Mini e a Mero nunca importoulles a fama, o estar na crista da onda e xa que logo tanto lles ten cantar baixo un carballo coma nun cómodo auditorio. Eu case atrévome a considerar que están mais ledos baixo dun carballo rodeados da xente que eles aman e que está aí para escoitar cousas de seu sen máis aditamentos, pero tamén son dos que penso que a música de “A Quenlla” ten que dar un salto cualitativo dende o campo da feira a outros foros sen deixar, iso si, a pureza intrínseca que a caracteriza. A cultura Galega está en débeda con estes homes cuxa inxente labor de pescuda de música e textos proporciona un legado inmenso, un fondo musical sen parangón, unha música que é preciso que coñeza todo o mundo; e para iso sería necesario que os medios de difusión galegos (que de galegos só teñen o nome) fixeran o seu labor, o que realmente deberían ter encomendado: dar difusión a esa herdanza musical que nos pertence a todos.

En Meira tiven a oportunidade de volver a ver a compañeiros músicos, cantautores, poetas e escritores que non vía dende ai tempo, pero sobre todo compartir unhas horas con Mini e con Mero e un anaquiño de escenario, cando unha chuvia tímida pero pertinaz quixo tamén participar con certo perigo para os que estaban aí enriba rodeados de cables e enchufes. Tiven ocasión de comprobar ata que punto son queridos e tamén de agradecerlles que incluíran no seu novo disco unha canción miña: “A Emigración” baseada nun poema de Curros, e o que fixeron, e están a facer, a prol da música tradicional galega. Eles seguirán fieis aos seus principios por moitas primaveras máis. Abofé.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES